A filosofía de Tomé de Aquino


San Tomé de Aquino

3.3. Teoloxía. A teoloxía da creación

A teoloxía da creación

Vista parcial da fachada principal da catedral de Pisa, obra do Maestro Buschetos, comezada a construír en 1122

Polo que fai ao tema da creación San Tomé, malia a raíz aristotélica do seu pensamento, seguirá a tradición agostiñana, conciliándoa coa súa explicación da estrutura metafísica esencia/existencia. Segundo ela todos os seres compóñense de esencia e existencia, agás Deus, no que a esencia identifícase coa existencia. Só Deus, polo tanto, é un ser necesario, pois só el debe a súa existencia á súa propia esencia: a súa esencia é existir. Os demais seres reciben a existencia do ser necesario, xa se trate de seres materiais ou inmateriais.

Á igual que o resto dos filósofos medievais tributarios da tradición cristiá San Tomé afirmará a creación "ex nihilo", é dicir, a creación do mundo mediante un acto de Deus totalmente libre, radical e orixinario. A nada non representa unha materia informe preexistente, senón a inexistencia absoluta; e non pode tomarse como a causa da creación, pois esta é só obra de Deus. O mundo tampouco é creado por "emanación" necesaria da natureza divina (Plotino): Deus non está suxeito a ningunha necesidade, senón que crea libremente.

Cando dicimos que pola creación algunha cousa foi feita da nada, esta preposición "da" non designa ningunha causa material, senón que sinala soamente unha orde, coma cando se di: da mañá nace o mediodía, o cal significa que trala mañá chega o mediodía. É necesario, sen embargo, supoñer que esta preposición "da" pode envurullar na súa significación a negación que expresa a palabra "nada" ou, polo contrario, estar incluída nela. No primeiro caso, a orde segue afirmado (pero só a partir do punto de vista da linguaxe e das súas deficiencias), e sinálase a orde de sucesión (puramente imaxinaria) entre aquilo que é e o non-ser anterior. Se, polo contrario, a negación inclúe a preposición, entón a orde é negada e o significado é o seguinte: tal cousa está feita de nada, é dicir, non está feita de ningunha cousa; coma se dixésemos que ese home fala de nada, para expresar que non hai tema no seu discurso. Istos dous sentidos identifícanse cando dicimos que pola creación unha cousa calquera está feita da nada. No primeiro sentido, esta preposición "da" sinala unha orde de sucesión; no segundo trátase dunha relación cunha causa material, e esta relación é negada.(Suma Teolóxica, l, 45, 1.)

O mundo podería non existir; ou podería existir un mundo que Deus creara doutro xeito, tal como defendera xa San Agostiño, admitindo incluso a creación dun mundo que nos puidese parecer absurdo e no que 2 mais 2 fosen 5. Polo demais, no que fai a saber se a creación aconteceu no tempo San Tomé afirma que a razón non pode gabiar esa cuestión, xa que tanto a tese como a antítese son indemostrábeis para a razón. Adhírese, xa que logo, ao que manifesta a Revelación: que a creación aconteceu no tempo.

Por último, no que fai ao problema do mal no mundo, afirma que Deus permitiuno (tanto o físico como o moral) para obter un beneficio maior: a liberdade da vontade e o perfeccionamento do mundo.