Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

6.1. A Ética aristotélica: a Ética a Nicómaco

A Teoría ética aristotélica

Aristóteles expón as súas reflexións éticas na "Ética Nicomaquea", fundamentalmente. As súas outras dúas obras sobre o tema son a "Ética a Eudemo", que recolle elementos da reflexión aristotélica do seu período de mocidade e, polo tanto, anteriores á teoría da substancia, polo que conteñen algúns vestixios de platonismo; e a "Gran Moral", na que se resumen as ideas fundamentais da "Ética Nicomaquea", polo que coincide co Aristóteles da madurez; ningunha delas contén ninguhna achega distinta ao exposto na "Ética Nicomaquea" (na "Ética a Eudemo", por exemplo, repítense textualmente catro dos libros da Ética Nicomáquea).

A ética de Platón, o mesmo que a ética socrática, identificaba o ben co coñecemento, caracterizándose por un marcado intelectualismo. Por natureza o ser humano tende buscar o ben, polo que abondaría coñecelo para obrar correctamente; o problema é que o ser humano descoñece o ben, e toma por bo o que lle parece bo e non o que realmente é bo. De aí que Platón na República, na explicación do mito da caverna, insista en que a Idea do Ben debe necesariamente coñecela quen queira proceder sabiamente tanto na súa vida privada como na súa vida pública, unha Idea de Ben que é única e a mesma para todos os homes. Para Aristóteles, sen embargo, en consonancia co seu rexeitamento da subsistencia das formas, non é posíbel afirmar a existencia do "ben en si", dun único tipo de ben trascendente: á igual que o ser dise de moitos xeitos, hai tamén moitos tipos de bens.

"Toda arte e toda procura científica, o mesmo que toda acción e elección parecen tender a algún ben; e xa que logo definiron con toda pulcritude o ben os que dixeron ser aquilo a que todas as cousas aspiran". ("Ética Nicomaquea", libro 1,1). "Sendo como son en gran número as accións e as artes e ciencias, moitos serán polo tanto os fins. Así, o fin da medicina é a saúde; o da construción naval, o navío; o da estratexia, a victoria, e o da ciencia económica, a riqueza". ("Ética Nicomaquea", libro 1,1)

Afrodita

A Ética Nicomaquea comeza afirmando que toda acción humana realizase en vistas a un fin, e o fin da acción é o ben que se busca. O fin, polo tanto, identifícase co ben. Pero moitas desas accións emprendidas polo ser humano son un "instrumento" para conseguir, pola súa vez, outro fin, outro ben. Por exemplo, alimentámonos axeitadamente para gozar de saúde, polo que a correcta alimentación, que é un fin, é tamén un instrumento para conseguir outro fin: a saúde. Hai algún fin último? É dicir, Hai algún ben que se persiga por si mesmo, e non como instrumento para acadar outra ben? Aristóteles dinos que a felicidade é o ben último ao que aspiran todos os seres humanos por natureza. A natureza impélenos a buscar a felicidade, unha felicidade que Aristóteles identifica coa boa vida, é dicir, cunha vida boa. Pero non todos os homes teñen a mesma concepción do que é unha vida boa, do que é a felicidade: para uns a felicidade consiste no pracer, para outros nas riquezas, para outros nos honores, etc. É posíbel atopar algún fío conductor que permita decidir en que consiste a felicidade, máis alá dos prexuízos de cada cal?

Non se trata de buscar unha definición de felicidade do mesmo xeito no que Platón busca a Idea de Ben, pois o intelectualismo platónico rexéitao Aristóteles. A ética non é, nin pode ser, unha ciencia, que dependa do coñecemento da definición universal do Ben, senón unha reflexión práctica encamiñada á acción, polo que ten que ser na actividade humana onde atopemos os elementos que nos permitan responder a esa pregunta. Cada substancia ten unha función propia que vén determinada pola súa natureza; actuar en contra desa función equivale actuar en contra da propia natureza; unha cama ha de servir para durmir, por exemplo, e un coitelo para cortar: se non cumpren a súa función diremos que son unha "mala" cama ou un "mal" coitelo. Se a cumpren, diremos que teñen a "virtude" (areté) que lle é propia: permitir o descanso ou cortar, respectivamente; e polo tanto diremos que son unha "boa" cama e un "bo" coitelo. A virtude, pois, identifícase con certa capacidade ou excelencia propia dunha substancia, ou dunha actividade (dunha profesión, por exemplo).

Do mesmo xeito o ser humano terá unha función propia: se actúa consonte esa función será un "bo" ser humano; en caso contrario será un "mal" ser humano. A felicidade consistirá polo tanto en actuar de acordo coa función propia do ser humano. E na medida na que esa función se realice, poderá o ser humano acada-la felicidade. Se os seus actos lle permiten realizar esa función, serán actos virtuosos; no caso contrario serán vicios que o afastarán da súa propia natureza, do que nela hai de característico ou excelente e, con iso, da felicidade.

Se queremos resolver o problema da felicidade, o problema da moralidade, temos que volvernos cara á natureza do ser humano, e non cara á definición dun hipotético "ben en si". Agora ben, o ser humano é unha substancia composta de alma e corpo, polo que xunto ás tendencias “apetitivas” propias da súa natureza animal atoparemos tendencias intelectivas propias da súa natureza racional. Haberá, pois, dúas formas propias de comportamento e, polo tanto, dous tipos de virtudes: as virtudes éticas (propias da parte apetitiva e volitiva da natureza humana) e as virtudes dianoéticas (propias da diánoia, do pensamento, das funcións intelectivas da alma).

"Sendo, pois, de dúas especies a virtude: intelectual e moral, a intelectual debe sobre todo ao maxisterio o seu nacemento e desenvolvemento, e por iso precisa de experiencia e de tempo, entrementres que a virtude moral (ética ) é froito do costume (éthos), do cal tomou o seu nome por unha lixeira inflexión do vocábulo (éthos)". ("Ética Nicomaquea", libro 2,1)