Fragmentos de obras de Tomé de Aquino


De Malo, q. 6, a. único

A afirmación da vontade como facultade da alma pola que o home tende necesariamente a un fin expón o problema da liberdade e o determinismo. Pode o home elixir a súa conduta ou está determinado pola natureza da vontade? No seguinte texto San Tomé tratará de xustificar o libre albedrío malia que a vontade se ache necesariamente movida por certos obxectos.

Fragmentos

(Para resolver esta cuestión do libre albedrío)... é necesario axudarse dunha primeira consideración. Á igual que nas outras cousas da natureza, atopamos no home un principio dos seus actos. Este principio activo no home é a intelixencia e a vontade. Este principio "humano" aseméllase parcialmente, como tamén difire en parte, daquel que atopamos nas cousas. Parécese no sentido de que, dunha parte e doutra, temos unha forma, que é o principio do obrar, e unha inclinación ou un apetito, consecutivo a esta forma: apetito do que deriva a acción exterior. O home, en efecto, obra por intelixencia. A diferenza consiste nisto: a forma que constitúe as realidades da natureza está individualizada pola materia; a inclinación que se deriva está, como consecuencia, estritamente determinada a unha soa posibilidade. A forma intelectual, polo contrario, en razón da súa universalidade, é susceptíbel de englobar a unha multitude de posibilidades. Por iso, como os actos se realizan sempre sobre unha materia singular, xamais axeitada á potencia do universal, a inclinación da vontade non está determinada. Benefíciase dunha marxe de indeterminación respecto ás múltiples singulares. O arquitecto, por exemplo, que conciba o plano dunha casa no universal, pode, ao seu gusto, darlle a forma que queira: cadrada, redonda, etcétera. Todas estas figuras ordénanse baixo o universal a título de determinacións particulares. O animal (que é menos determinado cá pedra) atópase nunha posición intermedia entre o home e a cousa. Pero as formas da súa percepción permanecen individuais. En consecuencia, a inclinación, malia á variedade de "o sensíbel" que a condiciona, está sempre determinada polo singular.

En segundo lugar, é necesario lembrar que unha "potencia" é susceptíbel dunha dobre determinación. Unha vénlle do suxeito; por exemplo, a disposición do ollo para unha visión máis ou menos clara; outra provén do obxecto que, segundo a súa cor, por exemplo, farame ver o branco ou o negro. A primeira, como pode verse, concirne ao exercicio do acto; a segunda, a súa especificación. Nós vimos xa que o acto está especificado polo obxecto.

Nas cousas da natureza a especificación depende da forma (que lle é inmanente por esencia); o exercicio é función do axente. Logo o axente está necesariamente movido por un fin. O primeiro principio do obrar, no que fai ao seu exercicio, reside na finalidade. Se reflexionamos agora sobre os obxectos da vontade e do intelecto, veremos que o obxecto do intelecto, a saber: o ser e o verdadeiro, inclínase cara a forma. O obxecto da vontade, polo contrario, pertence á finalidade. Trátase do ben, que engloba todas as formas do coñecido. De aí que exista unha certa reciprocidade entre o ben e o verdadeiro, en virtude da cal o ben ordenase baixo o verdadeiro e o verdadeiro baixo o ben, como ben particular.

Se analizamos a determinación das potencias, debemos reservar a especificación á intelixencia. É o ben, en tanto que coñecido, o que move a vontade. Se consideramos o exercicio, vemos que a vontade é o seu principio motor. [...] Eu coñezo porque vexo; e ao contrario, porque vexo poño en movemento todas as miñas potencias.

Para demostrar que o querer non é sempre necesidade, hai que consideralo baixo o dobre aspecto da especificación e do exercicio. No que fai ao exercicio, a vontade está, en primeiro lugar, movida por ela mesma. Móvese do mesmo xeito que move ás outras potencias. É inútil obxectar que un mesmo ser non pode estar ao tempo en potencia e en acto, xa que, igual que os principios me permiten na orde intelectual, en tanto que están en acto en min, desenvolver todas as posibilidades que conteñen en potencia, así a vontade, en acto cara aos seus fins, pode determinarse pola vía dun "consello" que deixa aberta unha alternativa e que non é necesario. Sen embargo, non se pode proceder ao infinito na serie de principios motores; se o consello depende da vontade, e a vontade do consello, para evitar o círculo é necesario remontarnos a un primeiro motor. [...] Este primeiro motor, que está por riba do intelecto e da vontade, é Deus mesmo, quen move á vontade segundo a súa condición (sen facerlle violencia).

Desde o punto de vista da especificación, sinalemos que o obxecto que move á vontade só pode ser o ben "conveniente", en tanto que escollido pola intelixencia. Supoñamos que este ben se presenta cos límites da particularización, e non como universalmente bo. Entón será incapaz de mover á vontade necesariamente. Pola contra, se este ben se presenta como ben "baixo todos os aspectos", entón non pode deixar de determinar á vontade. Tal é o caso da beatitude, que se define como o estado que integra a totalidade do ben. Sen embargo, aquí só se trata da orde da especificación, xa que dende o punto de vista do exercicio podo perfectamente non querer actualmente pensar na beatitude, xa que este acto de pensar é el mesmo particular. Se, polo contrario, o ben se presenta soamente baixo os límites dunha determinación particular, o acto non será necesario, nin dende o punto de vista da especificación, nin dende o punto de vista do exercicio.

Como se decide, pois, a vontade concretamente? Pódense analizar tres casos. As veces a decisión dependerá do "peso" de tal ou cal condición do obxecto, en tanto que valorada pola intelixencia. A decisión será en tal caso racional; por exemplo, se eu considero tal cousa útil para a miña saúde ou, polo menos, o é para a miña actividade voluntaria. Outras veces unha ocasión, veña do interior ou do exterior, fará que me apoie sobre unha circunstancia do obxecto e que deixe o resto na sombra. Finalmente, a decisión pode ter a súa orixe nunha disposición interna. O home colérico e o home sabio deciden de moi diferente maneira; o doente non ve o xantar do mesmo modo que o san. Como di o filósofo: a tal disposición, tal fin.

Se esta disposición é natural e, xa que logo, allea á vontade, a vontade é necesaria. Xa que logo todos os homes queren ser, vivir e coñecer. Se esta disposición non procede da natureza -por exemplo, no caso das paixóns-, en tal caso non haberá necesidade, xa que esta disposición pode ser modificada. O home colérico tratará de calmarse antes de xulgar. Sen embargo, é máis fácil reducir unha paixón que un hábito. Así, pois, a vontade, na orde da especificación, pode estar movida necesariamente por certos obxectos, non por todos; pero na orde do exercicio, non é (xamais) necesario que o estea.