Karl Heinrich Marx
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 2
Elabora un xuízo crítico sobre a interpretación materialista da historia en Marx.
A concepción materialista da historia
Esta concepción da historia consiste, pois, en expoñer o proceso real de produción, partindo para iso da produción material da vida inmediata, e en concibir a forma de intercambio correspondente a este modo de produción e xerada por el, é dicir, a sociedade civil nas súas diferentes fases, como o fundamento de toda a historia, presentándoa na súa acción en canto Estado e explicando segundo ela todos os diversos produtos teóricos e formas da conciencia, a relixión, a filosofía, a moral, etc., así como estudando a partir de esas premisas o seu proceso de nacemento, o que, naturalmente, permitirá expoñer as cousas na súa totalidade (e tamén, por iso mesmo, a acción recíproca entre estes diversos aspectos). Non se trata de buscar unha categoría en cada período, como fai a concepción idealista da historia, senón de manterse sempre sobre o terreo histórico real, de non explicar a práctica partindo da idea, de explicar as formacións ideolóxicas sobre a base da práctica material, por onde se chega, consecuentemente, ao resultado de que todas as formas e todos os produtos da conciencia non agroman por obra da crítica espiritual, mediante a redución á "autoconciencia" ou a transformación en "pantasmas", "espectros", "visións", etc., senón que só poden disolverse polo derrocamento práctico das relacións sociais reais, de onde emanan estas quimeras idealistas; de que a forza propulsora da historia, incluso a da relixión, a filosofía, e toda outra teoría, non é a crítica, senón a revolución. Esta concepción revela que a historia non termina disolvéndose na "autoconciencia ", como o "espírito do espírito", senón que en cada unha das súas fases atópase un resultado material, unha suma de forzas de produción, unha relación historicamente creada coa natureza e entre uns e outros individuos, que cada xeración transfire á que lle segue, unha masa de forzas produtivas, capitais e circunstancias, que, aínda que dunha parte sexan modificados pola nova xeración, ditan a esta, doutra parte, as súas propias condicións de vida e imprímenlle un determinado desenvolvemento, un carácter especial; de que, polo tanto, as circunstancias fan ao home na mesma medida na que este fai ás circunstancias. Esta suma de forzas de produción, capitais e formas de intercambio social coas que cada individuo e cada xeración se atopan como con algo dado é o fundamento real do que os filósofos se representan como a "substancia" e a "esencia do home", elevándoo a apoteose e combaténdoo; un fundamento real que non se ve menoscabado no máis mínimo polo que fai á súa acción e ás súas influencias sobre o desenvolvemento dos homes polo feito de que estes filósofos se rebelen contra el como "autoconciencia" e como o "Único". E estas condicións de vida con que as diferentes xeracións se atopan ao nacer deciden tamén se as conmocións revolucionarias que periodicamente se repiten na historia serán ou non o suficientemente fortes para derrocar a base de todo o existente. Se non se dan estes elementos materiais dunha conmoción total, ou sexa, dunha parte, as forzas produtivas existentes e, doutra, a formación dunha masa revolucionaria que se levante, non só en contra de certas condicións da sociedade anterior, senón en contra da mesma "produción da vida" vixente ata agora, contra a "actividade de conxunto" sobre que descansa, en nada contribuirá a facer cambiar a marcha práctica das cousas o que a idea desta conmoción sexa proclamada xa cen veces, como comunismo.
