2. Humanismo e Reforma
O ser humano e a liberdade no humanismo e na Reforma
O Humanismo
O humanismo de Lorenzo Valla, de Vives, de Budé, de Tomé Moro, está impregnado dunha visión do ser humano como ser natural e histórico que debe realizarse no uso da liberdade. Tal humanismo podémolo considerar entroncado no de Erasmo de Rotterdam (1467-1536), do que salientamos as seguintes características:
A vida humana é comprendida por Erasmo como unha cooperación do home con Deus. O home non é malo por natureza (a natureza humana non queda corrompida polo pecado orixinal, dinos Erasmo, contrariamente ao que sosterán os reformadores). Os elementos bíblicos e evanxélicos, xunto coa graza, permitirán ao home aspirar á salvación, para o que é necesario o uso da liberdade. O home foi privado polo pecado orixinal dos bens sobrenaturais que Deus lle concedera, pero conserva as facultades e as forzas que require unha vida moral. Unha destas facultades é precisamente a liberdade. A afirmación da liberdade humana é necesaria para obter a salvación. O ser humano, axudado pola graza e elixindo libremente o recto comportamento moral pode aspirar á recuperación dos bens perdidos co pecado, pode aspirar á salvación. A graza soa non abondaría. A salvación está ao alcance do ser humano, pero necesita querela e buscala no exercicio da súa liberdade, aínda que non dependa exclusivamente dela, xa que, sen a graza, soamente a liberdade tampouco abondaría para conseguila.
A Reforma
Entre os temas máis destacados do pensamento da Reforma atópase a valoración da experiencia interior do ser humano fronte á acción hipócrita externa, que acentuará o subxectivismo. Iso acompañarase dunha manifesta hostilidade á teoloxía que será combatida coa "lectura interior" da Biblia e os Evanxeos. Ademais, a sorte da alma depende exclusivamente de Deus, o que supoñerá a afirmación do determinismo e a negación da liberdade humana apoiándose, para iso, na consideración da corrupción natural do home polo pecado orixinal. Toda a pureza e bondade inicial do ser humano, coas que foi creado por Deus, pérdese co pecado orixinal, polo que non pode haber realmente unha acción moral que emane da vontade humana, corrompida xa por dito pecado orixinal.
Un dos personaxes clave da reforma será Martín Lutero (1483-1546), no que predomina unha concepción pesimista da natureza humana: o ser humano está corrompido dende o pecado orixinal, privado de toda rectitude, interior ou exterior. Só coa axuda da graza pode facer algún ben. A rectitude moral, pois, non pode ser consecuencia da liberdade do home xa que esta non é máis que unha van crenza. Depende exclusivamente da vontade arbitraria de Deus o que o conduce a un estrito determinismo moral. En consecuencia, nin sequera a lei moral pode ser cumprida, xa que a natureza "caída" do home impídello. Só hai salvación na fe de Cristo, que mereceu o ceo para todo o que crea nel. O home carga os seus pecados a Cristo e este aponnos os seus méritos. De modo que o ser humanbo está predestinado, e só a Deus lle pertence a fixación eterna da sorte da alma na vida futura.
Entre os humanistas e os reformadores hai, pois, algúns puntos de contacto, pero notábeis diferenzas
a) Entre os puntos de contacto podemos destacar a coincidencia no ataque á teoloxía oficial e aos representantes da igrexa; a afirmación do papel central do home no universo e o interese espertado polo tema da liberdade do home.
b) Entre as diferenzas, mentres os renacentistas e os humanistas salientan a bondade natural do ser humano e exaltan a súa liberdade, os reformadores néganas. Para os representantes da Reforma o ser humano é malo por natureza e carece de liberdade, o que os conduce ao determinismo moral. Para o humanismo cristián sen embargo o home non é malo por natureza e a vontade non é un don pasivo, senón que debe exercerse na liberdade, sen a cal falar de salvación da alma non ten sentido. (É coñecida a polémica que mantivo Erasmo con Lutero sobre a liberdade na súa obra "Sobre o libre albedrío", á que respondeu Lutero con "Sobre o albedrío escravo").