Vida e obras
Biografía
Anaxímenes de Mileto naceu en Mileto no ano 585 aC., aproximadamente, e morreu no 524 aC. Tamén Teofrasto descríbenos a Anaxímenes como discípulo e compañeiro de Anaximandro sendo, disque, uns vintedous anos máis mozo ca el. Atribúeselle a composición dun libro, "Sobre a natureza", escrito, segundo Dióxenes Laercio, "en dialecto xónico, e nun estilo sinxelo e sen superfluidades".
Pensamento
Anaxímenes opónse a Anaximandro e a Tales no que fai á determinación do primeiro principio ou "arkhé" que Anaxímenes considera que é o aire. Probabelmente tome esta elección a partir da experiencia, influíndo nel a observación dos seres vivos e a importancia do fenómeno da respiración. Mais en canto toma como "arkhé" un elemento particular, o seu pensamento supón un retroceso con respecto a Anaximandro. Así e todo, Anaxímenes ofrécenos un mecanismo de explicación da xeración das cousas a partir doutro elemento distinto delas: ese mecanismo de xeración apóiase nas nocións de "condensación" e "rarefacción". Por condensación do aire, di Anaxímenes, fórmanse as nubes; e se as nubes se condensan fórmase a auga; a condensación da auga dá lugar á constitución do xeo, da terra; e a condensación da terra dá lugar á constitución das pedras e os minerais; o proceso inverso represéntao a rarefacción: pedra, terra, auga, nubes, aire e, por último a rarefacción do aire produciría o lume.
En terminoloxía moderna podemos dicir que Anaxímenes está intentando basear a explicación do cualitativo no cuantitativo; atopamos nel, polo tanto, un intento de explicar o mecanismo de transformación duns elementos noutros, mecanismo do que non dispoñían Tales nin Anaximandro. Á igual que eles insiste, sen embargo, en afirmar unha causa material como principio do mundo e, polo tanto, en tratar de levar á unidade a diversidade da realidade observábel.