Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

3.2 Filosofía da Natureza: a Física e a explicación do cambio

A física aristotélica

Polo que fai ao mundo sublunar, Aristóteles concíbeo como a totalidade das substancias, sometidas ao cambio, á xeración e á corrupción. Distingue dous tipos de substancias, a este respecto, as artificiais e as naturais; e son substancias naturais aquelas que teñen en si o principio e a causa do movemento. A Natureza, pois, estaría formada polo conxunto das substancias naturais.

"Entre os seres, en efecto, uns son por natureza, outros por outras causas; por natureza, os animais e as súas partes, as plantas e os corpos simples, como a terra, o lume, a auga, e o aire; destas cousas, en efecto, e doutras semellantes, dise que son por natureza. Agora ben, todas as cousas das que acabamos de falar diferénciase claramente das que non existen por natureza; cada ser natural, en efecto, ten en si mesmo un principio de movemento e de repouso, uns no que fai ao lugar, outros no que fai ao aumento e a diminución, outros no que fai á alteración. Pola contra, unha cama, unha capa e calquera outro obxecto dese tipo, entrementres cada un ten dereito a ese nome, é dicir, na medida que é un produto da arte, non posúen ningunha tendencia natural á mudanza, senón soamente en canto teñen o accidente de ser de pedra ou de madeira e baixo esa consideración; pois a natureza é un principio e unha causa de movemento e de repouso para a cousa na que reside inmediatamente, por esencia e non por accidente." ("Física", libro II, 1)

O movemento, a mudanza, para Aristóteles é unha realidade innegábel e unha característica fundamental da natureza. Á polémica suscitada por Parménides ao redor da posibilidade do cambio dalle fin Aristóteles coa súa teoría da substancia e, por se non fose considerada suficientemente clara, coa explicación do cambio como un paso da potencia ao acto.

A) A explicación do cambio ou movemento

1. A primeira explicación do cambio

que nos ofrece Aristóteles está baseada na súa concepción da substancia, no hilomorfismo. Lembremos que, segundo esta teoría, a substancia está composta de materia e forma, e que a forma representa a esencia, aquilo que a cousa é, o que a define. Nomeamos ás substancias pola súa forma, pola súa esencia. Pois ben , para que se produza o cambio ten que haber algo que permaneza e algo que se produza. Ten que haber, pois, un substrato do cambio, o que permanece, o que sofre o cambio. Ten que haber algo que cambie, algo que se perda e algo que se adquira. O substrato é o suxeito do cambio, e o cambio consiste na adquisición polo substrato dunha forma da que inicialmente estaba privado. Polo tanto, os principios do cambio son tres: o substrato (hipokéimenon), a forma (morphé) e a privación (stéresis) da forma que se adquire.

Cando unha árbore florece o substrato do cambio é a árbore, que permanece, pero que perde a forma na que estaba (sen flores) e adquire unha nova forma da que estaba privado (florido). O que ocorre no cambio, pois, é que o substrato perde a forma que posuía e adquire unha nova forma da que estaba privado. Non se dá, pois, a contradición que supoñía Parménides, xa que a mudanza non supón o paso do non ser ao ser (non-P convértese en P), senón máis ben a adquisición dunha propiedade que o suxeito non posuía (S que non ten P convértese en S que ten P), e onde non hai paso do non ser ao ser, senón permanencia do suxeito, e sen embargo modificación. Para aclarar as cousas Aristóteles ponnos un exemplo, o do home analfabeto que se converte en home alfabetizado: o substrato é o home, o ser analfabeto é a forma dese home (que ao mesmo tempo implica a privación da forma alfabetizado), e a forma que se adquire no cambio é a de alfabetizado, da que anteriormente estaba privado.

3. A segunda forma de explicación do cambio

baséase na distinción entre ser en potencia e ser en acto. Á igual que nos explica na Metafísica, o ser en acto (enérgeia) remite o que unha substancia é agora, e o ser en potencia (dynamis) a unha certa capacidade de ser, relativa á natureza da substancia, é dicir, á posibilidade de ser algo que por natureza é propio desa substancia e non doutra (co que Aristóteles quere insistir en que non toda cousa pode converterse en calquera outra). Un neno pode converterse en home, un bloque de mármore nunha estatua, pero ningún dos dous pode converterse en león. Nese sentido, o neno é un home en potencia; o bloque de mármore é unha estatua en potencia; pero de ningún dos dous se pode dicir que sexa un león en potencia. Avanzando na investigación podemos pensar que a afirmación de que o neno é un home en potencia permitiríanos afirmar que o neno "é e non é un neno": co cal poderiamos pensar que Aristóteles entronca aquí con outros pensadores anteriores que afirmaban a realidade da contradición, ou que se basea na afirmación da contradición para explicar o cambio.

Sen embargo esa consideración non pasaría de ser un xogo de palabras para Aristóteles. O neno é un neno en acto, e non é un neno, ou sexa, é un home en potencia. A aparente contradición pérdese. Non atopamos ningunha contradición, senón simplemente dúas formas de ser: o ser en acto e o ser en potencia. A consideración parmenídea de que o cambio é imposíbel porque supón o paso do non ser ao ser queda así desmontada; o que ocorre, simplemente, é que se pasa do ser en potencia ao ser en acto. A mudanza supón neste sentido a actualización dunha potencia, é dicir, a realización efectiva dunha capacidade; cando alguén a aprender un idioma o que fai é "actualizar" a capacidade de aprender ese idioma. De aí que Aristóteles poida definir o cambio como a culminación do potencial en canto tal.

Segundo a primeira explicación do cambio, a baseada na noción de substancia, toda mudanza supón a perda dunha forma e a adquisición doutra, perda e adquisición que se dá sempre nun substrato. E segundo a segunda explicación, esa forma nova que se adquire representa a actualización dunha potencia ou capacidade de ser.