A filosofía de Ortega y Gasset
O Obxectivismo
A formación filosófica de Ortega nútrese de dúas fontes claramente identificadas e ás que el mesmo fai referencia en varias pasaxes da súa obra: a filosofía grega e a filosofía europea continental iniciada con Descartes, con mención especial da filosofía alemá neokantiana, asimilada na súa estadía en Marburgo. A filosofía medieval e a anglosaxoa, polo contrario, son practicamente ignoradas por Ortega, así como as correntes analíticas e neopositivistas alemás da época. De todos modos, á influencia dos neokantianos Cohen e Natorp, xa coñecida na súa época, hai que sumar a que recibe de autores como Nietzsche, Husserl, Dilthey e Scheler, fundamentalmente. Estudos recentes sobre as fontes do pensamento orteguiano, como os de N.R. Orringer, permitiron precisar con detalle as influencias doutros autores alemáns menos coñecidos, algúns dos cales nin sequera son citados unha soa vez por Ortega, co que se vén a acentuar a importancia da filosofía alemá na configuración do seu pensamento. Tamén se sinalou habitualmente a influencia do krausismo español (corrente de pensamento que propugna a rexeneración de España segundo as ideas do filósofo alemán K. F. Krause, e da que foi membro salientado Giner de los Rios) a través, por exemplo, da formación filosófica recibida na Universidade de Madrid, impregnada de krausismo na época. Pero, aínda que coincidindo na idea de rexeneracionismo, diferénciase Ortega dos krausistas na actitude "aristocrática" coa que expón o tema da rexeneración intelectual de España, o que non impediu a colaboración con eles en proxectos comúns.
Os primeiros pasos de Ortega na filosofía están dominados precisamente por esta preocupación, o que o levará a unha formulación "obxectivista" do seu pensamento. Trala constatación do desfasamento da vida intelectual e científica española con respecto á europea, os intelectuais españois adoptan dúas actitudes contrapostas: o desdén ou a admiración, a volta ás raíces do "español" ou a busca en Europa das claves da rexeneración española. Ortega pertence a este segundo grupo; a súa análise lévao a ver a causa do desfasamento de España na ausencia de método, de sistema, de rigor científico no seu pensamento. O español, sumido no individualismo e na subxectividade, perde a noción do mundo, do real, e refúxiase nos seus soños fantásticos e literarios. A ciencia, o rigor e o método escápanselle. É necesario sacalo dese pesadelo mediante a esixencia de obxectividade. Esta primeira fase durará ata 1914 data na que, coas "Meditacións do Quixote" ábrese a fase perspectivista do seu pensamento, na que comeza a desenvolver os principais elementos da súa filosofía de madurez que, paradoxalmente, opoñerase a este obxectivismo, oposición que se continuará na súa fase racio-vitalista.
O significado do obxectivismo en Ortega supón, pois, a valoración extrema da ciencia, que é o que diferenza aos europeos dos españois (incluso dos habitantes do resto do mundo). A consecuencia é o enfrontamento de Ortega a calquera forma de subxectivismo, sexa cal sexa o ámbito da actividade humana na que se manifesta. A crítica do subxectivismo personalista dos españois, que os levou a perderse en disputas intelectualmente baldías, chegará a adquirir tinxes de antihumanismo, que o levarán a afirmar que ten máis valor un teorema matemático que "todos os empregados dun Ministerio". Non son, pois, as cuestións individuais as que poden interesar ao intelectual, senón o seu contraste coas cousas; pero para poder aquilatar o significado de "as cousas" é necesario adoptar unha certa distancia, non limitarse a ser arrastrados e verse inmersos nelas, e esa distancia é a que dá o pensamento abstracto, a teoría.
Agora ben, para Ortega é necesario que a teoría sexa a expresión dun pensamento sistemático, dun pensamento no que todos os elementos se atopen no seu lugar, a partir do que se ven dotados dun completo significado. De aí a insistencia de Ortega ao longo deste período na necesidade dun pensamento sistemático e na identificación da teoría filosófica co sistema filosófico ou, cando menos, coa vontade de construír un sistema.