Fragmentos de obras de Marx
O Capital, lib. I, sección 2, cap. IV
A fórmula xeral do capital
A ganancia, base do modo de produción capitalista
O circuíto M—D—M parte do extremo que é unha mercadoría e conclúe co extremo que é outra mercadoría, a cal sae da circulación e reverte ao consumo. Polo tanto, a súa finalidade última é o consumo, a satisfacción de necesidades, cunha palabra, o valor de uso. O circuíto D—M—D, polo contrario, parte do extremo que é o diñeiro e volve ao final ao mesmo extremo. O seu motivo impulsor e finalidade determinante é, polo tanto, o valor de cambio mesmo.
Na circulación simple de mercadorías M—D—M ambos polos presentan a mesma forma económica. Ambos son mercadorías. Son, ademais, mercadorías da mesma magnitude de valor. Pero, cualitativamente, son valores de uso distintos, v. gr., trigo e traxe. O intercambio de produtos, a mudanza de diversas materias, nas que toma corpo o traballo social, é o que forma aquí o contido do movemento. Non así na circulación D—M—D. A primeira vista, este ciclo parece absurdo porque acaba por onde empezou. Ambos polos presentan nel a mesma forma económica. Ambos son diñeiro, e, polo tanto, valores de uso entre os que non media ningunha diferenza cualitativa, pois o diñeiro non é, como sabemos, máis que a forma transfigurada das mercadorías, na que se borran todas as pegadas dos seus valores específicos de uso. Cambiar 100 libras esterlinas por algodón, para logo cambiar este mesmo algodón por 100 libras esterlinas; é dicir, cambiar, dando un rodeo, diñeiro por diñeiro, unha cantidade de diñeiro por outra igual, sería, evidentemente, unha operación absurda e inútil. As sumas de diñeiro só se distinguen pola súa magnitude. Polo tanto, o proceso D—M—D non debe o seu contido a ningunha diferenza cualitativa entre os seus dous polos, pois ambos son diñeiro, senón simplemente a unha diferenza cuantitativa. O proceso acaba sempre subtraendo á circulación máis diñeiro do que se lanzou ela. O algodón comprado por 100 libras esterlinas véndese, por exemplo, por 100 máis 10, ou sexa por 110 libras esterlinas. A fórmula completa deste proceso é, polo tanto: D—M— D', onde D' = D + AD, ou o que é o mesmo, igual á suma de diñeiro primeiramente desembolsada máis un incremento. Este incremento ou excedente que queda despois de cubrir o valor primitivo é o que eu chamo plusvalía (surplus value). Polo tanto, o valor primeiramente desembolsado non só se conserva na circulación, senón que a súa magnitude de valor experimenta, dentro dela, unha mudanza, increméntase cunha plusvalía, valorízase. E este proceso é o que o converte en capital.
Como axente consciente deste movemento, o posuidor de diñeiro convértese en capitalista. O punto de partida e de retorno do diñeiro áchase na súa persoa ou, por mellor dicir, no seu peto. O contido obxectivo deste proceso de circulación -a valorización do valor- é o seu fin subxectivo, e só actúa como capitalista, como capital personificado, dotado de conciencia e de vontade, na medida que as súas operacións non teñen máis motivo propulsor que a apropiación progresiva de riqueza abstracta. O valor de uso non pode, pois, considerarse xamais como fin directo do capitalista. Tampouco a ganancia illada, senón o apetito insaciábel de gañar. Este afán absoluto de enriquecemento, esta carreira desenfreada en pos do valor, irmanda ao capitalista e ao atesourador; pero mentres que este non é máis que o capitalista trastornado, o capitalista é o atesourador racional. O incremento insaciábel de valor que o atesourador persegue, pugnando por salvar ao seu diñeiro da circulación, conségueo, con máis intelixencia, o capitalista, lanzándoo unha e outra vez, incesantemente, ao torrente circulatorio.
