José Ortega y Gasset (1883-1955)
José Ortega y Gasset, o segundo de catro irmáns, naceu en Madrid o 9 de maio de 1883. O seu pai, José Ortega y Munilla, aínda que autor de varias novelas de asunto preferentemente social e de nesgo realista foi, ante todo, xornalista. Como tal foi redactor de "La Iberia", o periódico de Sagasta, creador da revista literaria "La Linterna" e director do xornal "El Imparcial", do que era propietaria a familia da súa nai, Dolores Gasset, que pertencía á burguesía liberal e ilustrada de finais do século XIX. A tradición liberal e a actividade xornalística da súa familia marcarán a futura actividade de Ortega, tanto na súa participación na vida política española, como na súa actividade xornalística coa publicación de numerosos artigos de prensa, culturais e políticos. Polo demais, o estilo xornalístico pode recoñecerse tamén nas obras máis técnicas e filosóficas de Ortega.
Trala realización dos seus primeiros estudos en Madrid, Ortega trasladarase a Málaga, en 1891, para comezar os estudos de Bacharelato no colexio dos xesuítas de Miraflores del Palo, onde entrará en contacto con outros mozos da burguesía malagueña. Terminados os seus estudos, en 1897, trasladarase a Deusto, para comezar os seus estudios universitarios, en 1898, estudos que continuará, pouco despois, na Universidade de Madrid. Son os anos da guerra hispano-norteamericana, e da conseguinte perda das colonias (Cuba, Filipinas e Puerto Rico) que marcarán, como se sabe, a conciencia política e cultural de boa parte dos intelectuais españois, levando o tema da decadencia de España ao primeiro plano da reflexión, así como o da necesidade dunha rexeneración.
En 1902 obtén a licenciatura en Filosofía, pola Universidad de Madrid, e dous anos despois defenderá a súa tese de doutoramento, tamén na Universidade de Madrid. En 1905 viaxará a Alemaña para completar a súa formación, seguindo a tradición da época ou buscando as fontes da futura rexeneración de España na asimilación do pensamento europeo. Así, visitará as universidades de Leipzig, Berlín e Marburgo, onde entrará en contacto cos neokantianos H. Cohen e P. Natorp, en 1906, asistindo aos seus cursos, exercendo ambos unha gran influencia no seu pensamento, aínda que Ortega non se limitará a aceptar os principios do neokantismo sen máis, senón que adoptará unha actitude crítica e construtiva ante eles. En 1908 regresa a Madrid e, logo dunha breve actividade docente na Escola de Maxisterio obtén, por concurso, a cátedra de Metafísica da Universidade de Madrid en 1910, ata entón ocupada por Nicolás Salmerón, sen que chegara a publicar aínda ningunha obra. Ese mesmo ano contraerá matrimonio con Rosa Spottorno e Topete.
Tras outra viaxe a Alemaña, en 1911, comezará a súa incansábel actividade pública, intentando levar á práctica as súas ideas rexeneracionistas. Así, en 1914, ano no que comeza a primeira guerra mundial, fundará a "Liga de Educación Política Española"; en 1915 a revista "España"; e en 1916 será cofundador do diario "O Sol". Ao mesmo tempo comeza a publicación das súas primeiras obras, como as "Meditaciones del Quijote", (en 1914), "El Espectador", (en 1916), iniciando o período perspectivista da súa filosofía, que predominará na súa obra ata 1923.
En 1923 instáurase en España a ditadura de Primo de Rivera. Ese ano fundará a "Revista de Occidente", de marcada oposición política a ditadura, oposición que o levará, en 1929, a dimitir da súa cátedra na Universidade de Madrid, continuando as súas actividades filosóficas en lugares non vinculados anteriormente á filosofía, como o Salón Rex e o Teatro Infanta Beatriz (actualmente o coñecido restaurante Teatriz), impartindo clases a modo de conferencia, algunhas das cales serán recolleitas posteriormente na súa obra "¿Qué es filosofía?", e cuxos contidos corresponden xa ao período racio-vitalista do seu pensamento, iniciado en 1923.
En 1930 volverá á cátedra da Complutense, baixo a ditadura de Berenguer, máis tolerante cá de Primo de Rivera, continuando, non obstante, a súa actividade pública. Ese mesmo ano publicará "La rebelión de las masas". En 1931, xunto con outros intelectuais entre os que se contaban Gregorio Marañón e Pérez de Ayala, fundará a "Agrupación al Servicio de la República" e será elixido deputado ás Cortes Constituíntes, da recen proclamada II República, pola provincia de León. Logo da súa experiencia parlamentaria retornará á actividade académica publicando, en 1934, "En torno a Galileo", e en 1935 "Historia como sistema", sendo homenaxeado ese mesmo ano pola Universidade de Madrid.
A raíz do golpe de estado de 1936 contra a II República, que provocará a guerra civil española, Ortega exiliase voluntariamente, estabelecendo a súa residencia primeiro en París, e logo en Holanda e na Arxentina, ata 1942, ano no que estabelecerá a súa residencia en Portugal. Ao finalizar a segunda guerra mundial regresará a España, en 1945 e, aínda que se lle autoriza impartir un ciclo de conferencias no Ateneo de Madrid, non se lle permite recuperar a súa cátedra de Metafísica na Universidade de Madrid, ante do cal funda, en 1948, o "Instituto de Humanidades", onde volve a impartir docencia ante dun público non universitario. En 1950 realiza unha última viaxe a Alemaña, decepcionado ante das dificultades da súa estadía en España, sendo nomeado en 1951 Doutor Honoris Causa polas universidades de Marburgo e Glasgow. Regresará a España en 1955, morrendo en Madrid o 18 de outubro dese mesmo ano.