A filosofía de Ortega y Gasset


José Ortega y Gasset

3. O raciovitalismo

A proposta racio-vitalista

As posicións perspectivista e circunstancialista non as abandonará Ortega no seu período de madurez filosófica, coñecido co nome de raciovitalismo, senón que este pódese considerar máis ben como o desenvolvemento consecuente dos periodos anteriores. O raciovitalismo consiste basicamente no intento de conxugar a vida coa razón, superando criticamente as contradicións que se dan entre ambas, tal como se pode deducir dos excesos "irracionalistas" do vitalismo e dos excesos "antivitais" do racionalismo. Xa que logo, a crítica de ambas perspectivas filosóficas será unha das necesidades prioritarias de Ortega, coa finalidade de ver o que pode haber nelas de positivo e lograr esa complementariedade que as supere no raciovitalismo.

A residencia de estudantes de Madrid nos anos 20

A análise orteguiana do vitalismo e do racionalismo realízase no artigo "Nin vitalismo nin racionalismo", publicado en 1924 na Revista de Occidente. Nel distingue Ortega varias acepcións do termo vitalismo, unhas pertencentes ao ámbito do biolóxico, e outras ao filosófico. Neste último distingue aínda 3 posicións distintas; en primeiro lugar, a de quen consideran que os procesos de coñecemento pódense reducir a procesos biolóxicos explicábeis, polo tanto, polos mesmos principios que estes, sen que sexa necesario recorrer a principios filosóficos especiais. En segundo lugar refírese ao vitalismo de H. Bergson, que sitúa nun segundo plano o papel da razón no coñecemento, privilexiando a intuición que se produce na vivencia interna das cousas, verdadeira fonte de coñecemento. En terceiro lugar, expón a súa propia posición: a razón dáse "na" vida, por así dicilo. O coñecemento será obra da razón, pero esta dáse “na vida” e está rodeada, polo tanto, de elementos non racionais, "limitada" por eles. Pero tales límites, lonxe de poñer a razón en segundo plano, manifestan o seu carácter imprescindíbel, xa que para pensalos é necesaria a razón mesma.

A residencia de estudantes de Madrid no 2006 (© webdianoia.com, 2006)

Ese recoñecemento do papel da razón non o converte, sen embargo, nun racionalista. Nese mesmo artigo Ortega criticará o racionalismo, considerándoo como o resultado da absurda beatería dalgúns filósofos con respecto á razón, que acaban por concibir que esta non ten límites, terminando por pretender ir alén do que a razón permite acadar. Para Ortega, polo contrario, a razón, no seu afán por buscar a explicación do real, as súas causas, vaise atopando con moitos aspectos da realidade dos que non pode dar conta, que son "irracionais", o que pon de manifesto, precisamente, os seus propios límites. A consecuencia non é o rexeitamento da razón como instrumento do coñecemento, senón o rexeitamento da ilexítima pretensión da razón de coñecelo todo, da pretensión de que a realidade se mova de acordo cos ditados da razón, pretensión que os racionalistas converteron nunha fe que os levou a todo tipo de excesos. Dese xeito a razón quedará salva dos excesos dos racionalistas.

O tema do noso tempo consiste en someter a razón á vitalidade, localizala dentro do biolóxico, supeditala ao espontáneo. Dentro de poucos anos parecerá absurdo que se esixa á vida poñerse ao servizo da cultura. A misión do tempo novo é precisamente converter a relación e mostrar que é a cultura, a razón, a arte, a ética quen han de servir á vida.

O raciovitalismo tratará de conxugar os elementos positivos do vitalismo e do racionalismo, dando lugar á configuración dun novo pensamento, articulado en torno á noción de razón vital, do que podemos destacar os seguintes aspectos:

Polo demais, todo iso dáse no tempo, polo que a dimensión histórica do home é inseparábel do circunstancialismo, o que nos conduce ao núcleo do último pensamento orteguiano, a relación entre a vida e a historia, plasmada no concepto de razón histórica no que se concreta a noción orteguiana de razón vital. A natureza do home é, fundamentalmente, histórica. Iso supón afirmar que non hai unha natureza humana inmutábel: o home é, en cada época, en boa medida, o que herda dos seus antepasados, herdanza que se pode consolidar e aumentar, transmitíndoa ás xeracións futuras, ou dilapidar.

En suma, que o home non ten natureza, senón que ten (...) historia. Ou, o que é igual, o que a natureza é ás cousas, éo a historia -como res gestae- ao home. (Obras completas, 6, páx. 41)