Empédocles de Akragas

(- 495 a - 435)

Vida e obras

Biografía

Templo da Concordia, en Akragas

Como é frecuente entre os filósofos presocráticos, tampouco podemos fixar con exactitude a data do nacemento de Empédocles aínda que, por testemuños indirectos, podemos aceptar o ano 495 aC.; pero si sabemos que era cidadán de Akragas (Agrigento), en Sicilia. A súa personalidade está envolta na lenda xa que, ademais de filósofo, foi coñecido polas súas habilidades como médico e as súas actividades relacionadas coa maxia ou co xamanismo. Disque foi discípulo de Pitágoras ou, cando menos, pitagórico, e mestre do sofista Gorgias de Leontini, atribuíndoselle tamén a creación da retórica.

Sobre a súa morte cóntanse varias anécdotas, sendo unha das máis coñecidas a da súa desaparición guindándose ás entrañas do Etna, ("Hipoboto asegura que cando se levantou encamiñouse ao Etna, e que cando chegou alí, tirouse ao volcán e desapareceu, querendo deixar fama de si de converterse en deus; pero despois descubrírono, cando a forza das chamas guindou fora unha das súas sandalias, que eran de bronce, de cuxo metal adoitaba levar o calzado.") Segundo outra anécdota tirouse ao lume despois de realizar unha curación milagrosa, pola que o adoraron os seus concidadáns, segundo recolleu tamén no seu libro Dióxenes Laercio:

... houbera entre os selinuncios un contaxio de peste por causa dun río próximo corrompido, de xeito que non só morrían, senón que tamén se lles dificultaban os partos ás mulleres; entón discorreu Empédocles conducir a el, a custa súa, dous dos ríos máis inmediatos, con cuxa mestura adozáronse as augas. Cando remitiu a peste, achábanse os selinuncios celebrando un banquete ás beiras do río, cando apareceu por alí Empédocles; e eles, erguéndose, adorárono como se fora un deus e ofrecéronlle os seus votos. Así, querendo confirmar esta opinión, tirouse ao lume. Pero segundo Timeo isto non foi verdade, e di claramente que Empédocles retirouse ao Peloponeso e que xa non volveu; por cuxa razón é incerta a súa morte.

Pensamento

Atribúeselle a escritura de dúas obras: unha que contén a súa interpretación da natureza e á que se lle deu o nome de "Sobre a natureza"; e outra, as "Purificacións", que contén un conxunto de instrucións para o coidado do home, en relación coas súas crenzas na transmigración das almas, procedentes das súas tendencias relixiosas relacionadas, disque, co pitagorismo.

Polo que fai á natureza Empédocles aceptou o postulado parmenídeo da permanencia do ser; pero tentará de dar unha explicación do cambio, negándose a aceptar o carácter ilusorio da realidade sensíbel. Para solucionar as aporías nas que caeran os anteriores filósofos Empédocles postula a existencia de catro elementos (lume, terra, aire, auga) cada un deles coas características de permanencia e inmutabilidade do ser, e a existencia de dúas forzas cósmicas (Amor, Odio) que actuarán como causa da combinación ou disociación dos elementos.

Empédocles admite catro elementos, engadindo a terra aos tres que quedan nomeados. Estes elementos subsisten sempre, e non se fan ou deveñen; só que sendo, xa máis, xa menos, mestúranse e desúnense, agréganse e sepáranse. (Aristóteles, Metafísica, 1,3)

Templo da Concordia, en Akragas

Deste xeito, para Empédocles a realidade é o resultado da combinación deses catro elementos orixinarios: a realidade que nós captamos é o resultado da mestura dos devanditos elementos. Propiamente falando non hai xeración; o que chamamos "xeración" é propiamente "agregación", "mestura" de elementos. E o que chamamos corrupción non supón a destrución do ser, senón soamente a "separación", a "disgregación", dos elementos que o compoñen. Esa mestura e separación dos elementos orixinarios ocorre polas forzas do Amor e do Odio. A realidade está sometida a un ciclo no que predominan alternativamente cada unha desas dúas forzas, de tal modo que o predominio dunha supón a diminución da outra e viceversa. Ditas forzas son concibidas por Empédocles, por suposto, como forzas físicas e materiais. Por causa do Amor xúntanse as partículas dos catro elementos, e por causa do Odio sepáranse as partículas, provocando a extinción dos obxectos.

O mundo tal como nós o coñecemos está a medio camiño entre a realidade primitiva, fase na que predomina o Amor, a e a fase de total separación dos elementos na que predomina o Odio.

Estes elementos nunca cesan no seu continuo cambio. Ás veces xúntanse baixo a influencia do Amor e deste xeito todo devén un. Outras veces disgréganse pola forza hostil do Odio e teñen unha vida inestábel.

Este mesmo combate de forzas vese claramente na masa dos membros dos mortais. Ás veces por efecto do Amor todos os membros que o corpo posúe xúntanse en unidade no cume da vida florecente. Pero outras veces, separados polo Odio cruel vagan polo seu lado a través dos atrancos do mar da existencia. (Fr. 17 e 20)

Respecto ás súas ensinanzas relixiosas poderiamos relacionalas directamente co orfismo e co pitagorismo; no seu libro das Purificacións atopamos algúns fragmentos neste sentido, centrados en boa medida na doutrina da transmigración das almas que, polo demais, non se compaxina facilmente coas afirmacións da súa teoría física, en canto a disgregación dos elementos supón necesariamente a desaparición do obxecto e, polo tanto, a morte dificilmente poderá dar paso á inmortalidade dunha alma que é concibida como unha materia moi sutil, pero como materia, a fin de contas.