Louis Althusser


Louis Althusser

Fragmentos e Textos (4)

SOBRE A EVOLUCIÓN DO MARX MOZO

Se se me pedise que resumise nunhas poucas palabras a tese esencial que quixen defender nos meus ensaios filosóficos, diría: Marx fundou unha ciencia nova, a ciencia da Historia. Engadiría: esta descuberta científica é un acontecemento teórico e político sen precedentes na historia humana. E especificaría: este acontecemento é irreversíbel.

Un acontecemento teórico. Antes de Marx, o que se podería chamar “Continente-Historia” era ocupado por concepcións ideolóxicas derivadas da esfera relixiosa, moral ou xurídico-política; en definitiva, por filosofías da historia. Estas afirmaban ofrecer unha representación do que ocorre nas sociedades e na historia. De feito, só acertaban a enmascarar, dentro de conceptos equívocos e terxiversados, os mecanismos que realmente gobernan as sociedades e a historia. Esta mistificación non era un accidente: estaba vinculada á súa función.

Estas concepcións eran, de feito, só os destacamentos teóricos de ideoloxías prácticas (relixión, moralidade, ideoloxía xurídica, política, etc.) cuxa función esencial é reproducir as relacións de produción (= de explotación) nas sociedades de clases. Marx “abriu” o “Continente-Historia” rompendo con esas concepcións ideolóxicas. Abriuno: mediante os principios do materialismo histórico, con “O Capital” e as súas outras obras. Abriuno: porque, como Lenin di, Marx só puxo as “pedras angulares” dun inmenso dominio que os seus sucesores continuaron explorando, e a vasta extensión do campo e dos novos problemas expostos esixen un incesante esforzo.

Un acontecemento político. Porque o descubrimento científico de Marx, dende o seu mesmo comezo, foi, e é cada vez máis, o obxecto e o campo de batalla dunha loita de clases feroz e implacábel. Cando demostrou que a historia humana é a historia das sociedades de clases, polo tanto da explotación e da dominación da clase, e así finalmente da loita de clases, cando demostrou os mecanismos de explotación e de dominación capitalista, Marx chocou directamente cos intereses das clases dominantes. Os seus ideólogos abalanzáronse contra el, e incluso agora están intensificando os seus ataques. Pero as clases explotadas, e sobre todo os traballadores, recoñeceron “a súa” verdade na teoría científica de Marx: adoptárona e convertérona nunha arma na súa loita de clase revolucionaria.

Este recoñecemento leva un nome na historia: é a Unión (ou como Lenin dixo, a Fusión) do movemento obreiro e da teoría marxista. Este Encontro, esta Unión, esta Fusión, non tivo nunca lugar espontaneamente ou facilmente. Porque o movemento obreiro, que existía moito antes da aparición e a difusión da teoría marxista, estaba baixo a influencia de concepcións ideolóxicas pequeno-burguesas, como o socialismo utópico, o anarquismo, etc. Un enorme traballo, e unha moi longa loita ideolóxica e política foi necesaria antes de que a Unión puidese ter lugar e adquirise unha existencia histórica. As mesmas condicións da súa realización e existencia implican que esta Unión non pode ser unha vitoria dunha vez para sempre. Non existe illada da loita de clases, e debe ser incesantemente defendida no curso dunha amarga loita de clases contra as desviacións e as crises que a ameazan: a evidencia é, onte, a traizón da Segunda Internacional, e hoxe a escisión do movemento comunista internacional.

Un feito é incontestábel: que durante cen anos toda a historia da humanidade dependeu da Unión do movemento obreiro (e os pobos oprimidos) e a teoría marxista (que hoxe se converteu en teoría marxista-leninista). Só necesitamos volver un pouco a vista atrás para ver que, en diferentes pero converxentes formas, esta realidade agora domina completamente a escena da historia mundial: a loita do proletariado e dos pobos oprimidos contra o imperialismo. Este feito é irreversíbel.

Xullo de 1970