As formas autónomas, formas-diñeiro, que o valor das mercadorías asume na circulación simple, limítanse a servir de mediadoras do intercambio de mercadorías, para desaparecer no resultado final do proceso. En cambio, na circulación D—M—D, ambas formas, a mercadoría e o diñeiro, funcionan como simples modalidades distintas de existencia do propio valor: o diñeiro como a súa modalidade xeral; a mercadoría como a súa modalidade específica ou transfigurada, por dicilo así. O valor pasa constantemente dunha forma a outra, sen perderse nestes tránsitos e converténdose así en suxeito automático. Se plasmamos as formas ou manifestacións específicas que o valor que se valoriza reviste sucesivamente ao longo do ciclo da súa vida, chegaremos ás seguintes definicións: capital é diñeiro; capital é mercadoría. En realidade, o valor eríxese así en suxeito dun proceso no que, baixo o cambio constante das formas de diñeiro e mercadoría, a súa magnitude varía automaticamente, desprendéndose como plusvalía de si mesmo como valor orixinario, ou o que tanto vale valorizándose a si mesmo. En efecto: o proceso no que xera plusvalía é o seu propio proceso e, polo tanto, a súa valorización a valorización de si mesmo. Obtivo a virtude oculta e misteriosa de xerar valor polo feito de ser valor. Lanza ao mundo crías viventes, ou polo menos pon ovos de ouro.
Como suxeito mudábel deste proceso, no que tan pronto reviste como abandona a forma de diñeiro e de mercadoría, pero manténdose íntegro e expandíndose a través de estes cambios, o valor necesita ante todo dunha forma independente na que se contraste a súa identidade consigo mesmo. Esta forma só pode darlla o diñeiro. Por iso o diñeiro constitúe o punto de arrinque e o punto final de todo proceso de valorización. Comezou sendo 100 libras esterlinas, para converterse agora en 110, e así sucesivamente. Pero o diñeiro só actúa así como unha das formas do valor, pero ten dúas. Sen revestir a forma de mercadoría, o diñeiro non pode converterse en capital. Polo tanto, o diñeiro, aquí, non se alza polemicamente contra a mercadoría, como no atesouramento. O capitalista sabe que todas as mercadorías, por desprezábeis que parezan ou por mal que ulan, son, pola súa fe e pola súa verdade, diñeiro, xudeus interiormente circuncidados, e ademais medios marabillosos para extraer do diñeiro novo diñeiro.
Na circulación simple, o valor das mercadorías reviste, como máximo, fronte ao seu valor de uso, a forma autónoma do diñeiro; en cambio, aquí preséntasenos subitamente como unha substancia progresiva, con movementos propios, da que a mercadoría e o diñeiro non son máis que simples formas. Aínda hai máis. En vez de representar relacións entre mercadorías, o valor aparece revestindo, coma se dixésemos, unha relación privada consigo mesmo. Considerado como valor orixinario, distínguese de si mesmo en canto plusvalía, á maneira como o Deus Pai distínguese do Deus Fillo, aínda que ambos teñan a mesma idade e formen de feito unha soa persoa, pois a plusvalía de 10 libras esterlinas é o que converte ás 100 libras esterlinas en capital, e tan pronto como isto ocorre, tan pronto como o Fillo, e a través de el o Pai, é xerado, bórranse de novo as súas diferencias e ambos redúcense a unha unidade, a 110 libras esterlinas.
O valor convértese, polo tanto, en valor progresivo, en diñeiro progresivo, ou, o que é o mesmo, en capital. O valor provén da circulación e retorna novamente a ela, mantense e multiplicase nela, reflúe a ela incrementado e reinicia constantemente o mesmo ciclo. D—D', diñeiro que incuba diñeiro, money which begets money, reza a definición do capital en boca dos seus primeiros intérpretes, os mercantilistas.
Comprar para vender, ou dito máis exactamente, comprar para vender máis caro, D—M—D', parece a primeira vista coma se só fose a fórmula propia dunha modalidade do capital, do capital mercantil. Pero non é así: o capital industrial é tamén diñeiro que se converte en mercadoría, para converterse novamente en máis diñeiro, mediante a venda daquela. Os actos que poidan producirse entre a compra e a venda, fóra da órbita de circulación, non alteran no máis mínimo esta forma do proceso. Finalmente, no capital dado a interese, a circulación D—M—D' preséntase baixo unha forma concentrada, sen fase intermedia nin mediador, en estilo lapidario por dicilo así, como D—D', ou sexa, diñeiro, que é o par máis diñeiro, valor superior ao seu propio volume. D—M—D' é, pois, en suma, a fórmula xenérica do capital, tal e como se nos presenta directamente na órbita da circulación.
(Marx, O capital, lib. L, sección 2, cap. IV)