Friedrich Wilhelm Nietzsche


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 1

Realiza unha análise do seguinte fragmento da xenealoxía da moral, na que se saliente a súa estrutura argumentativa.

A xenealoxía da moral (1887)

(...) Nesta esfera, é dicir, no dereito das obrigas é onde ten o seu fogar nativo o mundo dos conceptos morais "culpa" (Schuld), "conciencia", "deber", "santidade do deber", -o seu comezo, á igual que o comezo de todas as cousas grandes na terra, estivo salpicado profunda e longamente con sangue. E non sería lícito engadir que, no fondo, aquel mundo non volveu a perder nunca do todo un certo olor a sangue e a tortura? (nin sequera no vello Kant: o imperativo categórico ole a crueldade... ) Foi tamén aquí onde por vez primeira se forxou aquel sinistro e tal vez xa indisociábel engrenaxe das ideas "culpa e sufrimento". Preguntemos unha vez máis: en que medida pode ser o sufrimento unha compensación de "débedas"? Na medida na que facer-sufrir produce benestar en sumo grao, na medida na que o prexudicado cambiaba o dano, así como o despracer que este lle producía, por un extraordinario contra-gozo: facer-sufrir, -unha auténtica festa, algo que, como dixemos, era tanto máis estimado canto máis contradicía ao rango e á posición social do acredor. Isto dixémolo como unha suposición: pois, prescindindo de que resulta penoso, é difícil chegar a ver o fondo de tales cousas subterráneas; e quen aquí introduza toscamente o concepto de "vinganza", máis que facilitarse a visión, ocultouna e escureceuna (-a vinganza mesma, en efecto, remite cabalmente ao mesmo problema: "como pode ser un satisfacción o facer sufrir?"). Repugna, paréceme, á delicadeza e máis aínda á tartufería dos mansos animais domésticos (quero dicir, dos homes modernos, quero dicir, de nós) o representarse con toda enerxía que a crueldade constitúe en alto grao a gran alegría festiva da humanidade máis antiga, e incluso áchase engadida como ingrediente a case todas as súas alegrías; o imaxinarse que por outra beira a súa imperiosa necesidade de crueldade preséntase como algo moi inxenuo, moi inocente, e que aquela humanidade estabelece por principio que precisamente a "maldade desinteresada" (ou, para dicilo con Spinoza, a “sympathia malevolens” [simpatía malévola]) é unha propiedade normal do home-: e, polo tanto, algo ao que a conciencia di si de toda cerna! Un ollo máis penetrante podería acaso percibir, aínda agora, bastantes cousas desa antiquísima e fondísima alegría festiva do home; en Alén do ben e do mal, páxs. 117 e ss. (aforismo 197 e ss.), e xa antes en Aurora, páxs. 17, 68, 102 (aforismos 18, 77 e 113), eu apuntei, con dedo cauteloso, para a espiritualización e "divinización" sempre crecentes da crueldade, que atravesan a historia enteira da cultura superior (e tomadas nun importante sentido incluso a constitúen). En todo caso, non fai aínda tanto tempo que non se sabía imaxinar casamentos principescos nin festas populares de gran estilo nas que non houbese execucións, suplicios, ou, por exemplo, un auto de fe, e tampouco unha casa nobre na que non houbese seres sobre os que poder descargar sen escrúpulos a propia maldade e as chanzas crueis (-lémbrese, por exemplo, a Don Quixote na coste da duquesa: hoxe lemos o Don Quixote enteiro cun amargo sabor na boca, case cunha tortura, pero ao seu autor e aos contemporáneos do mesmo pareceriámoslles con iso moi estraños, moi escuros, -coa mellor conciencia eles líano como o máis divertido dos libros e ríanse con el case ata morrer). Ver sufrir produce benestar; facer sufrir, máis benestar aínda -esta é unha tese dura, pero é un axioma antigo, poderoso, humano-demasiado humano, que, polo demais, acaso subscribirían xa os monos; pois cóntase que, na invención de estrañas crueldades, anuncian xa en gran medida ao home e, por así dicilo, "prelúdiano". Sen crueldade non hai festa: así o ensina a máis antiga, a máis longa historia do home - e tamén na pena hai moitos elementos festivos!

F. W. Nietzsche, "La genealogía de la moral".