O resumo: exercicios prácticos
Exercicio 5
Resume a 1/3 o seguinte texto de Marvin Harris:
A orixe da supremacía masculina
"Todo isto conduce a unha conclusión: o complexo de Edipo non foi a causa da guerra; a guerra foi a causa do complexo de Edipo (lembremos que a guerra mesma non foi causa primeira senón un produto do intento de controlar as presións ecolóxica e reprodutora). Aínda que pareza un problema sen solución como o do ovo e a galiña, existen excelentes motivos científicos para rexeitar as prioridades freudianas. Se comezamos co complexo de Edipo, non podemos explicar as variacións de intensidade e de alcance da guerra: por que algúns grupos son máis belicosos que outros e por que algúns practican formas externas e outros formas internas de guerra? Tampouco podemos explicar por que o conxunto das institucións que forman o sistema da supremacía masculina varía en esencia e en forza. Partindo do complexo de Edipo, tampouco podemos explicar a orixe da agricultura, os camiños diverxentes das intensificacións e os esgotamentos no Vello e no Novo Mundo, nin a orixe do Estado. Pero se comezamos coa presión reprodutora, a intensificación e o esgotamento, podemos comprender os aspectos constantes e variables da guerra. E a partir dun coñecemento das causas das variacións bélicas, podemos chegar a unha comprensión das causas das variacións da organización familiar, as xerarquías sexuais e os papeis sexuais e, desde esta perspectiva, a unha comprensión das características constantes e variables do complexo de Edipo. Un principio admitido na filosofía da ciencia establece que se un debe elixir entre dúas teorías, merecerá prioridade aquela que resolva máis variables co menor número de suposicións independentes e non explicadas.
Merece a pena insistir neste punto porque de cada teoría infírense consecuencias filosóficas e prácticas distintas. Por un lado, a teoría freudiana parécese moito ao enfoque da guerra como aspecto da natureza humana. Fai que a agresividade homicida pareza inevitable. Ao mesmo tempo, encadea tanto aos homes como ás mulleres a un imperativo biolóxico ("a anatomía é o destino"), co cal enturba e estreita o movemento para acadar a igualdade sexual. Aínda que sostiven que a anatomía destina aos homes ao adestramento para ser feroces e agresivos en caso de guerra, non dixen que a anatomía, os xenes, o instinto ou calquera outra cousa torne inevitable a guerra. O simple feito de que todos os seres humanos do mundo de hoxe e do pasado coñecido vivan en sociedades machistas e belicistas non é razón suficiente para adxudicar á natureza humana a imaxe das características salvaxes necesarias para librar unha batalla con éxito. O feito de que a guerra e o machismo desempeñen e sigan desempeñando papeis tan destacados nos asuntos humanos non significa que deban seguir facéndoo en calquera tempo futuro. A guerra e o machismo deixarán de practicarse cando as súas funcións produtivas, reprodutoras e ecolóxicas se satisfagan mediante alternativas menos custosas.
Por primeira vez na historia tales alternativas están ao noso alcance. Se non somos capaces de utilizalas, non será un fracaso da nosa natureza, senón da nosa intelixencia e vontade. "