A filosofía de Nietzsche


Friedrich Wilhelm Nietzsche

2. A crítica da tradición filosófica

Filosofía: a crítica da metafísica e a moral

A filosofía de Nietzsche supoñerá un enfrontamento radical con boa parte da tradición filosófica occidental, opoñéndose ao seu dogmatismo, cuxa raíz sitúa en Sócrates, Platón e a filosofía cristiá. A distinción e oposición, realizada nas súas primeiras obras, entre o apolíneo e o dionisíaco, levarao a desenvolver unha orixinal interpretación da historia da filosofía, segundo a cal o pensamento verase sometido a un afastamento da vida, a partir da reflexión socrática, que o levará a opoñerse a ela, negándoa mediante a invención platónica dunha realidade transcendente dotada de características de estabilidade e inmutabilidade, xusto as contrarias das que posúe a única realidade que coñecemos, que é contraditoria e cambiante.

a) A crítica da metafísica. Nietzsche oponse ao dualismo ontolóxico, reflexo fiel do dualismo platónico:

  • - este mundo, sensíbel e imperfecto
  • - o outro mundo, suprasensíbel e perfecto, fundamento daquel.

Segundo tal concepción, a realidade queda escindida en dous ámbitos: unha realidade suprasensíbel, estática e imperecedoira, fronte a unha realidade cambiante, sensíbel, perecedoira... que é o produto residual, "desprezábel" da anterior. Fronte a este esquema ontolóxico reaccionará Nietzsche esgrimindo tres obxeccións.

  • 1. A infravaloración da realidade sensíbel débese a súa mutabilidade, mentres que a razón humana opera con categorías inmutábeis (conceptos); pero o feito de que a razón funcione con tales categorías non demostra a "imperfección" nin a "dependencia" do mundo sensíbel, senón só a inadecuación da razón para coñecelo... E se a razón non fose a facultade axeitada para coñecer o mundo? É posíbel acceder de forma non racional ao coñecemento do mundo? É a razón a nosa única posibilidade cognoscitiva?
  • 2. O mundo suprasensíbel non é máis que unha ilusión, unha ficción, unha fantasía construída como negación do mundo sensíbel, única realidade para nós.
  • 3. O recurso a un mundo suprasensíbel interprétao, pois, como unha reacción anti-vital, como unha negación da vida, (vida que está marcada polo sufrimento tanto como pola alegría), como unha vinganza contra a natureza, propia de espíritos ruíns que odian a vida, un produto do resentimento contra a vida. Incapaces de aceptar un destino tráxico, os homes rebélanse contra esa vida que os aboca ao sufrimento e négana, converténdoa nun mero residuo doutra realidade, perfecta esta, na que afogan o seu resentimento.

b) A crítica da moral. Nietzsche acusa á moral platónico- cristiá de antinatural por ir en contra dos instintos vitais. O seu centro de gravidade non está neste mundo, senón no máis alá, na realidade en si, ou no mundo sobrenatural do cristianismo. Trátase dunha moral transcendente que non xira en torno ao home, senón en torno a Deus e que impón ao home un rexeitamento da súa natureza, unha loita constante contra os seus impulsos vitais, polo que significa un rexeitamento xeral da vida, da verdadeira realidade do home, en favor dunha ilusión xerada polo resentimento contra a vida. Tal moral é síntoma e expresión da decadencia da cultura occidental.

c) A crítica do coñecemento. Polo que respecta á explicación do coñecemento, a metafísica de tradición platónico-cristiá fai corresponder a unha realidade inmutábel un coñecemento e unha verdade igualmente inmutábeis: o coñecemento conceptual. Pero o concepto, di Nietzsche, non serve para coñecer a realidade tal e como é. O concepto ten un valor representativo, pero sendo o real un devir, unha mudanza, non pode deixarse representar por algo coma o concepto, cuxa natureza consiste en representar a esencia, é dicir, aquilo que é inmutábel, que non devén, que non cambia, o que permanece idéntico a si mesmo, alleo ao tempo. O concepto non é máis que un modo impropio de referirse á realidade, un modo xeral e abstracto de captar a realidade e xa que logo, de afastarnos do singular e concreto, de afastarnos da realidade. Lonxe de ofrecernos o coñecemento da realidade, o concepto ocúltanola.

c.1) En realidade, di Nietzsche, o concepto non é máis que unha metáfora da realidade, unha representación xeral dunha realidade que é individual. Prescinde, polo tanto, de toda diferenza individual. E a filosofía tradicional esqueceu este carácter metafórico do concepto e pretendeu atopar nel non unha simple xeneralización das cousas, senón a "esencia", unha suposta realidade suprasensíbel das cousas.

c.2) Nietzsche dirixirá tamén a súa atención ao papel que xogou a linguaxe na reflexión filosófica. Dada a íntima relación existente entre o pensamento e a linguaxe que o expresa, a medida que o valor dos conceptos é falsificado pola metafísica tradicional, queda tamén falsificado o valor das palabras e o sentido no que se usan. Deste xeito a linguaxe contribúe decisiva e sutilmente a afianzar ese engano metafísico acerca da realidade. Recuperar o sentido do real esixe, polo tanto, recuperar simultaneamente o sentido, o valor da palabra. De aí o estilo aforístico da súa obra.

d) A morte de Deus. A análise da traxectoria do pensamento e a cultura occidentais levará a Nietzsche a constatar a morte de Deus. Deus fora o compás do home occidental. Pero o home foi matando a Deus sen decatarse, expulsándoo aos poucos do seu pensamento e da súa cultura. Ao descubrir a morte de Deus o home queda desorientado, a súa vida perde o sentido.

A morte de Deus é, en realidade, a morte do monoteísmo cristián e da metafísica dogmática, para quen só hai un Deus e unha verdade. E o responsábel de iso é o home. Ao cobrar conciencia de iso o home substitúe ese Deus e esa verdade única por múltiples deuses e múltiples verdades, nun intento desesperado por salvar os valores asociados a esa imaxe de Deus. Malia iso, coa caída do Deus e da metafísica tradicionais os valores asociados a eles non poden subsistir, non atopan xustificación transcendental algunha e, carentes de fundamentación, serán o branco das críticas máis exacerbadas e negados como valores. O ateísmo conduce, pois, ao nihilismo.

e) O nihilismo. O nihilismo é o proceso que segue a conciencia do home occidental e que quedaría expresado nestas tres momentos:

  • 1) O nihilismo como resultado da negación de todos os valores vixentes: é o resultado da dúbida e da desorientación.
  • 2) O nihilismo como autoafirmación desa negación inicial: é o momento da reflexión da razón.
  • 3) O nihilismo como punto de partida dunha nova valoración: é o momento da intuición, que queda expresada na vontade de poder, na que se expresa pola súa vez o valor da vontade.

Esta é base sobre a que ten que construírse, segundo Nietzsche, a nova filosofía. O home provoca, en primeiro lugar, a morte de Deus, sen apenas decatarse de iso. En segundo lugar, o home toma conciencia plena da morte de Deus e reafírmase nela. En terceiro lugar, e como consecuencia de todo o anterior, o home descóbrese a si mesmo como responsábel da morte de Deus descubrindo, ao mesmo tempo, o poder da vontade, e intuíndo a vontade como valor máximo.