San Tomé de Aquino
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 1
Realiza unha análise do texto de San Tomé "Sobre a alma", na que se saliente a súa estrutura argumentativa.
Sobre a alma
É a alma humana algunha cousa subsistente? (C. 75, a. 2.)
É necesario recoñecer que o que é o principio da operación intelectual e que chamamos alma do home é certo principio incorpóreo e subsistente. En efecto: é notorio que o home pode coñecer polo seu entendemento as naturezas de todos os corpos, e o que pode coñecer algunhas cousas, nada delas debe ter na súa natureza, porque o que naturalmente estivese nela impediría o coñecemento das demais; así vemos que a lingua dun doente, impregnada de biles e de humor acre, non pode percibir sabores doces e todo lle sabe amargo. Se, pois, o principio intelectual tivese en si a natureza dalgún corpo, non podería coñecelos todos, e como todo corpo ten algunha natureza determinada, é imposíbel, en consecuencia, que o principio intelectual sexa corpo, como o é así mesmo que coñeza por medio dun órgano corporal, posto que a natureza determinada deste órgano impediríalle coñecer todos os corpos; coma se algún cor determinado está non soamente na pupila, senón tamén nun vaso de vidro, o liquido contido nel parece do mesmo cor. Así, pois, o primeiro principio intelectual, ao que lle damos o nome de mente ou entendemento, ten de si mesmo a súa operación propia sen participación do corpo. Pero ningún ser pode obrar por si mesmo se non subsiste por si mesmo, posto que o obrar é exclusivo dun ente en acto. De onde se infire que cada ser obra segundo o seu modo de ser, e por iso non dicimos que a calor quenta, senón o cálido. Queda, pois, demostrado que a alma humana, á que tamén chamamos entendemento ou mente, é algo incorpóreo e subsistente.
É incorruptíbel a alma humana? (C. 75, a. 6.)
Necesariamente, a alma humana, que dicimos que é o principio intelectivo, é incorruptíbel. En efecto: unha cousa corrómpese dunha destas dúas maneiras: ou de si mesma, ou accidentalmente. É imposíbel, desde logo, que algo subsistente sexa xerado ou corrompido accidentalmente, é dicir, por outro ser xerado ou corrompido, porque o ser xerado ou corrompido compete a un ser da propia maneira que a existencia, que se adquire por xeración e pérdese por corrupción, e, polo tanto, o que ten ser por si propio, non pode ser xerado nin corrompido senón por si mesmo. No que fai ás cousas non subsistentes, como os accidentes e as formas materiais, dise que se fixeron e se detruiron pola xeración e a corrupción dos compostos. Queda, agora ben, demostrado (a. 3) que as almas dos brutos non son subsistentes por si mesmas e que soamente o que é alma humana; polo tanto, as almas dos brutos corrómpense cos corpos, mentres que a alma humana non podería corromperse senón por si mesma, o cal é de todo punto imposíbel non só respecto da alma humana, senón de calquera ser subsistente, que non é máis que forma, porque é evidente que o que convén ao ser por razón de si mesmo é inseparábel del, e o ser por si mesmo compete á forma, que é un acto. Así é que a materia adquire o seu ser en acto ao recibir unha forma e sobrevénlle a corrupción cando se separa dela a súa forma. Pero como é imposíbel que unha forma sexa separada de si mesma, séguese que é igualmente imposíbel que unha forma subsistente deixe de existir.
Aínda supoñendo que a alma fose composta de materia e forma, como algúns pretenden, sería preciso tamén recoñecer que é incorruptíbel, porque non hai corrupción onde non hai contrariedade, posto que a xeración e a corrupción supoñen elementos contrarios, combinados por aquel e disoltos por esta. Así, os corpos celestes son incorruptíbeis precisamente porque non teñen unha materia sometida a esa contrariedade, que tampouco pode existir de modo algún na alma intelectiva, por canto recibe segundo o seu modo de ser, e todo canto nela é recibido está libre de contrariedade, pois aínda as razóns das ideas contrarias non son opostas no entendemento, sendo unha soa nel a ciencia dos contrarios. É, pois, imposíbel que a alma intelectiva sexa incorruptíbel.
Pode aínda deducirse unha proba do desexo que naturalmente ten cada ser de existir segundo o seu modo de ser. O desexo nos seres intelixentes é consecuencia do coñecemento. Os sentidos non coñecen o ser senón en lugar e tempo determinados; pero o entendemento coñéceos absolutamente e en toda a súa duración; por esta razón todo ser dotado de entendemento desexa, pola súa natureza mesma, existir sempre, e como o desexo natural non pode ser van, séguese que toda substancia intelectual é incorruptíbel.