Fragmentos de Heráclito
(Segundo a ordenación realizada por Marcovich e, entre paréntese, a ordenación de G.S.Kirk)
Frg 1 (1) Desta razón, que existe sempre, resultan descoñecedores os homes, tanto antes de oíla como tras oíla ao primeiro, pois, aínda que todo ocorre consonte esta razón aseméllanse a inexpertos tendo como teñen experiencia de ditos e feitos; destes que eu vou describindo, descompoñendo cada un segundo a súa natureza e explicando como se acha. Pero aos demais homes pásalles inadvertido canto fan despertos, igual que se esquecen de canto fan durmidos.
3 (17) Non entenden os máis as cousas coas que se atopan nin, malia aprendelas, as coñecen, mais a eles parécelles que si.
26 (50) Non escoitándome a min, senón á razón, sabio é recoñecer que todas as cousas son unha.
27 (51) Non comprenden como o diverxente converxe consigo mesmo; ensamblaxe de tensións opostas, como a do arco e a da lira.
28 (80) Preciso é saber que a guerra é común; a xustiza, contenda, e que todo acontece pola contenda e a necesidade.
33 (60) Camiño arriba, camiño embaixo, un e o mesmo.
51 (30) Esta orde do mundo, a mesma para todos, non a fixo deus nin home algún, senón que foi sempre, é e será lume sempre vivo, prendido segundo medida e apagado segundo medida.