Friedrich Wilhelm Nietzsche
Biografía
Friedrich Wilhelm Nietzsche (1844-1900)
Friedrich Wilhelm Nietzsche naceu o 15 de outubro de 1844 en Röcken, unha pequena cidade da Saxonia prusiana, fillo de Carl Ludwig (1813-1849) e Franziska Oehler(1826-1897). A temperá morte do seu pai, pastor luterano, por mor dun proceso de dexeneración cerebral, provocado supostamente por unha ferida na cabeza producida por unha caída, obriga á familia a abandonar a casa na que residían, para ser ocupada polo novo pastor, trasladándose en 1849 a Naumburgo. Alí vivirá coa súa nai, a súa irmá Elisabeth, a súa avoa Erdmuthe e dúas tías, Auguste e Rosalie, realizando os seus primeiros estudos no instituto ("Gymnasium") local, entre 1854 e 1858.
En 1858 ingresa no internado de Pforta, que adquirira un gran renome na época, e no que se observaba un réxime estrito e tradicional, onde permanecerá ata 1864. Nesta época desenvólvese a súa admiración polo xenio grego, lendo sobre todo a Platón e Esquilo, así como pola música e a poesía, sendo un admirador de Hölderlin, realizando entón os seus primeiros ensaios como poeta e músico, tanto respecto á composición, (Allegro para piano, Phantasie for piano, Miserere, entre outras), como á interpretación, chegando a ser considerábel a súa habilidade ao piano. Polo demais, comezan os problemas de saúde de Nietzsche, sufrindo en numerosas ocasións intensos dores de cabeza que podían chegar a durar varios días.
En 1864 ingresa na universidade de Bonn, xunto co seu compañeiro e amigo Paul Deussen, quen posteriormente sería profesor de filosofía en Kiel e admirador da filosofía India e de Schopenhauer e que, malia non compartir a futura filosofía de Nietzsche, mantería con el unha relación de sincera amizade. O Departamento de Filoloxía de Bonn gozaba entón de gran reputación con Otto Jahn e Friedrich Wilhelm Ritschl, quen mantiñan un larvado desacordo que estouparía ao ano seguinte, trasladándose Wilhelm Ritschl á Universidade de Leipzig. Nietzsche trasládase tamén en 1865 a dita universidade, onde permanecerá ata 1869, seguindo os pasos do seu mestre Ritschl, e continuando nela os estudos filolóxicos baixo o seu enderezo, chegando a ser o seu discípulo predilecto.
Desa época data a súa amizade con Erwin Rhode, que se irá rompendo a medida que Nietzsche radicaliza o seu pensamento, terminando nun afastamento total. Tamén desta época data a súa admiración pola música de Wagner e o seu primeiro encontro co músico. A lectura de Schopenhauer e o abandono definitivo do cristianismo coinciden coa súa actividade como filólogo, publicando varios traballos no "Rheinisches Museum" polos que obtén un gran prestixio entre os especialistas. En 1869 a Universidade de Basilea ofrécelle a cátedra de Filoloxía, ante dos informes favorábeis recibidos polo seu profesor Ritschl, e antes incluso de que obtivese o título de Doutor, cátedra que Nietzsche ocupa en maio dese mesmo ano.
De 1869 a 1879 Nietzsche permanecerá en Basilea, desenvolvendo a súa actividade como profesor. A amizade con Wagner afiánzase e Nietzsche visítao en numerosas ocasiones no seu hotel no lago de Lucerna. En 1872 pública "A orixe da traxedia", obra moi mal recibida nos medios académicos e criticada violentamente por algúns especialistas en filoloxía clásica; algúns dos seus amigos, non obstante, saen na súa defensa, como Erwin Rhode; e outros, como Wagner, por exemplo, celébrana con entusiasmo. Malia iso, o seu prestixio entre os filólogos diminuirá considerabelmente.
Entre os anos 1873 e 1876 publica as "Consideracións intempestivas", nas que critica a David Strauss e o historicismo, nas dúas primeiras, e alaba a Schopenhauer e Wagner, nas dúas últimas. A pesar de iso, en 1876 comezará o seu distanciamento de Wagner, que culminará pouco despois nunha aberta oposición. Ata entón Nietzsche tomara como referencia o ideal do artista e o xenio creador; nos próximos anos, aínda que de forma provisional, orientará a súa reflexión cara ao papel da ciencia, interese que se plasmará en obras como "Humano, demasiado humano", escrita entre os anos 1878 e 79.
En 1879, probabelmente por problemas de saúde, renuncia á súa cátedra na universidade de Basilea, e comeza un período que durará dez anos caracterizado polo constante viaxar de Nietzsche por Suíza, Italia e Alemaña (que só visitará ocasionalmente), así como pola efervescencia creativa que o conduce á elaboración da maior parte da súa obra. En 1880 reside en Naumburgo, Venecia, Marienbad e Xénova. En 1881 residirá fundamentalmente en Xénova e Sils-Maria, pequena localidade dos Alpes suízos onde Nietzche intuirá as principais ideas da súa filosofía futura, como a do eterno retorno e a da vontade de poder. Nietzsche manterán unha activa correspondencia coas súas amizades, coas que se verá tamén en numerosas ocasións ao longo destes anos, como F. Overbeck, P. Rée, E. Rhode, K. Hillebrand, Peter Gast, Lou Salomé, á que coñecerá en 1882, etc., así como coa súa nai e irmá.
No ano 1882 e seguintes residirá en cidades como Xénova, Messina, Roma, Orta, Basilea, Lucerna, Naumburgo, Leipzig, Santa Margherita, Florencia, Rapallo e Niza, entre outras, pasando varios veráns na localidade de Sils-Maria, especialmente querida por Nietzsche. Deste período datan algunhas das súas obras máis significativas, como "A xenealoxía da moral", "Así falou Zaratustra" e "Alén do ben e do mal".
En 1889 a súa saúde, que xa lle dera motivos de preocupación nos anos "errantes", empeora bruscamente, comezando a manifestar síntomas de desequilibrio mental. Trasladado de Turín a Basilea é tratado na clínica desa cidade, e posteriormente na de Jena, dando mostras dunha lixeira recuperación. Non obstante o seu estado empeora de novo, instalándose en Naumburgo coa súa nai e, logo da morte desta, en 1897, coa súa irmá Elisabeth en Weimar. Pero xa non se recupera xamais. Morrerá en agosto de 1900, tras acadar unha considerábel fama e exercer un notábel influxo que se deixará sentir no desenvolvemento do pensamento contemporáneo.