Fragmentos de obras de Marx


Manuscritos económico-filosóficos

Crítica de Marx ao idealismo hegeliano: o dobre erro de Hegel

O primeiro emerxe da maneira máis clara na Fenomenoloxía, como berce da Filosofía hegeliana. Cando el concibe, por exemplo, a riqueza, o poder estatal, etcétera, como esencias alienadas para o ser humano, isto só se produce en forma especulativa... Son entidades ideais e xa que logo. simplemente un desterro do pensamento filosófico puro, é dicir, abstracto. Todo o movemento termina así co saber absoluto. É xustamente do pensamento abstracto de onde estes obxectos están estrañados e é xustamente ao pensamento abstracto ao que se enfrontan coa súa pretensión de realidade. O filósofo (unha forma abstracta, pois, do home alienado) eríxese en medida do mundo alienado. Toda a historia da alienación e toda a revogación da alienación non é así senón a historia da produción do pensamento abstracto, é dicir, absoluto do pensamento lóxico especulativo. O desterro, que constitúe, polo tanto, o verdadeiro interese desta alienación e da supresión desta alienación é a oposición de en si e para si, de conciencia e autoconciencia, de obxecto e suxeito, é dicir, a oposición, dentro do pensamento mesmo, do pensamento abstracto e a realidade sensíbel ou o sensíbel real. Todas as demais oposicións e movementos destas oposicións son só a aparencia, a envoltura, a forma esotérica destas oposicións, as únicas interesantes, que constitúen o sentido das restantes profanas oposicións. O que pasa por esencia estabelecida do desterro e o que hai que superar non é o feito de que o ser humano se obxective de forma humana, en oposición a si mesmo, senón o que se obxective a diferenza de e en oposición ao pensamento abstracto.

A apropiación das forzas esenciais humanas, convertidas en obxecto, en obxecto alienado, é pois, en primeiro lugar, unha apropiación que se opera só na conciencia, no pensamento puro, é dicir, na abstracción, a apropiación de obxectos como pensamentos e movementos do pensamento; por isto, xa na Fenomenoloxía (pese ao seu aspecto totalmente negativo e critico, e malia a crítica real nela contida, que con frecuencia adiantase moito ao desenvolvemento posterior) está latente como xerme, como potencia, está presente como un misterio, o positivismo acrítico e o igualmente acrítico idealismo das obras posteriores de Hegel, esa disolución e restauración filosóficas da empirie existente. En segundo lugar. A reivindicación do mundo obxectivo para o home (por exemplo, o coñecemento da conciencia sensíbel non é unha conciencia sensíbel abstracta, senón unha conciencia sensíbel humana; o coñecemento de que a Relixión, a riqueza, etc., son só a realidade atolada da obxectivación humana, das forzas sociais humanas nadas para a acción e, xa que logo, só o camiño cara a verdadeira realidade humana), esta apropiación ou a intelixencia deste proceso preséntase así en Hegel de tal modo que a sensibilidade, a Relixión, o poder do Estado, etc., son esencias espirituais, pois só o espírito é a verdadeira esencia do home, e a verdadeira forma do espírito é o espírito pensante, o espírito lóxico, especulativo. A humanidade da natureza e da natureza producida pola historia, dos produtos do home, maniféstase en que eles son produtos do espírito abstracto e, polo tanto e nesa mesma medida, momentos espirituais, esencias pensadas. A Fenomenoloxía é a crítica oculta, escura aínda para si mesma e mistificadora; pero en canto retén o desterro do home (aínda que o home aparece só na forma do espírito) atópanse ocultos nela todos os elementos da crítica e con frecuencia preparados e elaborados dun xeito que supera amplamente o punto de vista hegeliano. A "conciencia desventurada", a "conciencia honrada", a loita da "conciencia nobre e a conciencia vil", etc., estas seccións soltas conteñen (pero en forma alienada) os elementos críticos de esferas enteiras como a Relixión, o Estado, a vida civil, etc. Así como a esencia, o obxecto, aparece como esencia pensada, así o suxeito é sempre conciencia ou autoconciencia; ou mellor, o obxecto aparece só como conciencia abstracta, o home só como autoconciencia; as diversas formas do desterro que alí emerxen son, por isto, só distintas formas da conciencia e da autoconciencia. Como a conciencia abstracta en si (o obxecto é concibido como tal) é simplemente un momento de diferenciación da autoconciencia, así tamén xorde como resultado do movemento a identidade da autoconciencia coa conciencia, o saber absoluto, o movemento do pensamento abstracto que non vai xa cara a fóra, senón só dentro de se mesmo; é dicir, o resultado é a dialéctica do pensamento puro.

Marx, Manuscritos económico-filosóficos, 1844