Fragmentos de obras de Kant


Para a paz perpetua. (Artigos preliminares)

"Á PAZ PERPETUA"

Esta inscrición satírica que un hostaleiro holandés puxera na mostra da súa casa, debaixo dunha pintura que representaba un cemiterio, estaba dedicada a todos os "homes" en xeral, ou especialmente aos gobernantes, nunca fartos de guerra, ou ben talvez só aos filósofos, entretidos en soñar o doce sono da paz? Quédese sen resposta a pregunta. Pero o autor destas liñas fai constar que, posto que o político práctico ten o costume de desdeñar, orgulloso, ao teórico, considerándoo como un pedante inofensivo, cuxas ideas, desprovidas de toda realidade, non poden ser perigosas para o Estado, que debe rexerse por principios fundados na experiencia; posto que o gobernante, "home experimentado", deixa ao teórico xogar o seu xogo, sen preocuparse del, cando ocorra entre ambos un disentimento deberá o gobernante ser consecuente e non temer que sexan perigosas para o Estado unhas opinións que o teórico atrevérase a concibir, vallan o que valeren. Sirva, pois, esta "cláusula salvadora" de precaución que o autor destas liñas toma expresamente, na mellor forma, contra toda interpretación malévola.

ARTIGOS PRELIMINARES DUNHA PAZ PERPETUA ENTRE OS ESTADOS

1º- Non debe considerarse como válido un tratado de paz que se axustara coa reserva mental de certos motivos capaces de provocar no porvir outra guerra.

En efecto: semellante tratado sería un simple armisticio, unha interrupción das hostilidades, nunca unha verdadeira "paz", a cal significa o termo de toda hostilidade; engadirlle o epíteto de "perpetua" sería xa un sospeitoso pleonasmo. O tratado de paz aniquila e borra por completo as causas existentes dunha futura guerra posíbel, aínda cando os que negocian a paz non as albisquen nin sospeiten no momento das negociacións; aniquila incluso aquelas que poidan descubrirse logo por medio de hábiles e penetrantes inquisicións nos documentos arquivados. A reserva mental, que consiste en non falar polo momento de certas pretensións que ambos países se absteñen de mencionar porque están demasiado cansos para proseguir a guerra, pero co perverso designio de aproveitar máis tarde a primeira conxuntura favorábel para reproducilas, é cousa que entra de cheo no casuístico xesuítico; tal proceder, considerado en si, é indigno dun príncipe, e prestarse a semellantes deducións é así mesmo indigno dun ministro.

Este xuízo parecerá, sen dúbida, unha pedantería escolástica aos que pensan que, segundo os esclarecidos principios da prudencia política, a verdadeira honra dun Estado consiste no continuo acrecentamento da súa forza, por calquera medio que sexa.

2.º- Ningún Estado independente -pequeno ou grande, dá o mesmo- poderá ser adquirido por outro Estado mediante herdanza, troco, compra ou doazón...

Un Estado non é -como o é, por exemplo, o "chan" que ocupa- un haber, un patrimonio. É unha sociedade de homes sobre a cal ninguén, senón ela mesma, pode mandar e dispoñer. É un tronco con raíces propias; polo tanto, incorporalo a outro Estado, enxertándoo, por dicilo así, nel, vale tanto como anular a súa existencia de persoa moral e facer desta persoa unha cousa. Este proceder áchase en contradición coa idea do contrato orixinario, sen a cal non pode concibirse dereito algún sobre unha vila. Todo o mundo sabe ben a cantos perigos expuxo a Europa ese prexuízo sobre o modo de adquirir Estados que as outras partes do mundo nunca coñeceron. Nos nosos tempos, e ata época moi recente, contraéronse matrimonios entre Estados; era este un novo medio, ou industria, xa para acrecentar a propia potencia mediante pactos de familia, sen gasto algún de forzas, xa tamén para ampliar as posesións territoriais. Tamén a este grupo de medios pertence o aluguer de tropas que un Estado contrata contra outro, para utilizalas contra un terceiro que non é inimigo común; pois en tal caso úsase e abusa dos súbditos a capricho, coma se fosen cousas.

3.º- Os exércitos permanentes -miles perpetuus- deben desaparecer por completo co tempo.

Os exércitos permanentes son unha incesante ameaza de guerra para os demais Estados, posto que están sempre dispostos e preparados para combater. Os diferentes Estados empéñanse en superarse uns aos outros en armamentos, que aumentan sen cesar. E como, finalmente, os gastos ocasionados polo exército permanente chegan a facer a paz aínda máis intolerábel que unha guerra curta, acaban por ser eles mesmos a causa de agresións, cuxo fin non é outro que librar ao país do pesadume dos gastos militares. Engádase a isto que ter xentes a soldo para que morran ou maten parece que implica un uso do home como mera máquina en mans doutro -o Estado-; o que non se compadece ben cos dereitos da Humanidade na nosa propia persoa.

