A filosofía de Aristóteles
(- 384 a - 322)
6.2. A Ética aristotélica: virtudes éticas e virtudes dianoéticas
As virtudes éticas
Ao longo da nosa vida ímonos forxando unha forma de ser, un carácter (éthos), a través das nosas accións, en relación coa parte apetitiva e volitiva da nosa natureza. Para determinar cales son as virtudes propias dela, Aristóteles procederá á análise da acción humana, determinando que hai tres aspectos fundamentais que interveñen nela: a volición, a deliberación e a decisión. É dicir, queremos algo, deliberamos sobre a mellor maneira de conseguilo e tomamos unha decisión sobre a acción que debemos emprender para acadar o fin proposto. Xa que Aristóteles entende que a vontade está naturalmente orientada cara ao ben, a deliberación non pode versar sobre o que queremos, sobre a volición, senón soamente sobre os medios para conseguilo; a natureza de cada substancia tende cara á determinados fins que lle son propios, polo que tamén no ser humano os fins ou bens aos que pode aspirar están xa determinados pola propia natureza humana. Sobre a primeira fase da acción humana, polo tanto, sobre a volición, pouco hai que dicir. Non así sobre a segunda, a deliberación sobre os medios para conseguir o que por natureza desexamos, e sobre a terceira, a decisión acerca da conduta que temos que adoptar para conseguilo. Estes dúas fases estabelecen unha clara subordinación ao pensamento da determinación da nosa conduta, e esixen o recurso á experiencia para poder determinar o acertado ou non das nosas decisións. A deliberación sobre os medios supón unha reflexión sobre as distintas opcións que se me presentan para conseguir un fin; unha vez elixida unha das opcións, e executada, saberei se me permitiu conseguir o fin proposto ou me afastou del. Se a decisión foi correcta, repetireina en futuras ocasiones, chegando a "automatizarse", é dicir, a converterse nunha forma habitual de conduta en ocasións semellantes.
É a repetición das boas decisións, polo tanto, o que xera no ser humano o hábito de comportarse axeitadamente; e en ese hábito consiste a virtude para Aristóteles. (Non me porto ben porque son bo, senón que son bo porque me porto ben). Pola contra, se a decisión adoptada non é correcta, e persisto nela, xerarei un hábito contrario ao anterior baseado na repetición de malas decisións, é dicir, un vicio. Virtudes e vicios fan referencia polo tanto á forma habitual de comportamento, polo que Aristóteles define a virtude ética como un hábito, o hábito de decidir ben e consonte unha regra, a da elección do termo medio óptimo entre dous extremos.
"A virtude é, polo tanto, un hábito selectivo, consistente nunha posición intermedia para nós, determinada pola razón e tal como a determinaría o ser humano prudente. Posición intermedia entre dous vicios, o un por exceso e o outro por defecto. E así, uns vicios pecan por defecto e outros por exceso do debido, nas paixóns e nas accións, mentres que a virtude atopa e elixe o termo medio. Polo cal, segundo a súa substancia e a definición que expresa a súa esencia, a virtude é medio, pero dende o punto de vista da perfección e do ben, é extremo." ("Ética Nicomaquea", libro 2, 6)
Este termo medio, dinos Aristóteles, non consiste na media aritmética entre dúas cantidades, de xeito que se consideramos que 2 é pouco, e que 10 é moito, o termo medio sería 6. ("Se para alguén é moito comer por valor de dez minas, e pouco por valor de 2, non por isto o mestre de ximnasia prescribirá un xantar de seis minas, pois tamén isto podería ser moito ou pouco para quen tivese que comela: pouco para Milón, e moito para quen empece os exercicios ximnásticos. E o mesmo na carreira e na loita. Así, todo coñecedor foxe do exceso e do defecto, buscando e preferindo o termo medio, pero o termo medio non da cousa, senón para nós"). Non hai unha forma de comportamento universal na que poida dicirse que consista a virtude. É a través da experiencia, da nosa experiencia, como podemos ir forxando ese hábito, mediante a persistencia na adopción de decisións correctas, no que consiste a virtude. As nosas características persoais, as condicións nas que se desenvolve a nosa existencia, as diferenzas individuais, son elementos que temos que considerar na toma dunha decisión, na elección da nosa conduta. O que para un pode ser excesivo, para outro pode converterse no xusto termo medio; a virtude manterá o seu nome en ambos casos, aínda que actuando de dúas formas distintas. Non hai unha forma universal de comportamento e sen embargo tampouco se afirma a relatividade da virtude.
As virtudes dianoéticas
Se para determinar as virtudes éticas partía Aristóteles da análise da acción humana, para determinar as virtudes dianoéticas partirá da análise das funcións da parte racional ou cognitiva da alma, da diánoia. Xa nos referimos estas funcións ao falar do tema do coñecemento: a función produtiva, a función práctica e a función contemplativa ou teórica. A cada unha delas corresponderalle unha virtude propia que virá representada pola realización do saber correspondente.
O coñecemento ou dominio dunha arte significa a realización da función produtiva. Á función práctica, a actividade do pensamento que reflexiona sobre a vida ética e política do ser humano tratando de dirixila, correspóndelle a virtude da prudencia (phrónesis) ou racionalidade práctica. Mediante ela estamos en condicións de elixir as regras correctas de comportamento polas que regular a nosa conduta. Non é o resultado, pois, da adquisición dunha ciencia, senón máis ben o froito da experiencia. A prudencia é unha virtude fundamental da vida ética do ser humano, sen a cal dificilmente poderemos adquirir as virtudes éticas. Aplicada ás distintas facetas da vida, privada e pública, do ser humano temos distintos tipos de prudencia (individual, familiar, política).
Polo que fai ás funcións contemplativas ou teóricas, propias do coñecemento científico, (Matemáticas, Física, Metafísica,) a virtude que lles corresponde é a sabedoría (sophía). A sabedoría representa o grao máis elevado de virtude, xa que ten por obxecto a determinación do verdadeiro e do falso, do ben e do mal. O hábito de captar a verdade a través da demostración, a sabedoría, representa o nivel máis elevado de virtude ao que pode aspirar o ser humano, e Aristóteles identifícaa coa verdadeira felicidade.
En efecto, o saber teórico non "serve" para nada ulterior, non é un medio para ningún outro fin, senón que é un fin en si mesmo que ten o seu pracer propio; sen embargo, como vimos ao analizar as virtudes éticas, o ser humano debe atender a todas as facetas da súa natureza, polo que necesariamente ha de gozar dun determinado grao de benestar material se quere ater as condicións que lle permitan acceder á sabedoría. Será un deber do Estado, polo tanto, garantir que a maioría dos cidadáns libres estean en condicións de acceder aos bens intelectuais. Pero este é un tema que enlaza xa coa Política e co sentido social da vida do ser humano, que veremos no próximo apartado.