René Descartes
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 1
Realiza unha breve análise destes parágrafos da Iª Meditación, na que se salienten a xustificación e o uso que fai Descartes da dúbida nas Meditacións.
Meditacións metafísicas. Primeira meditación
Das cousas que se poden poñer en dúbida
Fai xa algún tempo que me din conta de que, dende a miña infancia, tivera por verdadeiras moitas opinións falsas, e que o que construíra posteriormente sobre principios tan pouco firmes non podía deixar de ser altamente dubidoso e incerto; de xeito que tiña que emprender seriamente por unha vez na miña vida a tarefa de desfacerme de todas as opinións que ata entón tomara por verdadeiras, e comezar completamente de novo, a partir dos cimentos, se quería estabelecer algo firme e constante nas ciencias. Pero, parecéndome demasiado grande esta empresa, esperei a acadar unha idade que fose o suficientemente madura como para non poder esperar outra despois dela que fose máis propicia para executala; o que me fixo diferila tanto que en adiante crería cometer unha falta se enriba empregase en deliberar o tempo que me queda para actuar. Agora, pois, que o meu espírito está libre de toda preocupación, e que me procurei un repouso tranquilo nunha apracíbel soidade, aplicareime seriamente e con liberdade a destruír dun modo xeral todas as miñas antigas opinións.
Pero, para cumprir tal designio, non será necesario probar que todas son falsas, o que talvez nunca conseguiría; senón que, do mesmo xeito que a razón me persuade xa de que debo impedirme darlle crédito ás cousas que non son enteiramente certas e indubidábeis, co mesmo empeño que poñería ante aquelas que nos parecen manifestamente falsas, o menor motivo para dubidar que atopase nelas serviría para facerme rexeitalas todas. E por iso non é necesario que as examine particularmente unha a unha, o que sería un traballo infinito; senón que, xa que a ruína dos cimentos entraña necesariamente a de todo o edificio, concentrareime primeiro nos principios sobre os que se fundaran todas as miñas antigas opinións.
(...)
Pero non abonda con facer estas observacións; hei de coidarme ademais de lembralas, xa que aquelas antigas e comúns opinións volven aínda con frecuencia ao pensamento, dándolles, o longo e familiar uso que tiveran en min, dereito a ocupar o meu espírito, contra a miña vontade, facéndose case donas da miña crenza. E nunca perderei o costume de asentir a elas, e de confiar nelas, en tanto que as considere como elas son en efecto, a saber, en certo modo dubidosas, como acabo de demostrar, e sen embargo moi probábeis, de xeito que se ten máis razón ao crelas que ao negalas. Xa que logo, penso que as utilizarei máis prudentemente si, tomando unha posición contraria, emprego todos os meus coidados en enganarme a min mesmo, finxindo que todos eses pensamentos son falsos e imaxinarios; ata que, nivelando os meus prexuízos ata o punto de que non poidan facer inclinar a miña opinión máis dun lado que do outro, o meu xuízo xa non estea dominado por malos usos e desviado do recto camiño que lle pode conducir ao coñecemento da verdade. Pois estou seguro, non obstante, de que non pode haber perigo nin erro neste camiño, e que non supoñería hoxe conceder demasiado á miña desconfianza, xa que non é cuestión de actuar senón soamente de meditar e coñecer.
Supoñerei, pois, que hai, non un verdadeiro Deus, que é a soberana fonte de verdade, senón un certo xenio malvado, non menos astuto e enganador que poderoso, que empregou toda a súa industria en enganarme. Pensarei que o ceo, o aire, a terra, as cores, as figuras, os sons e todas as cousas exteriores que vemos non son máis que ilusións e enganos, dos que se serve para sorprender a miña credulidade. Considerareime a min mesmo como carente de mans, de ollos, de carne, de sangue, como carente de sentidos, pero crendo falsamente ter todas estas cousas. Permanecerei obstinadamente ligado a este pensamento; e se, deste modo, non está no meu poder acadar o coñecemento de verdade algunha, polo menos estará no meu poder suspender o xuízo. Xa que logo, evitarei coidadosamente admitir na miña crenza ningunha falsidade, e prepararei tan ben ao meu espírito para todas as astucias dese gran enganador que, por poderoso e astuto que sexa, xamais poderá impoñerme nada. Pero este propósito é duro e traballoso, e unha certa preguiza arrástrame insensibelmente cara o curso da miña vida cotiá. E á igual que un escravo que gozase no sono dunha liberdade imaxinaria, cando comeza a sospeitar que a súa liberdade non é máis que un soño, teme ser espertado, e conspira con esas ilusións agradábeis para permanecer máis tempo enganado por elas, así eu volvo insensibelmente, por min mesmo, ás miñas antigas opinións, e temo espertar deste sopor por medo a que as laboriosas vixilias que sucedan á tranquilidade deste repouso, en lugar de aportarme algo de luz no coñecemento da verdade, non sexan suficientes para aclarar as tebras das dificultades que acaban de suscitarse.
Segundo a versión de xosé maría fouce, para "A Filosofía no Bacharelato ".