Moi outra consideración merecen, en cambio, os exercicios militares que periodicamente realizan os cidadáns pola súa propia vontade, para prepararse a defender á súa patria contra os ataques do inimigo exterior. O mesmo ocorrería tratándose da formación dun tesouro ou reserva financeira; pois os demais Estados consideraríano como unha ameaza e veríanse obrigados a prevela, adiantándose á agresión. Efectivamente; das tres formas do Poder "exército", "alianzas" e "diñeiro", sería, sen dúbida, a última o máis seguro instrumento de guerra se non fose pola dificultade de apreciar ben a súa magnitude.

4.º- Non debe o Estado contraer débedas que teñan por obxecto soster a súa política exterior.

A emisión de débeda, como axuda que o Estado busca, dentro ou fóra dos seus límites, para fomentar a economía do país -reparación de estradas, colonización, creación de depósitos para os anos malos, etc...- non ten nada de sospeitoso. Pero se se considera como instrumento de acción e reacción entre as potencias, entón convértese nun sistema de crédito composto de débedas que van aumentando sen cesar, aínda que sempre garantidas de momento -posto que non todos os acredores van reclamar ao tempo o pagamento dos seus créditos-, enxeñosa invención dunha vila comerciante no noso século; fúndase desta sorte unha potencia financeira moi perigosa, un tesouro de guerra que supera ao de todos os demais Estados xuntos e que non pode esgotarse nunca, como non sexa por unha baixa rápida dos valores -os cales poden manterse altos durante moito tempo por medio do fomento do tráfico, que pola súa vez repercute na industria e na riqueza-. Esta facilidade para facer a guerra, unida á inclinación que para ela senten os que teñen a forza, inclinación que parece inxénita á natureza humana, é, pois, o máis poderoso obstáculo para a paz perpetua. Por iso é tanto máis necesario un artigo preliminar que prohiba a emisión de débeda para tales fins, porque ademais a bancarrota do Estado, que inevitabelmente chegará, complicaría na catástrofe a moitos outros Estados, sen culpa algunha pola súa banda, e isto sería unha pública lesión dos intereses destes últimos Estados. Polo tanto, os demais Estados teñen, polo menos, o dereito de aliarse contra o que proceda en tal forma e con tales pretensións.

5.º- Ningún Estado debe inmiscirse pola forza na constitución e no goberno doutro Estado.

Con que dereito o faría? Acaso fundándose no escándalo e mal exemplo que un Estado dá aos súbditos doutro Estado? Pero, para estes, o espectáculo dos grandes males que un pobo se ocasiona a si mesmo por vivir no desprezo da lei é máis ben útil como advertencia exemplar; ademais, en xeral, o mal exemplo que unha persoa libre dá a outra --scandalum acceptum- non implica lesión algunha desta última. Sen embargo, non é isto aplicábel ao caso de que un Estado, como consecuencia de disensións interiores, se divida en dúas partes, cada unha das cales represente un Estado particular, coa pretensión de ser o todo; porque entón, se un Estado exterior presta a súa axuda a unha das dúas partes, non pode isto considerarse como unha intromisión na constitución da outra -pois esta entón está en pura anarquía-. Sen embargo, mentres esa división interior non sexa francamente manifesta, a intromisión das potencias estranxeiras será sempre unha violación dos dereitos dun pobo libre, independente, que loita só na súa enfermidade interior. Inmiscirse nos seus preitos domésticos sería un escándalo que poñería en perigo a autonomía de todos os demais Estados.

6.º- Ningún Estado que estea en guerra con outro debe permitirse o uso de hostilidades que imposibiliten a recíproca confianza na paz futura; tales son, por exemplo, o emprego no Estado inimigo de asasinos (percussores), envelenadores (venefici), o quebrantamento de capitulacións, a excitación á traizón, etc.

Estas estrataxemas son deshonrosas. Pois aínda en plena guerra ha de haber certa confianza na conciencia do inimigo. Do contrario, non podería nunca axustarse a paz, e as hostilidades dexenerarían en guerra de exterminio -bellum internecinum-. Por desgraza, a guerra é un medio necesario no estado de natureza -no cal non hai tribunal que poida pronunciar un fallo con forza de dereito-, para afirmar cada cal o seu dereito pola forza; ningunha das dúas partes pode ser declarada inimiga ilexítima -o cal supoñería xa unha sentencia xudicial-, e o que decide de que parte está o dereito é o "éxito" da loita -como nos chamados xuízos de Deus-. Pero entre os Estados non se concibe unha guerra penal -bellum punitivum-, porque non existe entre eles a relación de superior a inferior.

De onde se segue que unha guerra de exterminio, que levaría consigo o aniquilamento das dúas partes e a anulación de todo dereito, faría imposíbel unha paz perpetua, como non fose a paz do cemiterio de todo o xénero humano.

