Louis Althusser


Louis Althusser

2. Contexto do pensamento de Althusser

Por José Romero

O contexto do pensamento de Althusser

O marxismo xurdira na mente de dous intelectuais alemáns, Marx e Engels, como resposta á necesidade que o movemento obreiro no século XIX, tiña de coñecer obxectivamente a realidade social para loitar contra a explotación e a dominación á que se vía sometido. Agora ben, tralo triunfo da primeira revolución socialista da historia, a Revolución Rusa en 1917, e a morte de Lenin, o seu principal dirixente, en 1924; o marxismo convertérase nun dogma polo sucesor de Lenin na xefatura do estado soviético: Stalin, debido á precaria situación do movemento comunista, asediado militar, política e economicamente tanto polas democracias occidentais (Inglaterra, Francia e USA principalmente), como pola Alemaña nazi. Iso esixía unha defensa radical da ideoloxía comunista, asediada pola súa vez por moitos intelectuais occidentais, que se esmeraban por refutar e superar a Marx a toda costa.

Dese xeito, a militarización e a férrea ditadura á que Stalin someteu ao seu pobo, traduciuse a nivel teórico nunha defensa do marxismo-leninismo que non admitía ningunha crítica, o que o converteu practicamente nunha relixión, segundo a cal toda a realidade estaba rexida por un conxunto de leis dialécticas que se aplicaban de igual modo ao pensamento, a sociedade e a natureza; de xeito que abondaba con "superpoñer" as leis da dialéctica a calquera realidade para comprendela. Polo tanto, o marxismo, pasou de ser unha teoría que permitise un coñecemento da realidade social, a unha ideoloxía cuxa misión era dar cohesión interna ao movemento comunista.

A situación de precariedade do movemento comunista cambiou trala vitoria soviética sobre a Alemaña nazi na segunda guerra mundial e o triunfo da revolución popular chinesa dirixida polos comunistas en 1949. Estes acontecementos afianzaron ao movemento comunista, e deron lugar ao que pasou á Historia co nome de "Guerra Fría", período no cal, o eixe en torno ao cal xiraban a maioría das cuestións de política internacional estaban relacionadas coa loita entre capitalismo e socialismo.

Agora ben, a nova conxuntura creada trala II Guerra Mundial e a Revolución Chinesa, estivo dominada por dous feitos: a crítica dos crimes de Stalin por Jruschov durante o XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética en 1956, e a posterior escisión do Movemento Comunista Internacional producida pola ruptura entre os partidos comunistas soviético e chinés.

Trala morte de Stalin en 1953, a URSS atopábase nunha situación afianzada como superpotencia mundial, o que lle permitiu ao PCUS abandonar o férreo dogmatismo ao que Stalin sometera aos intelectuais marxistas, o que conduciu a unha "liberación" de conciencias, que permitía desenvolver a teoría con maior liberdade.

Agora ben, esa "liberación" de conciencias, supuxo unha reacción ideolóxica liberal que fixo do marxismo unha filosofía humanista, que recuperou os temas do "home", a "liberdade", e a "alienación", que podían encontrarse nas obras de mocidade de Marx. Reacción que se impuxo non só no PCUS senón tamén na maioría dos partidos comunistas occidentais, aínda que non no Partido Comunista Chinés.

Agora ben, para Althusser, a transformación do marxismo nunha filosofía humanista, cuxos centros de reflexión se achaba na idea de "Home", "Liberdade" e "Alienación", convertían ao marxismo nun mero discurso moral impregnado de ideoloxía liberal e burguesa, o que imposibilitaba para afrontar os novos problemas que a nova conxuntura política creara, e inhabilitábao para o que fora orixinalmente concibido: como unha teoría científica que estudaba os mecanismos obxectivos da explotación capitalista e a construción do socialismo.

Althusser propúxose pois, recuperar o carácter científico do marxismo. Dito doutro modo, a principal labor teórica que se propón Althusser, e o eixe mesmo do seu pensamento, é combater a penetración da ideoloxía burguesa no seo do marxismo, para recuperalo como ciencia revolucionaria.

Tal como o expresou o propio Althusser:

Se se se me pedise que resumira nalgunhas palabras a Tese esencial que tratei de defender nos meus ensaios filosóficos, diría: Marx fundou un ciencia nova, a ciencia da Historia. E engadiría: este descubrimento científico é un acontecemento teórico e político sen precedentes na historia humana. E precisaría: este acontecemento é irreversíbel. (Elementos de autocrítica)

A intervención de Althusser

Louis Althusser afrontou o seu labor de recuperación do carácter científico do marxismo mediante unha nova lectura crítica da obra de Marx, que se expuxo en dúas frontes, tal como el mesmo di na súa obra "A favor de Marx":

- O trazado dunha liña de demarcación entre a teoría marxista e as formas de subxectivismo filosófico propias do pensamento burgués, fundamentalmente o empirismo (que englobaría ao historicismo e ao pragmatismo). Distinción que se sitúa no terreo da diferenza irredutíbel entre as dialécticas de Hegel e Marx.

- O recoñecemento dunha ruptura epistemolóxica no desenvolvemento do pensamento de Marx, que consistiría na distinción de dous períodos do seu pensamento, un período marcado por nocións humanistas propias dunha filosofía idealista, e un período materialista que posibilitou a aparición da ciencia da Historia. Oposición entre o Marx mozo idealista e o Marx maduro materialista.

Estas dúas frontes serían dous aspectos do problema filosófico básico que Althusser se expuxo: a oposición entre ciencia e ideoloxía.