Toda a concepción histórica, ata agora, fixo caso omiso desta base real da historia, ou considerouna simplemente como algo accesorio, que non ten nada que ver co desenvolvemento histórico. Isto fai que a historia deba escribirse sempre de acordo cunha pauta situada fóra dela; a produción real da vida revélase como algo protohistórico, mentres que a historicidade maniféstase como algo separado da vida usual, como algo extra e supraterreal. Deste modo, exclúese da historia o comportamento dos homes cara a natureza, o que xera a antítese de natureza e historia. Por iso, esta concepción só acerta a ver na historia as accións políticas dos caudillos e do Estado, as loitas relixiosas e as loitas teóricas en xeral, e vese obrigada a compartir, especialmente, en cada época histórica, as ilusións desta época. Por exemplo, unha época imaxínase que se move por motivos puramente "políticos" ou "relixiosos", a pesar de que a "relixión" ou a "política" son simplemente as formas dos seus motivos reais: pois ben, o historiador da época de que se trata acepta sen máis tales opinións. O que estes determinados homes se "figuraron", se "imaxinaron" acerca da súa práctica real convértese na única potencia determinante e activa que dominaba e determinaba a práctica destes homes. E así, cando a forma basta coa que se presenta a división do traballo entre os hindúes e os exipcios provoca nestes pobos o réxime de castas propio do seu Estado e da súa relixión, o historiador cree que o réxime de castas foi a potencia que xerou aquela basta forma social. E, mentres que os franceses e os ingleses aférranse, polo menos, á ilusión política, que é, certamente a máis próxima a realidade, os alemáns móvense na esfera do "espírito puro" e fan da ilusión relixiosa a forza motriz da historia.
A filosofía hegeliana da historia é a última consecuencia, levada á súa "expresión máis pura" de toda esta historiografía alemá, que non xira en torno aos intereses reais, nin sequera aos intereses políticos, senón en torno a pensamentos puros, que máis tarde San Bruno [refírese a Bruno Bauer] representarase necesariamente como unha serie de "pensamentos" que se devoran os uns aos outros, ata que, por último, neste devorarse entre eles, perece a "autoconciencia", e por este mesmo camiño marcha dun modo aínda máis consecuente San Max Stirner, quen, volvéndose totalmente de lombos á historia real, ten necesariamente que presentar todo o proceso histórico como unha simple historia de "cabaleiros", bandidos e espectros, de cuxas visións só acerta a salvarse el, naturalmente, pola "non santidade" (A chamada historiografía obxectiva consistía, cabalmente, en concibir as relacións históricas como algo á parte da actividade. Carácter reaccionario). Esta concepción é realmente relixiosa; presenta ao home relixioso como o protohome de quen arrinca toda a historia e, deixándose levar pola súa imaxinación, suplanta a produción real dos medios de vida e da vida mesma pola produción de quimeras relixiosas. Toda esta concepción da historia, unida á súa disolución e aos escrúpulos e reparos xurdidos dela, é unha incumbencia puramente nacional dos alemáns e só ten un interese local para Alemaña, como por exemplo a importante cuestión, repetidas veces exposta nestes últimos tempos, de como pode chegarse, en rigor, "do reino de Deus ao reino do home", coma se este "reino de Deus" existise nunca, máis que na imaxinación, e os eruditos señores non vivisen sempre, sen sabelo, no "reino do home", para o que agora buscan os camiños, e coma se o entretemento científico, pois non é outra cousa, de explicar o que hai de curioso nestas formacións teóricas perdidas nas nubes, non residise cabalmente, polo contrario, en demostrar como nacen das relacións reais sobre a terra. Para estes alemáns, trátase sempre, en xeral, de explicar os absurdos con que nos atopamos por calquera outras quimeras; é dicir, de presupoñer que todos estes absurdos teñen un sentido propio, o que sexa, que é necesario desentrañar, cando do que se trata é, simplemente, de explicar estas frases teóricas en función das relacións reais existentes. Como xa dixemos, a evaporación real e práctica destas frases, a eliminación destas ideas da conciencia dos homes, é obra da mudanza das circunstancias, e non das deducións teóricas. Para a masa dos homes, é dicir, para o proletariado, estas ideas teóricas non existen e non necesitan, polo tanto, ser eliminadas, e aínda que esta masa poida profesar algunha vez ideas teóricas deste tipo, por exemplo ideas relixiosas, fai xa moito tempo que as circunstancias se encargaron de eliminalas.
Marx, Engels, A Ideoloxía alemá, I, A, 2, 1845