Louis Althusser


Louis Althusser

Althusser e a súa obra

Trazos autobiográficos

A miña historia é trivial. Nacín en 1918, preto de Arxel. O meu pai era empregado de banca: empezara a traballar aos trece anos. A miña nai era mestra. A familia dos meus pais: pequenos campesiños alsacianos do Morvan (extremo Norte do Macizo Central). No instituto e a universidade fun católico militante. A Igrexa puxera en pé as súas organizacións nos anos trinta para conter a influencia das ideas "socialistas". E así rendeunos un sacrosanto servizo. Nós eramos fillos de pequenos burgueses. O noso capelán falábanos da cuestión social. Iso fíxonos gañar tempo. Por unha 'astucia da historia', a maioría dos meus compañeiros católicos desa época fixéronse comunistas. O Fronte Popular, a guerra de España, a guerra contra o fascismo, a Resistencia fixéronnos ver de preto a 'cuestión social', e ensináronos o seu verdadeiro nome: loita de clases. En 1948 convertinme en profesor de filosofía afilieime ao Partido Comunista Francés. Desde esa data ensino filosofía na Escola Normal. Na Semana Santa do 49 fun a Italia. Para un comunista francés, Italia era o seu pobo marabilloso, os soviets de Turín en 1920, Gramsci e o Ordine Novo, a loita heroica contra o fascismo, os espléndidos motíns dos campesiños pobres no campo. En Florencia fun á Federación, na via dei Servi. Conmoveume a acollida dos camaradas, tan fraternal. En Francia era e son profesor de Filosofía. Ser comunista en filosofía significa ser un filósofo marxista leninista. Non é fácil converterse nun filósofo marxista leninista... (dunha carta de Althusser a Maria Antonietta Macciocchi).

Corte epistemolóxico ou peche categorial?

No 1975 tiven o meu principal contacto coa obra de Althusser a través do que puido ser o seu discípulo máis avantaxado, E. Balibar. Celebramos naquel entón un congreso de filósofos en Oviedo e a presenza de Balibar e, grazas a el, a de Louis Althusser era inevitábel. Non deixa hoxe de ser sorprendente o tremendo impacto que a filosofía althusseriana tivo na España daqueles anos. Nos ambientes universitarios proliferaban os especialistas e non tan especialistas que se enchían a boca co nome de Althusser, paseaban as súas obras baixo o brazo e dedicábanlle unha auténtica devoción. Naquel ambiente frutificaron con facilidade as referencias althusserianas de pensadores relacionados co 68 francés; referencias que incluso non foron alleas a certos acenos pro chineses.

A presenza das ideas de Althusser no panorama filosófico español produciu a inevitábel discusión en torno á súa figura, discusión na que tomei parte activa e que se centrou pronto nos aspectos que considerabamos, e aínda consideramos, fundamentais da obra do pensador galo.

Como Newton coa Física, para Althusser, Marx esgazou as néboas do pensamento de Hegel e descubriu o continente da ciencia histórica.

Chamaba especialmente a atención a innovadora proposta althusseriana do «corte epistemolóxico» aplicado ao marxismo. A idea de que unha ciencia constitúese só cando produce un corte no panorama epistemolóxico existente, e de que nese camiño atoparanse sempre as «pedras» ou obstáculos promovidos por elementos interesados de carácter ideolóxico –a reacción, para Althusser–, era a peza clave do pensamento althusseriano e, polo tanto, foi clave tamén da nosa discusión sobre el.

Althusser expuxo a ciencia como un «continente» oculto polas néboas metafísicas. Cando esas néboas se esgazan aparece tras elas un novo continente, unha ciencia nova. Así, Newton esgazou as néboas teolóxicas do seu tempo e fixo emerxer o novo continente da física. Así, tamén, para Althusser, Marx descubrira o continente da ciencia histórica esgazando as néboas da teoloxía agostiñana e, sobre todo, do pensamento de Hegel. Sobre esta base, o filósofo galo reconstruíu a biografía de Marx e dividiuna en dúas etapas. Viu un Marx xuvenil, anterior a 1844, e un novo Marx posterior. Este último, e aquí Althusser móstrase como pensador francés que é, entroncou coa tradición ilustrada de Montesquieu e descubriu o materialismo científico. Así explicaba Althusser a súa concepción do marxismo como ciencia enfrontada á metafísica e a teoloxía e inmune a todo prexuízo.

Punto de evidente interese no seu tempo foi a atención prestada por Althusser á idea de superestrutura. «Superestrutura» era un comodín groseiramente utilizado para todo. A arte era superestrutura, a relixión era superestrutura, o dereito era superestrutura... Aquilo non podía, a todas loces, admitirse. Non o fixo Louis Althusser, como tampouco o faría o mismísimo Stalin. Lémbrese neste punto a carta publicada por Stalin en «Pravda» atacando abertamente a teoría sobre lingüística soviética de Marr. Marr propugnaba unha lingüística marxista na que existiría unha lingua de vencedores opresora da lingua dos vencidos. A linguaxe, na teoría-ficción do lingüista soviético –que, por certo, tivo gran acollida en certos círculos especializados–, é unha superestrutura. Idea inadmisíbel que Stalin repudiou e da que Althusser fíxose eco.

O fundamental naqueles anos do congreso de Oviedo aos que me referín era saber por que estas ideas tiveran tal arraigamento no noso país. Certamente, falar dunha ruptura da biografía de Marx era un tanto gratuíto. Cumpría a súa misión de desconectar o materialismo histórico do materialismo dialéctico soviético que pretendía ligar a historia aos plans políticos marxistas. Sen embargo, partía dun concepto ao meu xuízo equivocado.

Neste sentido, tiven a oportunidade de publicar uns artigos en «Sistema» onde insistía en que o campo do materialismo histórico é basicamente o mesmo que o da filosofía do espírito de Hegel. Hai unha tradición completa, e non un «corte», entre Hegel e Marx. Marx era un hegeliano. Naturalmente, isto non foi aceptado polos althusserianos da época, aínda que máis tarde non pareceu tan desatinado.

Fronte ao «corte epistemolóxico», nós propoñiamos o chamado «peche categorial». Pretendiamos mostrar que a ciencia non resulta dun corte co ambiente epistemolóxico existente. Que incluso unha atmosfera teolóxica pode servir de nai para o nacemento dunha ciencia (Newton era cristián). Hai, polo tanto, outras fontes que poden producir unha ciencia que, iso si, poderá provocar, unha vez xurdida, o «corte». Así, expoñiamos un interrogante sobre a vixencia da idea da historia como ciencia tal como a vía Althusser.

Althusser foi unha figura interesante no seu contexto, unha figura chea de enigmas e dun incalculábel valor histórico. Máis tarde, nos anos 80, eclipsouse por outras razóns referentes á súa biografía persoal. É unha pena que hoxe o seu pensamento pase ao esquecemento das Facultades de Filosofía, cando foi tan admirado naqueles anos 70 do congreso de Oviedo.

Gustavo Bueno, El «corte epistemológico», (ABC, miércoles 24 de octubre de 1990)