3. Estado moderno e filosofía política
O Estado moderno
Nos séculos XV e XVI observamos o desenvolvemento do absolutismo político, cambio histórico que se verá reflectido na filosofía política da época. Entre os acontecementos máis significativos ao respecto podemos considerar, en Inglaterra, a aparición do absolutismo dos Tudor, iniciado con Enrique VII (1485-1509), ao estabelecer un poder monárquico centralizado ao finalizar a guerra das dúas Rosas. En España, o matrimonio de Fernando e Isabel, (1469), reuniu os reinos de Castela e Aragón baixo a mesma coroa, base do desenvolvemento do absolutismo español que culmina con Carlos V (1516-1556). Tamén en Francia podemos situar a orixe do absolutismo en 1453, ao termo da guerra dos Cen Anos. A diferenza do ocorrido en España, en Inglaterra e Francia os comerciantes apoiaron a centralización do poder, a expensas da nobreza feudal. Iso non significa, por suposto, que o despotismo monárquico fora a única teoría política do Renacemento, senón que debe interpretarse como a expresión da necesidade de unidade diante das cambiantes circunstancias económicas e históricas. Neste sentido, a defensa do absolutismo político é unha consecuencia da crenza de que só un poder centralizado, forte e sen apenas limitacións, é capaz de controlar as forzas que tenden á "disolución" da sociedade.
A medida que o absolutismo político se impón desenvólvese a teorización sobre algúns problemas derivados da xustificación do poder. Entre eles podemos destacar:
Principais problemas
— A teoría do dereito divino dos Reis e a limitación do seu poder.
— As novas reflexións sobre a natureza e as bases da sociedade política.
— O desenvolvemento da conciencia nacional e o seu fundamento, xustificación e límites.
— As novas reflexións sobre a lei natural e os dereitos naturais. A lei natural implicaría unha limitación no exercicio do poder político e actuaría como fundamento dos dereitos naturais (propiedade privada, herdanza, etc....) dos individuos.
— A reconsideración da relación da Igrexa co Estado.
— O desenvolvemento das teorías do contrato como fundamento da sociedade civil.
A filosofía política
A) Nicolás Maquiavelo (1469-1527)
Maquiavelo naceu en Florencia no ano 1469, de familia nobre, e recibiu unha educación esmerada. Participou activamente na vida política ata os 44 anos, dedicándose entón á teoría política. A súa obra máis importante é "O Príncipe". Maquiavelo interesouse fundamentalmente por presentar a mecánica do goberno, prescindindo das cuestións morais, e formulando os medios polos cales o poder político pode ser estabelecido e mantido. Na medida que o fin do Estado é garantir a seguridade e o benestar, o gobernante ten dereito a valerse de medios inmorais para a consolidación e conservación do poder. O pensamento de Maquiavelo está dominado polo realismo político: hase de analizar o acto político puro, sen connotacións transcendentes ou morais. Este acto só é válido se resulta eficaz. Mediante esta análise pretende acadar as leis inmutábeis e necesarias que rexen a historia do home, posto que esta repítese inexorabelmente, podendo deducirse así o que será a historia futura da humanidade.
Neste contexto, resúltalle especialmente interesante a análise da personalidade do político. O político ha de ser unha persoa hábil, capaz de manipular situacións valéndose de calquera medio; ha de posuír destreza, e unha equilibrada combinación de forza e tesón, ademais de intuición para sortear os obstáculos que se lle presenten e unha carencia total de escrúpulos. Ha de ser ademais capaz de actuar segundo os cambios momentáneos, buscando apoios ou forzando traizóns segundo as circunstancias. En consecuencia, o político non debe posuír virtude algunha, pero ha de ater condicións de simular posuílas todas, o que supón actuar con absoluta indiferenza diante do ben e o mal (amoral) con absoluto despotismo.
Respecto ás formas de goberno, Maquiavelo considera a República como a mellor forma de goberno posíbel, o que parece dificilmente conciliábel coa súa doutrina do despotismo político anteriormente exposta. Non obstante, o despotismo estaría xustificado só como paso previo á ordenación do Estado sobre o que se estabelecería a República. O despotismo político sería entón un mal menor que implicaría a posibilidade de estabelecer un goberno republicano, é dicir, un goberno da maioría. O gobernante é bo, é dicir, xustificábel, pola súa eficacia, non polas súas connotacións ético-relixiosas. Non se trata de describir estados ideais, senón de gobernar estados reais. En definitiva, a "modernidade" de Maquiavelo parece radicar na énfase que puxo no Estado como un corpo soberano que mantén o seu vigor e unidade mediante unha política de forza, aínda que non elaborou ningunha teoría sistemática, nin se preocupou tampouco nunca de facelo.
B) Tomé Moro (1478-1535)
Baixo a influencia platónica (da "República") escribiu unha novela filosófica que describe un Estado Ideal na Illa de Utopía, tendo como fondo unha idealización da vida moral e, ao mesmo tempo, unha crítica das condicións sociais e económicas da súa época. Aínda que descoñecía "O Príncipe" a súa obra ía dirixida contra o ideal do goberno despótico defendido por Maquiavelo. Igualmente oponse á explotación comercial e contén ideas que reaparecen posteriormente no socialismo.
Na súa novela preséntanos unha sociedade agrícola, en contraste cunha sociedade adquisitiva, cuxa unidade central é a familia. Non existe propiedade privada nin o diñeiro é o medio medio de intercambio. Os medios de vida están asegurados para todos, en vistas á creación de tempo libre que se empregaría en obxectivos culturais. A liberdade e a tolerancia relixiosa, dentro do respecto da relixión natural, son as pedras angulares da vida en Utopía, na crenza de que a vida política e a moral non poderían ser disociadas.
A Utopía de Tomé Moro, aínda contendo aspectos ilustrados e prácticos, é ante todo unha idealización das sociedades cooperativas do pasado e, nalgúns aspectos, oponse ao avance das forzas e tendencias que darán paso á modernidade (como a expansión do comercio e a separación de poderes, entre outras).