Friedrich Wilhelm Nietzsche


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a interpretación do dionisíaco que realiza Nietzsche no texto proposto, pertencente á súa obra "O crepúsculo dos ídolos", de 1888.

O que debo aos antigos

Eu fun o primeiro que, para comprender o antigo instinto dos gregos, rico e desbordante, tomei en serio aquel fenómeno marabilloso que leva o nome de Dionisos: só é concibíbel como un exceso de forza. Quen, como jakob Burckhardt, que hoxe vive en Basilea, sexa un profundo coñecedor dos gregos, saberá medir o valor da miña achega: Burckhardt agregou á súa Civilización dos gregos un capítulo correspondente ao fenómeno nomeado. Se se quere contemplar o contrario, considérese a case hilarante pobreza de instinto dos filólogos alemáns confrontados a Dionisos. O famoso Lobeck por exemplo -que coa venerábel seguridade dun verme disecado entre libros introdúcese neste mundo misterioso de estados de ánimo e persuádese de que é científico por mostrarse lixeiro e pueril ata a náusea- con todo o desenvolvemento da súa erudición fixo saber que todas estas curiosidades están baleiras de contido. De feito, os sacerdotes destas orxías poderían comunicares aos participantes algo non necesariamente desproveito de valor: que o viño esperta o pracer, por exemplo, ou que o home, baixo certas circunstancias, pode vivir de froitos, ou que as plantas florecen en primavera e múrchanse no outono. Polo que se refire a aquela estraña riqueza de ritos, de símbolos e mitos de orixe orxiástico de que se ve materialmente invadido o mundo antigo, Lobeck atopa nela ocasión para mostrarse aínda máis enxeñoso. "Os gregos -di (Aglophamus, 1, 672) cando non tiñan outra cousa que facer rían, saltaban ou, como queira que o home atopa tamén pracer naquilo, sentábanse, xemían e choraban. Outros acudían máis tarde e buscaban algún motivo para este estraño xogo; e así xurdiron, para explicar aqueles usos, innumerábeis lendas e mitos. Por outra parte, críase que aqueles xestos burlescos, que se verificaban nos días de festa, pertencían tamén necesariamente á solemnidade festiva, e conserváronse como unha parte indispensábel do culto." Isto non é máis que charlatanaría irrelevante; á especie dos Lobeck non se a pode tomar nin por un momento en serio. Dun modo completamente diferente ocúpanos o exame do concepto de grego elaborado por Goethe e Winckelman, o cal resulta sen embargo incompatíbel con aqueles elementos dos que xorde a arte dionisíaca: co orgánico, co orxiástico. De feito, non dubido de que Goethe exclúa fundamentalmente tal posibilidade da súa concepción da alma grega. En consecuencia, Goethe non entendeu aos gregos. Xa que nos misterios dionisíacos en primeiro lugar, na psicoloxía do estado dionisíaco revélase o trazo fundamental do instinto dos gregos: á súa "vontade de vivir". Que é o que se aseguraba o heleno mediante eses misterios? A vida eterna, o eterno retorno da vida; o futuro consagrado e prometido no que pasa e decae; o si triunfal á vida por sobre a morte e o cambio; a verdadeira vida como o proceso total do vivir a través da xeración, dos misterios da sexualidade. Para os gregos era o símbolo sexual o símbolo venerábel en si, o auténtico sentido profundo dentro de toda a relixiosidade antiga. Cada detalle no acto da xeración, do embarazo, do nacemento, espertaba os sentimentos máis elevados e festivos. No ensino dos misterios a dor santifícase: os "dores da parturiente" santifican á dor en xeral; todo devir e medrar, todo o que garante o porvir ten por condición a dor... Para que exista o eterno pracer do crear, para que a vontade de vivir se afirme eternamente, debe existir tamén eternamente o "dor da parturiente"... Todo isto significa a palabra Dionisos: non coñezo simbolismo máis elevado que este simbolismo grego, o de Dionisos. Nel arráigase o máis profundo instinto da vida, o do futuro da vida, o da eternidade da vida, experimentado relixiosamente: o camiño mesmo á vida, o parto, é o camiño sagrado... Só o cristianismo, co seu básico resentimento cara á vida, fixo da sexualidade algo impuro: cubriu de roña o principio, a premisa da nosa vida...

A psicoloxía do orxiástico como un desborde do sentimento vital e de forza, dentro do cal a dor actúa como estimulante, deume a clave para o meu concepto do sentimento tráxico, que foi malentendido tanto por Aristóteles como, en particular, polos nosos pesimistas. A traxedia está tan lonxe de probar o pesimismo dos helenos no sentido de Schopenhauer, que máis ben vale como o seu decisivo rexeitamento, como a instancia oposta. O afirmar a vida, aínda nos seus problemas máis estraños e duros, a vontade de vivir que, en sacrificio aos seus tipos máis altos, se alegra da súa propia inagotabilidade, isto chámoo eu dionisíaco e adivíñoo como a ponte cara á psicoloxía do poeta tráxico. Non para librarse do terror e da compaixón, non para purificarse dun afecto perigoso a través dunha vehemente descarga -así o entendeu Aristóteles-: senón para, por sobre o terror e a compaixón, ser un mesmo a eterna alegría do devir -alegría que inclúe tamén a alegría do aniquilamento... E deste modo regreso ao lugar do que partín unha vez; a Orixe da traxedia foi a miña primeira transmutación de todos os valores: deste modo regreso ao fundamento no cal se orixina a miña vontade e o meu poder; eu, último discípulo do Dionisos filósofo; eu, mestre do eterno retorno...

Friedrich Wilhelm Nietzsche, "O crepúsculo dos ídolos", 1888