Parménides de Elea


Parménides de Elea

(- 540 a - 470)

Fragmento do poema filosófico de Parménides

E mención xa só dunha vía

60 queda a de que é. Mais por ela hai postas sinais
Moitas: que, ao ser non nado, é iso imperecedoiro,
todo en enteiro igual e sen muda, e ben acabado;
nunca nin foi nin será, pois agora é todo á unha,
un en si mesmo e continuo. Pois ¿que nacemento buscarlle?:

65 ¿como crecido e de que?: nin de nada que non sexa nada
concibir déixoche dicir (que nin concibíbel ou dicíbel
é que non sexa; e ¿que falta ademais o lanzou
antes mellor que despois do non ser nada a criarse?;
así que o que é ha de selo de todo en todo ou non selo)

70 nin a ben do que era unha vez haberá forza de fe que permita
que naza algo máis que iso mesmo. Xa que logo, nunca nin facerse
nin perecer deixouno Xustiza afrouxando os seus ferros,
mais reteno. E o xuízo sobre iso está no seguinte:
ou é ou non é. E xulgado, como é forzoso, xa queda

75 que unha hai que deixar, a sen nome nin idea (que esa nin vía
é de verdade), e a outra, como é, que así é verdadeira.
E ¿Como vai logo, en sendo, a morrer?, nin ¿Como a criarse?:
se se fixo o que é, non o é, e se un día vai selo, tampouco.
Conque o nacer queda así e o incerto morrer anulado.

80 Nin é divisíbel tampouco, pois que é igual todo enteiro,
nin mais por acá (o que lle impedise ser un consigo)
nin por acá algo peor, senón que é do seu ser todo cheo;
así que é todo continuo: que, sendo, ao que é sigue xunto.
Mais logo, quedo e sen muda, en linde de recias prisións

85 está, sen comezo, sen cese; que xa o desfacerse e facerse
lonxe se foi a perder e botouno a fe verdadeira.
E, sendo o mesmo, no mesmo quedando, xace en si mesmo;
conque firme alí mesmo estase: que necesidade poderosa
nas prisións do cerco teno que todo o abarca;

90 que é que non é de lei que o que é non sexa completo:
pois nada lle falta; e se non, tería falta de todo.
E o idealo é igual que aquilo de que iso é idea:
pois, sen o que é o que é, no que está titulado,
non atopas o concibilo: que cosa non é nin ha de selo

95 máis que iso é que o que é, tendo en conta que o seu senón atouno
a ser total e quedo. Así que será todo nomes
canto conviñeron mortais, verdade cridos que era,
o de que nace e perece, aquilo de selo e non selo,
o de cambiar de lugar e mudar as espléndidas tintas.

100 Mais, como hai un último linde, é cabal e acabado
por todas as partes, semellante á masa de ben redonda pelota,
do centro en todo sentido igualado: pois iso nin debe
ser maior por acá ou por acá menor para nada:
que nin nada haberá que, sen ser, paralo poida en chegarse

105 ao mesmo, nin sendo haberao, para facer que fose de aquende
máis do que é ou alén menor: que é todo sen mingua:
pois, igual por todas as partes a si mesmo, o mesmo na súa límite raíña.

Aquí párocheme xa na razón de fiar e a idea
en torno a verdade.