O pensamento de Althusser: a converxencia de dúas vocacións: a filosofía e a política
Louis Althusser (1918-1990) foi un intelectual comunista francés, con certa influencia na década dos 60 e 70, e ao que normalmente se clasifica dentro da chamada corrente estruturalista, xunto con outros pensadores de lingua francesa tales como Lévi-Strauss, Lacan, Derrida, Deleuze, Foucault, etc., aínda que o propio Althusser nunca aceptou ser cualificado como "estruturalista", dada a ambigüidade do termo, e as connotacións formalistas que ten, contrarias ás súas pretensións de elaborar unha filosofía materialista.
Louis Althusser propúxose a tarefa de devolver ao marxismo o carácter científico que os seus fundadores, Marx e Engels, quixeron darlle, mediante unha nova concepción da filosofía marxista, a partir dunha nova lectura das obras de Marx e Engels.
O pensamento de Althusser xérase na converxencia de dúas vocacións: a filosofía e a política. A militancia comunista e a loita contra o capitalismo, e a filosofía marxista como arma teórica de loita política.
Althusser tivo unha educación católica, e militou en organizacións cristiás durante a súa mocidade, ata que o cativerio que sufriu durante a II Guerra Mundial, púxoo en contacto con militantes comunistas, dos que quedou admirado pola súa coraxe e a profundidade e a coherencia das súas conviccións políticas, malia que a maioría deles case que non sabían nada de filosofía nin de teoría política, polo que decidiu converterse nunha militante comunista e nun filósofo marxista.
El mesmo, definiu esa dobre vocación nunha entrevista para o xornal comunista italiano "L'Unità" con estas palabras:
"En 1948, aos trinta anos, cheguei a ser profesor de filosofía e adherinme ao Partido Comunista Francés.
A filosofía interesábame: trataba de realizar a miña profesión.
A política apaixonábame: trataba de ser un militante comunista.
O que me interesaba na filosofía era o materialismo e a súa función crítica: a favor do coñecemento científico contra todas as mistificacións do coñecemento ideolóxico, contra a denuncia simplemente moral dos mitos e mentiras, a favor da crítica racional e rigorosa.
O que me apaixonaba da política era o instinto, a intelixencia, a coraxe e o heroísmo da clase obreira na súa loita polo socialismo."