Immanuel Kant

Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a proposta kantiana dos artigos preliminares 3º e 5º que poden conducir ao ser humano cara á paz perpetua

ARTIGOS PRELIMINARES DUNHA PAZ PERPETUA ENTRE OS ESTADO

(...)

3.º- Os exércitos permanentes -miles perpetuus- deben desaparecer por completo co tempo.

Os exércitos permanentes son unha incesante ameaza de guerra para os demais Estados, posto que están sempre dispostos e preparados para combater. Os diferentes Estados empéñanse en superarse uns aos outros en armamentos, que aumentan sen cesar. E como, finalmente, os gastos ocasionados polo exército permanente chegan a facer a paz aínda máis intolerábel que unha guerra curta, acaban por ser eles mesmos a causa de agresións, cuxo fin non é outro que librar ao país do pesadume dos gastos militares. Engádase a isto que ter xentes a soldo para que morran ou maten parece que implica un uso do home como mera máquina en mans doutro -o Estado-; o que non se compadece ben cos dereitos da Humanidade na nosa propia persoa. Moi outra consideración merecen, en cambio, os exercicios militares que periodicamente realizan os cidadáns pola súa propia vontade, para prepararse a defender á súa patria contra os ataques do inimigo exterior. O mesmo ocorrería tratándose da formación dun tesouro ou reserva financeira; pois os demais Estados consideraríano como unha ameaza e veríanse obrigados a prevela, adiantándose á agresión. Efectivamente; das tres formas do Poder "exército", "alianzas" e "diñeiro", sería, sen dúbida, a última o máis seguro instrumento de guerra se non fose pola dificultade de apreciar ben a súa magnitude.

(...)

5.º- Ningún Estado debe inmiscirse pola forza na constitución e o goberno doutro Estado.

Con que dereito o faría? Acaso fundándose no escándalo e mal exemplo que un Estado dá aos súbditos doutro Estado? Pero, para estes, o espectáculo dos grandes males que un pobo se ocasiona a si mesmo por vivir no desprezo da lei é máis ben útil como advertencia exemplar; ademais, en xeral, o mal exemplo que unha persoa libre dá a outra --scandalum acceptum- non implica lesión algunha desta última. Sen embargo, non é isto aplicábel ao caso de que un Estado, como consecuencia de disensións interiores, se divida en dúas partes, cada unha das cales represente un Estado particular, coa pretensión de ser o todo; porque entón, se un Estado exterior presta a súa axuda a unha das dúas partes, non pode isto considerarse como unha intromisión na constitución da outra -pois esta entón está en pura anarquía-. Sen embargo, mentres esa división interior non sexa francamente manifesta, a intromisión das potencias estranxeiras será sempre unha violación dos dereitos dun pobo libre, independente, que loita só na súa enfermidade interior. Inmiscirse nos seus preitos domésticos sería un escándalo que poñería en perigo a autonomía de todos os demais Estados.

Immanuel Kant, "Para a paz perpetua", 1795