René Descartes


René Descartes

Obras

A obra cartesiana, pese á temperá morte do seu autor, abarca unha extensión considerábel, se incluímos nela a abundante correspondencia mantida ao longo da súa vida e as obras non publicadas por el. A edición de referencia das súas obras completas é a realizada por Charles Adam e Paul Tannery de 1897 a 1909 en 11 tomos, cun suplemento engadido no ano 1913. O tomo 12 contén unha vida de Descartes escrita por Charles Adam. A última reedición destas obras completas data de 1996.

A) Obras publicadas durante a vida de Descartes

1637. "Discours de la méthode pour bien conduire sa raison, et chercher la Verité dans les sciences. Plus la Dioptrique, le Météores et la Géometrie, qui sont des essais de cette méthode". ("Discurso do método", seguido da "Dióptrica", os "Meteoros" e a "Xeometría") editada en Leyden por Jean Maire.

1641. "Renati Descartes Meditationes de Prima Philosophia", editada por Michel Soly en París. Nesta primeira edición en latín das "Meditacións metafísicas" inclúense só as seis primeiras series de obxeccións e respostas.

1642. "Renati Descartes Meditationes de Prima Philosophia", segunda edición en Amsterdam, a cargo de Louis Elzevier, nas que se inclúen as sétimas obxeccións e a carta ao P. Dinet.

1643. "Epistola Renati Descartes ad celeberrimum virum D. Gisbertum Voetium", editada tamén por Louis Elzevier, na que Descartes responde a un escrito denigratorio editado por Voetius.

1644. "Renati Descartes Principia Philosophiae", primeira edición dos "Principios da filosofía", a cargo de Louis Elzevier en Amsterdam, obra dedicada a Elisabeth de Bohemia.

1644. Edición en latín do "Discurso do método", traducido por Et. de Courcelles e revisado por Descartes, coa "Dióptrica" e os "Meteoros", pero non a "Xeometría" (que será editada en latín en 1649 por Schooten en tradución non revisada por Descartes.)

1647. "Les Méditations métaphysiques de René Descartes", traducidas polo duque de Luynes son a primeira edición en francés das "Meditacións", editadas en París por Veuve Jean Camusat e Pierre Le Petit. Inclúense as respostas ás primeiras, segundas, terceiras, cuartas e sextas obxeccións, traducidas por Clerselier. Ambas traducións foron revisadas por Descartes.

1647. "Les principes de la philosophie", primeira edición en francés, en París, a cargo de Henri Le Gras. A tradución do abate Picot foi revisada por Descartes, quen engade unha carta prefacio.

1649. "Les Passions de l'âme" (máis coñecida entre nós como o "Tratado das paixóns") publicada por varias editores: en Holanda por Louis Elzevier e en Francia por Henri Le Gras, entre outros.

B) Obras publicadas trala morte de Descartes

O principal editor de Descartes é o seu cuñado Claude Clerselier. Á morte de Descartes en Estocolmo o embaixador de Francia Hector-Pierre Chanut faise cargo dos seus escritos, e envíallos a Clerselier, quen procede a editar algunhas das súas obras e gran parte da súa correspondencia:

1657. "Lettres de Descartes", editadas por Charles Angot e Henri Le Gras, en París. Un segundo volume será editado en 1659, con traducións máis ou menos afortundas da súa correspondencia en latín.

1664. "L' homme de Descartes" (o Tratado do home) e o "Traité de la formation du foetus", editada-las dúas por Charles Angot e Théodore Girard.

1667. "Le Monde", segundo o texto orixinal, editado por Michel Bobin e Nicolas Le Gras, xunto a unha nova edición do Tratado do home.

1668. Edicións do "Tratado de mecánica" e do "Tratado de música", así como de novas entregas da correspondencia cartesiana, a cargo de varios editores.

O resto das obras inéditas de Descartes publicáronse esporadicamente ao longo dos séculos XVIII e XIX, culminando na edición das súas obras completas por Charles Adam e Paul Tannery entre os anos 1897 e 1909, convertida na obra de referencia da bibliografía cartesiana.