Biografía de Agostiño de Hipona (354 - 430)
Aurelio Agustin naceu no ano 354 d.c.en Tagaste, cidade situada na antiga provincia romana de Numidia (coñecida na actualidade como Souk Ahras, en Arxelia). Fillo de Patricio, un pequeno propietario rural, e de Mónica, naceu no seo dunha familia cunha posición económica desafogada, aínda que non exenta de esporádicas dificultades económicas, o que lle permitiu acceder a unha boa educación. Os seus primeiros estudos realizounos en Tagaste, continuándoos, o ano 365, na cidade próxima de Madaura (aínda que se verá obrigado a interrompelos o ano 369 por dificultades económicas); a partir do ano 370 estudará en Cartago, dedicándose principalmente á retórica e á filosofía, salientando dunha maneira especial na retórica, e atopando dificultades na aprendizaxe da lingua grega, que nunca chegou a dominar.
Malia aos esforzos da súa nai, Mónica, que o educará no cristianismo desde a súa máis tenra infancia, Agostiño levará en Cartago unha vida disipada, moi afastada das pretensións daquela, orientada cara ao gozo de todos os praceres sensíbeis. Nesa época convivirá cunha muller (cuxo nome non nos revela nas súas Confesións, pero que puidera chamarse Floria Emilia) coa que manterá unha relación apaixonada e coa que terá un fillo, Adeodato, no ano 372. "Naquel mesmo tempo tiña eu unha muller, non que fose miña por lexítimo matrimonio, senón buscada polo vago ardor xuvenil escaso de prudencia; pero era unha soa, e gardáballe tamén fidelidade: querendo saber por experiencia propia a diferenza que hai entre o amor conxugal pactado mutuamente co fin da procreación, e o pacto de amor lascivo, no cal adoita tamén nacer algún fillo contra a vontade dos amantes, aínda que despois de nado obrígaos a que lle teñan amor."
A lectura do "Hortensio" de Cicerón causoulle unha fonda impresión que o achegará á filosofía, adheríndose ás teorías dos maniqueos, cara ao ano 373. Logo dun ano en Tagaste, onde ensinará retórica, regresa a Cartago, onde abrirá unha escola na que continuará as súas ensinanzas ata o ano 383 no que, tralo encontro con Fausto de Milevo, daquela o máis salientado representante do maniqueísmo norteafricano, decepcionado, abandonará o maniqueísmo.
Ese mesmo ano trasladarase a Roma, e logo a Milán, onde ensinará retórica. A lectura de Cicerón, de novo, xa abandonado o maniqueísmo, achegarao ao escepticismo da Academia nova, ata que escoita os sermóns do bispo de Milán, Ambrosio, que lle impresionaran fondamente e achegarano ao cristianismo. Neste período descobre tamén a filosofía neoplatónica, lendo as traducións que fixera de Plotino ao latín Mario Victorino, e lee tamén as epístolas de San Pablo.
No ano 386 convértese o cristianismo. Ese mesmo ano estabelecerase en Casiciaco, preto de Milán, coa súa nai, o seu fillo e algúns amigos, e comeza a escribir as súas primeiras Epístolas. O ano seguinte bautízase en Milán e opta por unha vida ascética e casta. Trala morte da súa nai, trasládase a África o ano 388, estabelecéndose en Tagaste onde fundará un mosteiro no que permanecerá ata o ano 391. Ese ano trasladarase a Hipona, (actualmente Annaba, tamén en Arxelia), cidade próxima a Tagaste, na costa, onde será consagrado sacerdote polo bispo Valerio. Alí fundará outro mosteiro, en terreos cedidos polo bispo, desenvolvendo unha fecunda actividade filosófica e relixiosa, salientando o carácter polémico contra as diversas herexías (donatistas, pelaxianistas...) ás que se enfrontaba o cristianismo, e que San Agostiño consideraba o principal problema co que se tiña que afrontar.
O ano 396 é nomeado bispo auxiliar de Hipona por Valerio, pasando a ser titular trala morte deste. Nos anos 418 e 422, en plena descomposición do imperio tralo saqueo de Roma por Alarico, participa no concilio de Cartago e continua a súa activa produción filosófica e relixiosa que abarcará máis de 100 volumes, sen contar as Epístolas e Sermóns. O ano 430, estando cercada Hipona polas hostes dos vándalos de Genserico, morrerá, pouco antes de que a cidade fora completamente arrasada.
Obras de Agostiño
San Agostiño deixou unha obra inmensa da que citamos a seguir algúns dos seus títulos máis significativos. Algunhas obras foron elaboradas en varios anos, polo que se dá a referencia do ano no que se inician.
386 Contra Academicos, De Beata Vita, De Ordine, De inmortalitate animae.
388-391 De libero arbitrio, De vera religione, De quantitate animae, De Magistro, De Musica, De moribus Manichaeorum, De Genesi contra Manichaeos.
391-400 De duabus animabus, Disputatio contra Fortunatum, Psalmus contra parte Donatum, Contra Adimantum Manicheum, De Mandacio, De Continentia, De Doctrina Christiana.
400 Publicación das "Confesións". De Trinitate (15 libros, concluída no 416).
401 De Genesi ad litteram (12 libros).
410 De Urbis excidio (sermón elaborado tralo saqueo de Roma).
413 De civitate Dei (22 libros, terminada no 426).
415 De natura et gratia contra Pelagium.
417 De Gestis Pelagii.
418 De gratia Christi et pecato originali.
419 De anima et eius origine, De gratia et libero arbitrio, Ad Valentinum, Retractationes.
Obras de Agostiño en internet
As obras completas de San Agostiño pódense ler en francés nas páxinas da Abadía de Saint Benoît de Port-Valais.