A filosofía de Descartes
3. A primeira verdade: "Penso, existo"
As "Meditacións metafísicas"
Comeza Descartes as "Meditacións metafísicas" expoñendo a situación na que el persoalmente se atopa respecto ao coñecemento. Achando máis motivos de dúbida que de certeza no que cría coñecer, proponse investigar a fondo a cuestión, co fin de determinar se hai algo verdadeiro no mundo e, no caso contrario, ter polo menos a certeza de que non hai en absoluto ningunha verdade. O método que se propón aplicar baséase na dúbida, de tal xeito que considerará que é falso todo aquilo no que se atope o menor motivo de dúbida; non se trata, pois, de que Descartes se converta nun escéptico: trátase da chamada "dúbida metódica" (ou tamén "hiperbólica", polo esaxerado, ás veces, da mesma) que, como veremos, conducirá paradoxalmente ao dogmatismo.
Correlativamente á aplicación da dúbida como método de investigación subliña Descartes a busca da certeza como o seu obxectivo. Considera que un coñecemento, para ser considerado verdadeiro, ha de posuír a característica da certeza, que vén a significar unha especie de seguridade na verdade do coñecemento. Para poñer un exemplo, a todos nos parece verdadeira a proposición 2 + 2 = 4; pois ben, Descartes esixirá ademais que esteamos seguros da verdade desa proposición para poder considerala como un coñecemento verdadeiro. A certeza vén a significar, pois, a seguridade na verdade dos nosos coñecementos. Polo tanto, a menor sombra de dúbida fará desaparecer esa certeza e Descartes considerará necesario asimilar dito coñecemento a un coñecemento falso. Haberá que examinar, pois, se o que tomamos ata agora por coñecementos verdadeiros posúen ou non esa característica, e deben ou non ser sometidos a dúbida. Pero non será necesario examinalos todos, dinos Descartes; abondará examinar os principios nos que se fundan eses coñecementos e, do mesmo xeito que un edificio se derruba se lle fallan os seus cimentos, o edificio do saber derrubarase se os principios nos que se funda resultasen ser dubidosos.
1. A dúbida
Descartes dedicará a primeira meditación a examinar os principais motivos de dúbida que poden afectar a todos os seus coñecementos.
A) Os sentidos preséntanse como a principal fonte dos nosos coñecementos; agora ben, moitas veces constatei, di Descartes, que os sentidos me enganaban, coma cando introduzo un pau na auga e parece quebrado, ou cando unha torre paréceme redonda dende lonxe e ao achegarme observo que era cadrada, e outras situacións semellantes. Non é prudente fiarse de quen nos enganou nalgunha ocasión, polo que será necesario someter a dúbida e, polo tanto, poñer en suspenso (considerar coma se foran falsos) todos os coñecementos que derivan dos sentidos. Podo considerar, pois, que non hai certeza algunha neses coñecementos que dependen dos sentidos, e considerar falsos todos os que se deriven deles.
B) Sen embargo, podería parecerme esaxerado dubidar de todo o que percibo polos sentidos, xa que me parece evidente que estou aquí e cousas polo estilo; pero, di Descartes, esta seguridade nos datos sensíbeis inmediatos tamén pode ser posta en dúbida, xa que nin sequera podemos distinguir con claridade a vixilia do sono, (o que nos ocorre cando creemos estar despertos ou cando estamos durmidos). ¿Cantas veces soñei situacións moi reais que, ao espertarme, comprendín que eran un soño?. Esta incapacidade de distinguir o sono da vixilia, por esaxerado que me pareza, ha de conducirme non só a estender a dúbida a todo o sensíbel, senón tamén ao ámbito dos meus pensamentos, comprendendo as operacións máis intelectuais, que en absoluto parecen derivar dos sentidos. A indistinción entre o sono e a vixilia lévame, pois, a ampliar a dúbida do sensíbel ao intelixíbel, de xeito que tódolos meus coñecementos parécenme agora moi incertos.
C) Aínda así, parece que hai algúns coñecementos dos que razoabelmente non podo dubidar, como os coñecementos matemáticos. Sen embargo Descartes expón a posibilidade de que o mesmo Deus que me creou puidéseme crear de tal maneira que cando xulgo que 2+2 = 4 estéame equivocando; é un feito que, ás veces, permite que me equivoque, polo que podería permitir que me equivocase sempre, incluso cando xulgo de verdades tan "evidentes" como as verdades matemáticas. Nese caso todos os meus coñecementos serían dubidosos e, polo tanto, segundo o criterio estabelecido, deberían ser considerados todos falsos.
D) Sen embargo, xa que a posibilidade anterior pode parecerlle ofensiva aos crentes, Descartes expón outra opción: a de que exista un xenio malvado que estea intervindo sempre nas miñas operacións mentais de tal forma que faga que tome constantemente o falso por verdadeiro, de modo que sempre me engane. Neste caso, xa que son incapaz de eliminar tal posibilidade, posto que realmente me engano a veces, hei de considerar que todos os meus coñecementos son dubidosos. Así, a dúbida ha de estenderse tamén a todos os coñecementos que non parecen derivar da experiencia.
A dúbida progresa, pois, do sensíbel ao intelixíbel, abarcando a totalidade dos meus coñecementos, a través dos catro momentos sinalados anteriormente. Non só debo dubidar de todos os coñecementos que proceden dos sentidos, senón tamén daqueles que non parecen proceder dos sentidos, xa que son incapaz de eliminar a incerteza que os rodea.
