Santo Tomé de Aquino


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a demostración tomista da existencia de Deus nas cinco vías.

Suma Teolóxica, Primeira Parte, q.2, a.3

Se Deus existe

Dificultades. Parece que Deus non existe.

1. Se de dous contrarios supoñemos que un sexa infinito, este anula totalmente o seu oposto. Agora ben, o nome ou termo "Deus" significa, precisamente, un ben infinito. Se, pois, houbese Deus, non habería mal algún. Pero achamos que no mundo hai mal. Logo Deus non existe.

2. O que poden realizar poucos principios, non o fan moitos. Pois no caso de que Deus non exista, poden outros principios realizar canto vemos no mundo, xa que as cousas naturais redúcense ao seu principio, que é a natureza, e as cousas libres, ao seu, que é o entendemento e a vontade humana. Polo tanto, non hai necesidade de recorrer a que haxa Deus.

Por outra parte, no libro do éxodo di Deus de si mesmo: "eu son o que son".

Resposta. A existencia de Deus pódese demostrar por cinco vías.

A primeira

É a máis clara e fúndase no movemento. É innegábel, e consta polo testemuño dos sentidos, que no mundo hai cousas que se moven. Pois ben, todo o que se move é movido por outro, xa que nada se move mais que en canto esta en potencia respecto a aquilo para o que se move. En cambio, mover require estar en acto, xa que mover non é outra cousa que facer pasar algo da potencia ao acto, e isto non pode facelo máis que o que está en acto, á maneira como o quente en acto, v. gr., a lume fai que un pau, que está quente en potencia, pase a estar quente en acto. Agora ben, non é posíbel que unha mesma cousa estea, ao mesmo tempo, en acto e en potencia respecto ao mesmo, senón respecto a cousas diversas: o que, v. gr., é quente en acto, non pode ser quente en potencia, senón que en potencia é, á vez frío. É, pois, imposíbel que unha cousa sexa polo mesmo e da mesma maneira motor e móbil, como tamén o é que se mova a si mesma. Polo tanto, todo o que se move é movido por outro. Pero, se o que move a outro é, pola súa vez, movido, é necesario que o mova un terceiro, e a este outro. Mais non se pode seguir indefinidamente, porque así non habería un primeiro motor e, polo tanto, non habería motor algún, pois os motores intermedios non moven máis que en virtude do movemento que reciben do primeiro, o mesmo que unha caxata nada move se non a impulsa a man. Polo tanto, é necesario chegar a un primeiro motor que non sexa movido por ninguén, e este é o que todos entenden por Deus.

A segunda vía

Baséase na causalidade eficiente. Achamos que neste mundo do sensíbel hai unha orde determinada entre as causas eficientes; pero non achamos que cousa algunha sexa a súa propia causa, pois en tal caso tería que ser anterior a si mesma, e isto é imposíbel. Agora ben, tampouco se pode prolongar indefinidamente a serie das causas eficientes, porque sempre que hai causas eficientes subordinadas, a primeira é causa da intermedia, sexa unha ou moitas, e esta é causa da última; e posto que, suprimida unha causa, suprímese o seu efecto, se non existise unha que sexa a primeira, tampouco existiría a intermedia nin a última. Se, pois, se prolongase indefinidamente a serie de causas eficientes, non habería causa eficiente primeira, e, polo tanto, nin efecto último nin causa eficiente intermedia, cousa falsa a todas loces. Polo tanto, é necesario que exista unha causa eficiente primeira, á que todos chaman Deus.

A terceira vía

Considera o ser posíbel ou continxente e o necesario, e pode formularse así. Achamos na natureza cousas que poden existir ou non existir, pois vemos seres que se producen e seres que se destrúen, e, polo tanto, hai posibilidade de que existan e de que non existan. Agora ben, é imposíbel que os seres de tal condición existan sempre, xa que o que ten posibilidade de non ser houbo un tempo no que non foi. Se, pois, todas as cousas teñen a posibilidade de non ser, houbo un tempo no que ningunha existía. Pero, se isto é verdade, tampouco debese existir agora cousa algunha, porque o que non existe non empeza a existir máis que en virtude do que xa existe, e, polo tanto, se nada existía, foi imposíbel que comezase a existir cousa algunha, e, en consecuencia, agora non habería nada, cousa evidentemente falsa. Polo tanto, non todos os seres son posíbeis ou continxentes, senón que entre eles forzosamente, ha de haber algún que sexa necesario. Pero o ser necesario ou ten a razón da súa necesidade en si mesmo ou non a ten. Se a súa necesidade depende doutro, como non é posíbel, segundo vimos ao tratar das causas eficientes, aceptar unha serie indefinida de causas necesarias, é forzoso que exista algo que sexa necesario por si mesmo e que non teña fóra de si a causa da súa necesidade, senón que sexa causa da necesidade dos demais, ao cal todos chaman Deus.

A cuarta vía

Considera os graos de perfección que hai nos seres. Vemos nos seres que uns son máis ou menos bos, verdadeiros e nobres que outros, e o mesmo acontece coas diversas calidades. Pero o máis e o menos atribúese ás cousas segundo a súa diversa proximidade ao máximo, e por isto dise máis quente do que máis se aproxima ao máximo calor. Polo tanto, ha de existir algo que sexa verísimo, nobilísimo e óptimo, e xa que logo ente ou ser supremo; pois, como di o Filósofo, o que é verdade máxima é máxima entidade. Agora ben, o máximo en calquera xénero é causa de todo o que naquel xénero existe, e así o lume, que ten o máximo calor, é causa do calor de todo o quente, segundo di Aristóteles. Existe, polo tanto, algo que é para todas as cousas causa de seu ser, da súa bondade e de todas as súas perfeccións, e a isto chamamos Deus.

A quinta vía

Tómase do goberno do mundo. Vemos, en efecto, que cousas que carecen de coñecemento, como os corpos naturais, obran cara a un fin, como se comproba observando que sempre, ou case sempre, obran da mesma maneira para conseguir o que máis lles convén; por onde se comprende que non van ao seu fin obrando ao acaso, senón intencionadamente. Agora ben, o que carece de coñecemento non tende a un fin se non o dirixe alguén que entenda e coñeza, á maneira como o arqueiro dirixe a frecha. Logo existe un ser intelixente que dirixe todas as cousas naturais cara ao seu fin, e a este chamámoslle Deus.

Solucións. 1.

Di San Agostiño que, "Sendo Deus o ben supremo, de ningún xeito permitiría que houbese nas súas obras mal algún se non fose tan omnipotente e bo que do mal sacase ben". Logo pertence á infinita bondade de Deus permitir os males para deles obter os bens.

Como a natureza obra para conseguir un fin en virtude da dirección dalgún axente superior, no mesmo que fai a natureza intervén Deus como causa primeira. Así mesmo, o que se fai deliberadamente, é preciso reducilo a unha causa superior ao entendemento e vontade humanos, porque estes son mudábeis e continxentes, e o mudábel e continxente ten a súa razón de ser no que de seu é inmóbil e necesario, segundo dixemos.