Karl Heinrich Marx
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 1
Realiza unha análise do seguinte fragmento da Ideoloxía alemá, I, A, 2, na que se saliente a súa estrutura argumentativa.
Crítica das concepcións da historia
Toda a concepción histórica, ata agora, fixo caso omiso desta base real da historia, ou considerouna simplemente como algo accesorio, que non ten nada que ver co desenvolvemento histórico. Isto fai que a historia deba escribirse sempre de acordo cunha pauta situada fóra dela; a produción real da vida revélase como algo protohistórico, mentres que a historicidade maniféstase como algo separado da vida usual, como algo extra e supraterreal. Deste modo, exclúese da historia o comportamento dos homes cara a natureza, o que xera a antítese de natureza e historia. Por iso, esta concepción só acerta a ver na historia as accións políticas dos caudillos e do Estado, as loitas relixiosas e as loitas teóricas en xeral, e vese obrigada a compartir, especialmente, en cada época histórica, as ilusións desta época. Por exemplo, unha época imaxínase que se move por motivos puramente "políticos" ou "relixiosos", a pesar de que a "relixión" ou a "política" son simplemente as formas dos seus motivos reais: pois ben, o historiador da época de que se trata acepta sen máis tales opinións. O que estes determinados homes se "figuraron", se "imaxinaron" acerca da súa práctica real convértese na única potencia determinante e activa que dominaba e determinaba a práctica destes homes. E así, cando a forma basta coa que se presenta a división do traballo entre os hindúes e os exipcios provoca nestes pobos o réxime de castas propio do seu Estado e da súa relixión, o historiador cree que o réxime de castas foi a potencia que xerou aquela basta forma social. E, mentres que os franceses e os ingleses aférranse, polo menos, á ilusión política, que é, certamente a máis próxima a realidade, os alemáns móvense na esfera do "espírito puro" e fan da ilusión relixiosa a forza motriz da historia.
Marx, Engels, A Ideoloxía alemá, I, A, 2, 1845