Fragmentos de Empédocles
Sobre a natureza
Frg. 7.- Elementos eternos.
Frg. 8.- Direiche outra cousa máis: non hai nacemento para ningunha das cousas mortais; e non hai fin para a morte funesta; hai soamente mestura e separación das compoñentes do conxunto. Nacemento, non é máis que o nome que lle dan os homes a ese feito.
Frg. 9.- Cando os elementos mesturados veñen á luz do día baixo a forma de home, ou de besta salvaxe, ou dunha planta, ou dun paxaro, entón dicimos que hai nacemento; cando se separan, empregamos a palabra morte dolorosa. Pero ese nome non se xustifica, aínda que tamén eu siga ao respecto o costume.
Frg. 22.- Pois todos estes elementos: Sol, terra, ceo e mar, están adaptados nas súas diferentes partes para todo o que anda polo mundo mortal. E se todo o que se mostra máis propio da mestura atráese reciprocamente, pola acción da semellanza e do Amor, pola contra o que é inimigo dela mantense a gran distancia; natureza, composición, formas que revisten, todo contribúe absolutamente a opoñerse á reunión, baixo o imperio do Odio que lle deu nacemento.
Frg. 26.- Os elementos predominan alternativamente no curso dun ciclo e desaparecen os uns nos outros ou aumentan, segundo o signo fatal que lles é asignado. Son sempre os mesmos, pero circulan os uns a través dos outros, tomando a forma de homes e de diferentes especies de animais. Tanto, por efecto da Amizade, reúnense para non formar máis que un só organismo, tanto pola contra, por efecto do Odio que os opón, sepáranse ata o momento no que a Unidade, realizada anteriormente, desapareceu por completo. Así na medida que o Un e o Múltiple se constitúen, nesta medida aparecen e non duran eternamente. Pero, na medida que esa mudanza perpetua non se detén subsisten sempre nun ciclo inmutábel.