Semellante guerra debe quedar, pois, absolutamente prohibida, e prohibido tamén, polo tanto, o uso dos medios que conducen a ela. E é ben claro que as citadas estrataxemas conducen inevitabelmente a aqueles resultados, porque o emprego desas artes infernais, por si mesmas viles, non se contén dentro dos límites da guerra, como acontece co uso dos espías -uti exploratoribus-, que consiste en aproveitar a indignidade de "outros" xa que non sexa posíbel extirpar este vicio-, senón que se prosegue aínda despois de terminada a guerra, destruíndo así os fins mesmos da paz.

__________________

Comentarios de Kant aos artigos

Todas as leis que citamos son obxectivas, é dicir, que na intención dos que posúen a forza deben ser consideradas como "leis prohibitivas". Sen embargo, algunhas delas son "estritas" e valedoiras en todas as circunstancias. E esixen unha "inmediata" execución -coma as números 1, 5, 6-; outras, en cambio -as números 2, 3, 4-, son máis amplas e admiten certa demora na súa aplicación, non porque haxa excepcións á regra xurídica, senón porque tendo en conta o exercicio desa regra e as súas circunstancias, admiten que se amplíe subxectivamente a facultade executiva e dan permiso para demorar a aplicación, aínda que sen perder nunca de vista o fin proposto. Por exemplo: se se trata de restituír, segundo o número 2, a certos Estados a súa liberdade perdida, non valerá aprazar a execución da lei “ad calendas graecas”, como facía Augusto; é dicir, non será lícito deixar a lei incumprida, pero poderá demorarse se hai temor de que unha restitución precipitada veña en detrimento do propósito fundamental. En efecto a prohibición refírese aquí soamente ao "modo de adquirir", que en adiante non será valedoiro; pero non ao "estado posesorio", que, aínda que carece do título xurídico necesario, foi no seu tempo -no tempo da adquisición putativa- considerado como lexítimo pola opinión pública entón vixente de todos os Estados.

Existen "leis permisivas" da razón pura, ademais dos mandatos -leges praeceptivae- e das prohibicións -leges prohibitivae-? É cousa que moitos, ata agora, puxeron en dúbida, non sen motivo. En efecto, as leis en xeral conteñen o fundamento da necesidade práctica obxectiva de certas accións; en cambio, o permiso fundamenta a continxencia ou accidentalidade práctica de certas accións. Unha "lei permisiva", polo tanto, viría a conter a obriga de realizar un acto ao que ninguén pode ser obrigado; o cal, se o obxecto da lei ten en ambas relacións unha mesma significación, é unha contradición patente. Agora ben; na lei permisiva de que nos ocupamos refírese a previa prohibición soamente ao modo futuro de adquirir un dereito -por exemplo, a herdanza-, e, en cambio, o levantamento da prohibición, ou sexa, o permiso, refírese á actual posesión. Esta última, ao pasar do estado de natureza ao estado civil, pode seguir manténdose, por unha lei permisiva do dereito natural, como "posesión putativa", que se ben non é segundo dereito é, sen embargo, honesta; aínda cando unha posesión, putativa, a partir do momento no que se recoñece como tal no estado de natureza, queda prohibida, como así mesmo queda prohibida toda maneira semellante de adquirir no estado civil posterior, despois de realizado o tránsito dunha ao outro. O permiso de seguir posuíndo non podería, pois, existir, no caso de que a adquisición putativa se realizase no estado civil; pois tal permiso implicaría unha lesión e, polo tanto, debería desaparecer tan pronto como fose descuberta a súa ilexitimidade.

Eu non me propuxen aquí outra cousa que fixar, de pasada, a atención dos mestres do dereito natural sobre o concepto de "lei permisiva", que se presenta espontaneamente cando a razón se propón facer unha división sistemática da lei. Dese concepto faise un uso frecuente na lexislación civil -estatutaria-, coa diferenza de que a lei prohibitiva preséntase soa, abondándose a si mesma, e, en cambio, o permiso, en vez de ir incluído na lei, a modo de condición limitativa -como debese ser-, vai metido entre as excepcións. Estabelécese: queda prohibido isto ou aquilo. E engádese logo: agás no caso 1.º, 2.º, 3.º, e así indefinidamente. Veñen, pois, os permisos a engadirse á lei, pero ao azar, sen principio fixo, segundo os casos que van ocorrendo. En cambio, as condicións debesen ir inclusas "na fórmula da lei prohibitiva", que entón fose ao mesmo tempo lei permisiva. É moi de lamentar que o problema proposto para o premio do sabio e penetrante conde de Windischgraetz non sexa resolto por ninguén e quede tan pronto abandonado: Referíase a esta cuestión, que é de gran importancia, porque a posibilidade de semellantes fórmulas -parecidas ás matemáticas- é a única verdadeira pedra de toque dunha lexislación consecuente. Sen ela será sempre o jus certum un pio desexo. Sen ela poderá haber, si, leis xerais que vallan en xeral; pero non leis universais, de valor universal, que é o valor que parece esixir precisamente o concepto de lei.

Immanuel Kant, "Para a paz perpetua", 1795