Vida e obras
Biografía
Demócrito naceu en Abdera no ano 460 antes de Cristo. Atribúenselle numerosas viaxes, a Exipto e á India, entre outros lugares, adquirindo no curso delas coñecementos de teoloxía, astroloxía, xeometría, etcétera. Tamén se se di que estivo en Atenas escoitando as leccións de Sócrates ou de Anaxágoras, segundo recolle Dióxenes Laercio: "parece, di Demetrio, que tamén pasou a Atenas, e que por desestima da súa propia gloria non se coidou de ser coñecido; e aínda que el coñeceu a Sócrates, Sócrates non o coñeceu el. Fun -di- a Atenas, e ninguén me coñeceu."; tamén se di que foi discípulo de Leucipo, a quen se lle atribúe a creación do atomismo, doutrina defendida por Demócrito. (Sobre a existencia mesma de Leucipo hai quen chegaron a poñela en dúbida, apoiándose, xa no descoñecemento practicamente total que temos del, xa en afirmacións como as de Epicuro, quen negaba a súa existencia).
Pensamento
Polo que fai ao seu pensamento parece que foi un home adicado enteiramente ao estudo e que tivo unha produción abundante. Á igual que Empédocles e Anaxágoras a filosofía de Demócrito estará inspirada pola necesidade de conxugar a permanencia do ser coa explicación do cambio, adoptando unha solución estruturalmente idéntica: o que chamamos xeración e corrupción non é máis que mestura e separación dos elementos orixinarios, que posúen as características de inmutabilidade e eternidade do ser parmenídeo. Estes elementos orixinarios serán concibidos como entidades materiais, infinitamente pequenas e, polo tanto, imperceptíbeis para os sentidos, e de carácter estritamente cuantitativo, as que Demócrito chamará átomos (termo grego que significa "indivisíbeis" ) pola súa calidade de ser partículas indivisíbeis.
Algúns filósofos antigos creron que o que é debe ser necesariamente un e inmóbil, xa que sendo o baleiro non-ente, non podería existir o movemento sen un baleiro separado (da materia) nin existir unha pluralidade de cousas sen algo que as separe. [...] Pero Leucipo creu ter unha teoría que concordando coa percepción dos sentidos non facía desaparecer o nacemento, a corrupción, o movemento nin a pluralidade de seres.
(Aristóteles, "Sobre a xeración e a corrupción", I,8,325a)
Estes átomos existen desde sempre no baleiro, sometidos a un movemento que lles é consubstancial. Polo tanto, todo o que existe son os átomos e o baleiro. A introdución da existencia do baleiro é unha novidade con respecto a Empédocles e Anaxágoras, novidade que choca de fronte coa negación do baleiro (non ser) que esixía Parménides. Agora ben, sen a existencia do baleiro resulta imposíbel explicar o movemento, polo que necesariamente ten que existir. Os átomos móvense nese baleiro en liña recta nun principio, pero, por causas estritamente mecánicas, algúns deles saen da súa traxectoria e chocan contra outros, aos que desvían, chocando o conxunto contra outros átomos, provocando a agregación en conxuntos de átomos cada vez maiores, e que darán lugar á constitución dos obxectos tal como nós os coñecemos.
Aínda que os átomos non posúen difrenzas cualitativas si que posúen difrenzas no que fai á súa forma e configuración: a forma, a orde e a posición. Os átomos poden diferir entre eles pola súa forma, do mesmo modo que o A difiere do N; ou poden diferir pola orde que ocupan, non sendo o mesmo AN que NA; ou pola posición, de modo que, aínda posuíndo a mesma forma, o Z diferénciase do N (se xiramos o Z noventa graos á dereita teremos o N).
Leucipo e o seu compañeiro Demócrito sostiveron que os elementos son "o cheo " e o "baleiro", aos cales chamaron "ser" e "non ser", respectivamente. O ser é cheo e sólido; o non-ser é baleiro e sutil. Como o baleiro existe non menos que o corpo, séguese que o non-ser existe non menos que o ser. Xuntos os dous constitúen as causas materiais das cousas existentes.
(Aristóteles, Metafísica,I,4, 985b).
Demócrito non apela no seu sistema á existencia de ningunha causa que non sexa estritamente material e mecánica, de xeito que nos ofrece unha primeira interpretación mecanicista do universo; existen, polo demais, innumerábeis mundos, sometidos ás mesmas leis de agregación e separación dos átomos. O seu pensamento exercerá unha gran influencia na antigüidade, a través da escola de Epicuro, entre outros; pero sobre todo no Renacemento, estando na base da constitución da ciencia moderna.