Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

3.3 Filosofía da Natureza: tipos e causas do cambio

Os tipos de cambio

Aristóteles distingue diversos tipos de cambio, segundo afecte á substancia ou aos accidentes, ou segundo sexa producido de forma natural ou artificial. O cambio pode ser producido espontaneamente pola substancia, e nese caso falamos de cambio natural; ou pode ser producido artificial ou violentamente, por mor da intervención dun axente externo á substancia mesma, o ser humano por exemplo, e neste caso falamos de cambio artificial.

O cambio substancial

supón a modificación radical dunha substancia, é dicir, que algo deixe de ser o que era e pase ser outra cousa: que unha substancia se "converta" noutra. As dúas formas propias deste tipo de cambio son a xeración e a corrupción. A xeración supón o nacemento, ou o xurdimento dunha nova substancia; a corrupción supón a morte ou a desaparición, a destrución dunha substancia. A xerminación dunha semente, e o paso de ser semente a ser planta, supón un cambio substancial: a semente desaparece, deixa de ser semente, e xorde a planta.

O cambio accidental

supón, polo contrario, a modificación dalgún accidente da substancia, a perda ou a adquisición dunha característica, é dicir, a substitución dunha forma accidental por outra. Este tipo de cambio pode ser local, cuantitativo, ou cualitativo. O cambio local supón a translación da substancia dun lugar a outro; isto pode producirse dunha forma natural, como ocorre co movemento das augas dun río, ou dunha forma artificial, se movo de sitio a mesa na que traballo, por exemplo. O cambio cuantitativo consiste no aumento ou da diminución na cantidade nunha substancia: o aumento ou a diminución do peso dun individuo é un exemplo típico de cambio cuantitativo. O cambio cualitativo supón a substitución dunha calidade por outra nunha substancia; unha froita que madura e cambia de cor experimenta un cambio cualitativo, por exemplo; unha mesa pintada dunha cor diferente tamén experimenta un cambio cualitativo. Todas as formas de cambio accidental poden, pola súa vez, ser un tipo de cambio natural ou artificial.

As causas do cambio

Por último, a explicación de por que se produce o cambio, as súas causas, ofrécenola Aristóteles coa teoría dos catro causas: a causa material, a causa formal, a causa eficiente, e a causa final. O cambio pódese producir por razón da materia, da forma, dun axente, ou do fin. Cando a madeira dunha mesa podrece, e se destrúe a mesa, a causa do cambio é material; cando a un mozo comeza a saírlle a barba, a causa do cambio é formal, deriva da súa propia esencia; cando un bloque de mármore se converte nunha estatua a causa do cambio é o escultor que o modela, a causa eficiente; cando unha masa de arxila se converte nun prato faino en función da causa final, para comer.

A teoría dos catro causas está inspirada claramente na acción do ser humano, respecto á fabricación de obxectos artificiais, onde a causa eficiente e a causa final actúan dunha maneira deliberada e clara. Non está tan claro como se poden aplicar esas causas aos obxectos ou ás substancias naturais; pero Aristóteles faino, convertendo a súa interpretación da natureza nunha interpretación teleolóxica, finalista.