O resumo: exercicios prácticos
Exercicio 4
Resume a 1/3 o seguinte texto de Marvin Harris:
A orixe da supremacía masculina
"Todo isto conduce a unha conclusión: o complexo de Edipo non foi a causa da guerra; a guerra foi a causa do complexo de Edipo (lembremos que a guerra mesma non foi causa primeira senón un produto do intento de controlar as presións ecolóxica e reprodutora). Aínda que pareza un problema sen solución como o do ovo e a galiña, existen excelentes motivos científicos para rexeitar as prioridades freudianas. Se comezamos co complexo de Edipo, non podemos explicar as variacións de intensidade e de alcance da guerra: por que algúns grupos son máis belicosos que outros e por que algúns practican formas externas e outros formas internas de guerra? Tampouco podemos explicar por que o conxunto das institucións que forman o sistema da supremacía masculina varía en esencia e en forza. Partindo do complexo de Edipo, tampouco podemos explicar a orixe da agricultura, os camiños diverxentes das intensificacións e os esgotamentos no Vello e no Novo Mundo, nin a orixe do Estado. Pero se comezamos coa presión reprodutora, a intensificación e o esgotamento, podemos comprender os aspectos constantes e variábeis da guerra. E a partir dun coñecemento das causas das variacións bélicas, podemos chegar a unha comprensión das causas das variacións da organización familiar, as xerarquías sexuais e os papeis sexuais e, desde esta perspectiva, a unha comprensión das características constantes e variábeis do complexo de Edipo. Un principio admitido na filosofía da ciencia estabelece que se un debe elixir entre dúas teorías, merecerá prioridade aquela que resolva máis variábeis co menor número de suposicións independentes e non explicadas.
Merece a pena insistir neste punto porque de cada teoría infírense consecuencias filosóficas e prácticas distintas. Por un lado, a teoría freudiana parécese moito ao enfoque da guerra como aspecto da natureza humana. Fai que a agresividade homicida pareza inevitábel. Ao mesmo tempo, encadea tanto aos homes como ás mulleres a un imperativo biolóxico ("a anatomía é o destino"), co cal enturba e estreita o movemento para acadar a igualdade sexual. Aínda que sostiven que a anatomía destina aos homes ao adestramento para ser feroces e agresivos en caso de guerra, non dixen que a anatomía, os xenes, o instinto ou calquera outra cousa torne inevitábel a guerra. O simple feito de que todos os seres humanos do mundo de hoxe e do pasado coñecido vivan en sociedades machistas e belicistas non é razón suficiente para adxudicar á natureza humana a imaxe das características salvaxes necesarias para librar unha batalla con éxito. O feito de que a guerra e o machismo desempeñen e sigan desempeñando papeis tan destacados nos asuntos humanos non significa que deban seguir facéndoo en calquera tempo futuro. A guerra e o machismo deixarán de practicarse cando as súas funcións produtivas, reprodutoras e ecolóxicas se satisfagan mediante alternativas menos custosas. Por primeira vez na historia tales alternativas están ao noso alcance. Se non somos capaces de utilizalas, non será un fracaso da nosa natureza, senón da nosa intelixencia e vontade."
Marvin Harris, Cannibals and Kings: The Origins of Cultures, 1977, New York. ("Caníbales e reis: as orixes das culturas", capítulo 6, "A orixe da supremacía masculina e do complexo de Edipo")Proposta de solución:
A teoría freudiana de que o complexo de Edipo é a causa da guerra é insostible , segundo o dito anteriormente, existindo suficientes motivos científicos para apoiar esta conclusión, como a imposibilidade que ten esta teoría de explicar as diferencias de belicosidade, formas de guerra e frecuencia das mesmas, así como a diversidade das institucións que aseguran a primacía masculina, e aínda da orixe da agricultura ou do mesmo Estado. Pola contra, a teoría da presión reprodutora, a intensificación e o esgotamento, pode dar conta satisfactoriamente destes aspectos e aínda da organización familiar, das xerarquías sexuais e das características constantes e variábeis do complexo de Edipo mesmo. Polo demais, a teoría freudiana termina por facer da guerra e do machismo algo propio da natureza humana, polo que enturba e estreita o movemento para acadar a igualdade de sexos, mentres que a teoría da presión reprodutora e ecolóxica permítenos comprender a supervivencia da guerra e do machismo no pasado e facer da súa eliminación no futuro algo que depende exclusivamente da intelixencia e vontade dos seres humanos.
(175 palabras)
Elabora outra posíbel solución.