A nova Filosofía
Para Nietzsche a vontade é a verdadeira "esencia" da realidade. A realidade non é máis que a expresión da vontade: ser é querer (...ser). A realidade non é algo estático, permanente, inmutábel; nin a consecuencia de algo estático, permanente, inmutábel. Sendo o froito da vontade ha de ser multiforme e cambiante, como aquela. A realidade é devir, cambio, e non está sometida a outra determinación que á do seu propio querer. E o querer da vontade, á igual que o de todo o real, é un querer libre, que rexeita toda determinación allea ao seu propio devir. A vontade, o querer, non se somete ao querido, senón que se impón a todos os seus posíbeis obxectos. Non quere "isto" ou "o outro", senón só o seu propio querer. Trátase dunha vontade libre e absoluta á que Nietzsche denomina "vontade de poder": é unha vontade vital, expansiva, dominante... unha vontade que se xera a si mesma e que tende a medrar ata a omnipotencia.
Á nova concepción da realidade correspóndelle unha nova concepción da verdade. A verdade non reside no xuízo, nin na adecuación do intelecto co obxecto. Todos os xuízos son falsos, na medida que consisten nunha "conxelación" dun determinado aspecto da realidade mediante o uso de conceptos. Sendo a realidade cambiante non podería deixarse encerrar por conceptos, que son estáticos, inmutábeis. E sendo os conceptos a base de todos os xuízos estes non poden expresar nin captar a realidade, o devir do real. Os conceptos non nos serven para captar o real, nin os xuízos para expresar a verdade do real.
A verdade terá que ser o resultado da intuición do real, da captación directa da realidade. Xa que logo, non poderá ser unha verdade inmutábel, e nin sequera única, pois a mesma mudanza do real non está exenta de contradicións.
Na medida na que a expresión da verdade realízase mediante a linguaxe esta convértese en algo fundamental á hora de falar da verdade. Nietzsche verá na linguaxe unha supeditación aos conceptos que fan dela un instrumento pouco útil para reflectir a verdade do real, polo que a construción dunha nova linguaxe será unha das súas tarefas prioritarias, buscando na metáfora, na alusión, na ironía, elementos útiles para forzar o novo sentido das palabras.
Fronte á linguaxe da razón, do concepto, propoñerá a linguaxe da imaxinación, baseado na metáfora. Mentres que a linguaxe conceptual pretende ser un fiel reflexo da realidade (quedando petrificada nel) a linguaxe metafórico respecta a pluralidade e o movemento da realidade. A linguaxe conceptual é a da lóxica dogmática. A metafórica é a linguaxe da arte, da vida, da equivocidade, da ambivalencia, da beleza e, en definitiva, a expresión da liberdade da vontade.
Todo iso implica un novo modo de entender o ser humano, unha nova antropoloxía. O home actual debe ser substituído polo "superhome", un home que faga da afirmación de novos valores o eixe da súa vida. O único valioso que hai no home actual é o seu carácter de "ponte" cara ao superhome. O tema do superhome garda unha relación estrita co da morte de Deus: o superhome aparece cando Deus é definitivamente expulsado do espazo que usurpara ata entón, cubrindo o superhome o baleiro deixado por Deus. Ao matar a Deus, o home crea ao superhome.
Mentres que o home actual é un ser domesticado, o superhome é un ser libre, superior, autónomo; un animal que posúe os seus propios instintos, compréndeos e desenvólveos na vontade de poder. Para acadar este estadio o home actual ha de percorrer un camiño longo e non exento de dificultades: ha de experimentar unha tripla metamorfose do seu espírito: de camelo (animal submiso) ha de converterse en león (símbolo da negación de todos os valores) e de león en neno (símbolo do superhome que, superando a submisión do camelo e a autosuficiencia do león conquista a auténtica liberdade.)
Este home novo só será posíbel cunha nova moral que xurdirá da transmutación xeneralizada de todos os valores vixentes. As nocións morais de "Ben" e "Mal" como puntos de referencia obxectivos e opostos quedan desbordados pola nova realidade. Os vellos valores racionais e suprasensíbeis son substituídos por valores vitais e sensíbeis. O superhome defende a desigualdade, a xerarquía, a mudanza, o experimento e o risco fronte á igualdade, a seguridade, que serían valores propios da moral do "rabaño", unha moral de escravos, representada fundamentalmente polo cristianismo.
A moral tradicional, xudeu-cristiá, é unha moral da "renuncia" e cuxos valores non se atopan nesta vida, senón “noutro mundo”, no “verdadeiro”, no máis alá. Esta moral diríxese contra os instintos vitais, xa que propón unha evasión con respecto ao home concreto e respecto ao mundo real. Nas súas obras Nietzsche pretende analizar as raíces das que xorden estes conceptos morais negativos. Realiza a análise da moral entre os gregos e do xiro que van sufrindo os conceptos morais na dirección de afastarse do vital do que xorden, a partir de Sócrates e Platón. Se entre os primeiros gregos a virtude era equivalente á forza e "bo" era o nobre, o que desprezaba a debilidade e o medo, a partir de Sócrates a virtude convértese en renuncia aos praceres, paixóns, ambicións, e o único ben que se admite é o da "sabedoría". Con iso iníciase en Grecia a moral dos "escravos", unha moral gregaria e anti-vital.
Esta nova moral baséase fundamentalmente en valores estéticos e sensíbeis, deixando de lado todas as preocupacións metafísicas propias da moral cristiá tradicional. Así mesmo defende unha posición extremadamente individualista, fronte ao gregarismo das morais tradicionais.