Noticias recolleitas por Dióxenes Laercio sobre Demócrito
Demócrito, fillo, segundo uns, de Hegesístrato; segundo outros, de Atenócrito, e aínda segundo outros, de Damasipo, foi de Abdera, ou como din algúns, de Mileto. Estudou con algúns magos e caldeos que o rei Xerxes deixou por mestres ao seu pai cando se hospedou na súa casa, dos cales aprendeu a teoloxía e a astroloxía sendo aínda rapaz, segundo escribiu Herodoto. Uniuse despois a Leucipo, e, segundo din algúns, a Anaxágoras, sendo corenta anos máis mozo ca el. Refire Favorino na súa "Historia varia" que Demócrito dixo de Anaxágoras que non eran del as cousas que escribira acerca do sol e da lúa, senón que eran opinións antigas, e que as roubara. Tamén que censurou e degradou o mérito do que escribiu sobre a formación do mundo e da mente, facéndose inimigo del porque non o quixera recibir. Como, pois, din algúns, será discípulo seu? Demetrio, nos seus "Colombroños", e Antístenes, nas "Sucesións", din que se foi aos sacerdotes de Exipto a fin de aprender a xeometría, aos caldeos de Persia e ao mar Vermello. Aínda hai quen di que tamén estivo na India cos ximnosofistas e que tamén pasou a Etiopía.
Parece, di Demetrio, que tamén estivo en Atenas, e que por desestimar a súa propia gloria non se coidou de ser coñecido; e aínda que el coñeceu a Sócrates, Sócrates non o coñeceu a el. «Fun - di - a Atenas, e ninguén me coñeceu» «Se o diálogo Antierastes - di Trasilo - é de Platón, acaso seria Demócrito o anónimo que alí estaba ademais de Enópidas e Anaxágoras, discorrendo da filosofía, do cal di Platón: Este filósofo parécese ao vencedor de cinco certames». En efecto, Demócrito realmente era na Filosofía perito en cinco certames , pois era experimentado e hábil na natural, moral, matemática, encíclica e en todas as artes. Seu é aquel dito de «as palabras son a sombra das cousas».
Morreu Demócrito, como di Hermipo, desta forma: como fose xa moi ancián e se vise veciño a partir de esta vida, á súa irmá, que se lamentaba de que se el morría na próxima festividade dos tesmoforios, non podería ela dar á deusa os debidos cultos, dixolle que se consolase. Mandoulle traer diariamente algúns pans quentes, e aplicándoos aos narices, conservou a súa vida durante as festas; pero pasados os seus días, que eran tres, terminou a súa vida sen dor algún, aos cento nove anos de idade, como di Hiparco.
(Dióxenes Laercio, "Vidas de filósofos ilustres")