Fragmentos de obras de Marx
Manifesto comunista
A historia como loita de clases: Burgueses e proletarios
Toda a historia da sociedade humana, ata o día, é unha historia de loitas de clases. Libres e escravos, patricios e plebeos, baróns e servos da gleba, mestres e oficiais; nunha palabra, opresores e oprimidos, fronte a fronte sempre, empeñados nunha loita ininterrompida, velada unhas veces, e outras franca e aberta, nunha loita que conduce en cada etapa á transformación revolucionaria de todo o réxime social ou ao exterminio de ambas clases belixerantes.
Nos tempos históricos atopámonos á sociedade dividida case por todas partes nunha serie de estamentos, dentro de cada un dos cales reina, pola súa vez, unha nova xerarquía social de graos e posicións. Na Roma antiga son os patricios, os équites, os plebeos, os escravos; na Idade Media, os señores feudais, os vasalos, os mestres e os oficiais dos gremios, os servos da gleba, e dentro de cada unha desas clases aínda atopámonos con novos matices e gradacións.
A moderna sociedade burguesa que se alza sobre as ruínas da sociedade feudal non aboliu os antagonismos de clase. O que fixo foi crear novas clases, novas condicións de opresión, novas modalidades de loita, que viñeron a substituír ás antigas. Sen embargo, a nosa época, a época da burguesía, caracterízase por simplificar estes antagonismos de clase. Hoxe, toda a sociedade tende a separarse, cada vez máis abertamente, en dous grandes campos inimigos, en dúas grandes clases antagónicas: a burguesía e o proletariado.
Dos servos da gleba da Idade Media xurdiron os "cidadáns" das primeiras cidades; e estes cidadáns foron o xerme de onde agromaron os primeiros elementos da burguesía.
O descubrimento de América, a circunnavegación de África, abriron novos horizontes e imprimiron novo impulso á burguesía. O mercado de China e das Indias orientais, a colonización de América, o intercambio coas colonias, o incremento dos medios de cambio e das mercadorías en xeral, deron ao comercio, á navegación, á industria, un pulo xamais coñecido, atizando con iso o elemento revolucionario que se agochaba no seo da sociedade feudal en descomposición.
O réxime feudal ou gremial de produción que seguía imperando non abondaba xa para cubrir as necesidades que abrían os novos mercados. Foi a ocupar o seu posto a manufactura. Os mestres dos gremios víronse desprazados pola clase media industrial, e a división do traballo entre as diversas corporacións suplantouse pola división do traballo dentro de cada taller.
Pero os mercados seguían dilatándose, as necesidades seguían medrando. Xa non abondaba tampouco a manufactura. O invento do vapor e a maquinaria viñeron a revolucionar o réxime industrial de produción. A manufactura cedeu o posto á gran industria moderna, e a clase media industrial tivo que deixar paso aos magnates da industria, xefes de grandes exércitos industriais, aos burgueses modernos.
A grande industria creou o mercado mundial, xa preparado polo descubrimento de América. O mercado mundial imprimiu un xigantesco impulso ao comercio, á navegación, ás comunicacións por terra. Pola súa vez, estes progresos redundaron considerabelmente en proveito da industria, e na mesma proporción na que se dilataban a industria, o comercio, a navegación, os ferrocarrís, desenvolvíase a burguesía, medraban os seus capitais, ía desprazando e esfumando a todas as clases herdadas da Idade Media.
Vemos, pois, que a moderna burguesía é, como foron no seu tempo as outras clases, produto dun longo proceso histórico, froito dunha serie de transformacións radicais operadas no réxime de troco e de produción.
A cada etapa de avance percorrida pola burguesía corresponde unha nova etapa de progreso político. Clase oprimida baixo o mando dos señores feudais, a burguesía forma na "comuna" unha asociación autónoma e armada para a defensa dos seus intereses; nuns sitios organízase en repúblicas municipais independentes; noutros forma o terceiro estado tributario das monarquías; na época da manufactura é do contrapeso da nobreza dentro da monarquía feudal ou absoluta e o fundamento das grandes monarquías en xeral, ata que, por último, implantada a grande industria e abertos os leitos do mercado mundial, conquístase a hexemonía política e crea o moderno Estado representativo. Hoxe, o Poder público vén a ser, pura e simplemente, o Consello de administración que rexe os intereses colectivos da clase burguesa.
A burguesía desempeñou, no transcurso da historia, un papel verdadeiramente revolucionario.
Marx, Engels, O manifesto comunista, l, 1848