Por José José Romero
Louis Altusser (1918-1990)
Louis Althusser naceu o 16 de outubro de 1918 en Birmandreis (Arxelia), de familia alsaciana emigrada a Arxelia trala guerra franco-prusiana de 1870.
Entre 1924 e 1930, realiza os seus estudos primarios en Arxel, e entre 1930 e 1936, cursa o bacharelato en Marsella, trasladándose a Lión ese ano, onde foi alumno do Lycée du Parc, para preparar o seu ingreso á École Normale Supérieure, na que ingresou no 1939.
Foi discípulo de Gaston Bachelard e do filósofo católico Jean Guitton durante a súa mocidade, na que foi un activista cristián.
En setembro de 1939, é mobilizado ao comezar a segunda guerra mundial, e é feito prisioneiro polos alemáns en Vannes, en xuño do 1940, para ser liberado en maio do 1945, cando a guerra acaba en Europa. Durante o seu cativerio ten os primeiros síntomas dos graves desequilibrios mentais que padecerá durante toda a súa vida.
En 1948 diplomouse na École Normale Supérieure, onde se converte en profesor agregado de Filosofía. Nese mesmo ano, ingresa no Partido Comunista francés, debido entre outras cousas á influencia de quen sería a súa muller Hélène Rythman.
Impartirá clases na École ata 1980. Nese ano, durante un gromo psicótico, mata á súa muller. No xuízo polo homicidio da súa muller é declarado non responsábel dos seus actos debido aos seus desequilibrios mentais, e recluído nunha clínica psiquiátrica. Morre en París, o 22 de outubro de 1990.