2. A primeira verdade : "Penso, existo"
Na segunda meditación, repasando a perplexa situación na que se atopa ao cabo da primeira, véndose obrigado a dubidar de todo, Descartes dáse conta, sen embargo, de que para ser enganado ten que existir, polo que percibe que a seguinte proposición: "penso, existo", ("cogito, sum"), ten que ser certa, polo menos mentres está pensando: "De xeito que logo de habelo pensado e de examinar coidadosamente todas as cousas, hai que concluír, e ter por seguro, que esta proposición: penso, existo, é necesariamente verdadeira, cada vez que a pronuncio ou que a concibo no meu espírito". Esa proposición é certa porque supera todos os motivos de dúbida: incluso na hipóteses da existencia dun xenio malvado que faga que sempre me equivoque, cando penso que 2 e 2 son catro, por exemplo, é necesario que, para que me equivoque, exista. Esta proposición, "penso, existo" preséntase con total claridade e distinción, de modo que resiste todos os motivos de dúbida e goza de absoluta certeza. É a primeira verdade da que podo estar seguro, da que podo dicir que é evidente. Dado que as características coa que se me presenta tal evidencia son a claridade e distinción, estas dúas propiedades consideraraas Descartes como as características que debe cumprir toda proposición para ser considerada verdadeira.
Discutiuse en numerosas ocasiones se Descartes pretende, ou non, deducir a existencia do pensamento. De feito, no Discurso do método a proposición que el mesmo formula, "penso, logo existo" dá lugar a pensar que Descartes pretende deducir a existencia do pensamento, observación que xa foi realizada por Gassendi e que o mesmo Descartes se encargou de refutar. Non obstante, a expresión que utilizará posteriormente nas meditacións, "penso, existo", e a exposición detallada do momento no que formula esa proposición parece deixar claro que se trata dunha intuición, da intuición da primeira evidencia, da primeira verdade que se presenta con certeza e que supera todos os motivos posíbeis de dúbida. Esa primeira verdade aparece subitamente mentres Descartes está lembrando a meditación anterior e repasando os motivos que tiña para dubidar de todas as cousas; dun modo inmediato, pois, percibe con claridade que para pensar ten que existir, e que a proposición que expresa esa "intuición" ha de ser necesariamente verdadeira.
Unha vez descuberta esa primeira verdade, Descartes propoñerase reconstruír sobre ela o edificio do saber e, ao modo no que operan os matemáticos, por dedución, tratará de extraer todas as consecuencias que se seguen dela.
3. A análise do eu e as súas consecuencias
Que son eu? Unha cousa que pensa dirá Descartes. E que é unha cousa que pensa?. Unha cousa que sente, que quere, que imaxina... Descartes atribúe ao pensamento os caracteres dunha substancia, facendo do eu penso unha "cousa", á que han de pertencer certos atributos. A dúbida segue vixente con respecto á existencia de cousas externas a min, polo que o único camiño no que se pode seguir avanzando dedutivamente é o da análises dese "eu penso" ao que Descartes caracteriza como unha substancia pensante, como unha cousa que pensa. Que é o que hai no pensamento? Contidos mentais, aos que Descartes chama "ideas". A única forma de progresar dedutivamente é, pois, analizando ditos contidos mentais, analizando as ideas.
Descartes distingue tres tipos de ideas: unhas que parecen proceder do exterior a min, ás que chama "ideas adventicias"; outras que parecen que foron producidas por min, ás que chama "ideas facticias"; e outras, por fin, que non parecen proceder do exterior nin parecen producidas por min, ás que chamará "ideas innatas". As ideas adventicias, na medida que parecen proceder de obxectos externos a min, están sometidas á mesma dúbida que a existencia dos obxectos externos, polo que non pode ser utilizadas no avance do proceso dedutivo; e o mesmo ocorre coas ideas facticias, na medida que parecen ser producidas por min, a partir das ideas adventicias, debendo quedar tamén, polo tanto, sometidas a dúbida. Só nos quedan as ideas innatas.
Tratarase agora de eliminar a posibilidade de que esas ideas puidesen ser producidas por min. Unha vez asegurado iso Descartes analiza dúas desas ideas, a de infinito e a de perfección e, argumentando que non puideron ser causadas por min, xa que son finito e imperfecto, conclúe que só as pode causar un ser proporcionado a elas, polo que tiveron que ser postas en min por un ser infinito e perfecto, que sexa a causa das ideas de infinito e de perfección que hai en min. A partir de elas, demostra Descartes a existencia de Deus mediante os dous coñecidos argumentos baseados na idea de infinidade e na de perfección.
Unha vez demostrada a existencia de Deus, xa que Deus non pode ser imperfecto, elimínase a posibilidade de que creara de tal maneira que sempre me engane, así como a posibilidade de que permita a un xenio malvado enganarme constantemente, polo que os motivos aducidos para dubidar tanto das verdades matemáticas e, en xeral, de todo o intelixíbel, como das verdades que parecen derivar dos sentidos, quedan eliminados. Podo crer polo tanto na existencia do mundo, é dicir, na existencia dunha realidade externa min, coa mesma certeza coa que sei que é verdadeira a proposición "penso, existo", (que me levou á existencia de Deus, quen aparece como garante último da existencia da realidade extramental, do mundo).
Como resultado da dedución podo estar seguro, pois, da existencia de tres substancias: unha substancia infinita, Deus, que é a causa última das outras dúas substancias, a) a "res extensa", é dicir, o "mundo", as realidades corpóreas, cuxa característica sería a extensión, pola que Descartes define esta substancia; b) e a "res cogitans", a substancia pensante, de carácter non corpóreo, non extenso, inmaterial, polo tanto, sendo estas dúas últimas substancias finitas.