A filosofía de Aristóteles
(- 384 a - 322)
5. Teoría do coñecemento
A Teoría do coñecemento aristotélica
Do mesmo xeito que ocorría con Platón tampouco atopamos en Aristóteles unha teoría do coñecemento elaborada ex profeso, aínda que atopemos pasaxes dabondo en varias das súas obras (Metafísica, Ética a Nicómaco, Tópicos, por exemplo) que se refiren explicitamente ao coñecemento analizándoo baixo distintos aspectos. O estudo da demostración, a análise das características da ciencia e as súas divisións, a determinación das virtudes dianoéticas, etc., son algunhas das ocasións nas que Aristóteles nos fala dun xeito máis específico do coñecemento e das súas características. De todo iso podemos deducir algunhas das características básicas do coñecemento tal como parece que o concibira Aristóteles.
Aristóteles distingue varios niveis ou graos de coñecemento. O coñecemento sensíbel deriva directamente da sensación e é un tipo de coñecemento inmediato e fugaz, desaparecendo coa sensación que o xerou. O coñecemento sensíbel é propio dos animais inferiores. Nos animais superiores, sen embargo, ao misturarse coa memoria sensitiva e coa imaxinación pode dar lugar a un tipo de coñecemento máis persistente. Ese proceso ten lugar no ser humano, xerando a experiencia como resultado da actividade da memoria, unha forma de coñecemento que, sen que lle permita aos seres humanos coñecer o porqué e a causa dos obxectos coñecidos, permítelles, sen embargo, saber que existen, é dicir, a experiencia consiste no coñecemento das cousas particulares:
"... ningunha das accións sensíbeis constitúe aos nosos ollos o verdadeiro saber, aínda que sexan o fundamento do coñecemento das cousas particulares; pero non nos din o porqué de nada; por exemplo, fannos ver que o lume é quente, pero só que é quente." ("Metafísica", libro 1,1).
O nivel máis elevado de coñecemento viría representado pola actividade do entendemento, que nos permitiría coñecer o porqué e a causa dos obxectos; este saber ten que xurdir necesariamente da experiencia, pero na medida que é capaz de explicar a causa do que existe constitúese no verdadeiro coñecemento:
"Polo tanto, como acabamos de dicir, o home de experiencia parece ser máis sabio có que só ten coñecementos sensíbeis, calquera que eles sexan: o home de arte éo máis que o home de experiencia; ao operario superao o director do traballo, e a especulación é superior á práctica."("Metafísica", libro 1,1)
O coñecemento sensíbel é, pois, o punto de partida de todo coñecemento, que culmina no saber. E Aristóteles distingue na Metafísica tres tipos de saber: o saber produtivo, o saber práctico e o saber contemplativo ou teórico. Na Ética Nicomaquea volverá presentarnos esta división do saber, en relación coa análise das virtudes dianoéticas, as virtudes propias do pensamento discursivo (diánoia). O saber produtivo (episteme poietiké) que é o que ten por obxecto a produción ou fabricación, é dicir, o saber técnico. O saber práctico (episteme praktiké) remitente á capacidade de ordenar racionalmente a conduta, tanto pública como privada. E o saber contemplativo (episteme theoretiké), que non responde a ningún tipo de interese, nin produtivo nin práctico, e representa a forma de coñecemento máis elevado, que conduce á sabedoría.
O punto de partida do coñecemento constitúeno, pois, a sensación e a experiencia, que nos poñen contacto coa realidade das substancias concretas. Pero o verdadeiro coñecemento é obra do entendemento e consiste no coñecemento das substancias polas súas causas e principios, entre as que se atopa a causa formal, a esencia. Á igual que para Platón, para Aristóteles coñecer, falando propiamente, supón estar en condicións de dar conta da esencia do obxecto coñecido. De aí que o coñecemento o sexa propiamente do universal, da forma (ou da Idea). Pero para Aristóteles a forma atópase na substancia, non é unha entidade subsistente, polo que é absolutamente necesario, para poder captar a forma, captares previamente, a través da sensibilidade, a substancia, a realidade material e concreta.
O entendemento non pode entrar en contacto directamente coa forma; cando o home nace non dispón de ningún contido mental, polo que o entendemento non ten nada cara ao que dirixirse: é a través da experiencia como se vai nutrindo o entendemento dos seus obxectos de coñecemento, a través dun proceso no que interveñen a sensibilidade, a memoria e a imaxinación. Mediante a acción dos sentidos, en efecto, captamos a realidade dunha substancia, da que, mediante a imaxinación, elaboramos unha imaxe sensíbel, é dicir, unha imaxe que contén os elementos materiais e sensíbeis da substancia, pero tamén os formais. É sobre esta imaxe sobre a que actúa o entendemento, separando nela o que hai de material do que hai de formal. Aristóteles distingue dous tipos de entendemento, o axente e o paciente; o entendemento entra en contacto primeiro, “recibe”, a imaxe sensíbel; e despois o entendemento axente realiza propiamente a separación da forma e a materia, quedándose co elemento formal, coa esencia, que expresa a través dun concepto no que se manifestan, polo tanto, as características esenciais do obxecto.
As diferenzas son, pois, considerábeis con Platón, tanto respecto ao valor atribuído ao coñecemento sensíbel, como respecto á actividade mesma do entendemento que ten que ser necesariamente discursiva, sendo imposíbel chegar a coñecer os universais a non ser mediante a indución; ademais, Aristóteles rexeita explicitamente o innatismo do coñecemento, e preséntanolo como o resultado da aprendizaxe, é dicir, da coordinación racional dos elementos procedentes da sensación, a través da experiencia. Coinciden ámbolos dous, non obstante, na consideración de que o verdadeiro coñecemento é o coñecemento do universal, e non dos obxectos particulares, sensíbeis.