Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a teoría aristotélica do termo medio, tal como se expón na Ética nicomáquea.

Ética Nicomaquea

Libro II, VI

Non abonda, sen embargo, con dicir así que a virtude é un hábito, senón que é preciso dicir cal. Digamos, pois, que toda virtude perfecciona a boa disposición daquilo cuxa virtude é, e produce axeitadamente a súa obra propia: como, por exemplo, a virtude do ollo fai bo ao ollo e á súa función: pola virtude do ollo vemos ben. Do mesmo xeito a virtude do cabalo faille ser bo cabalo, apto para correr, para levar ao xinete e para esperar ao inimigo.

Se é así, pois, en todos os casos, a virtude do home será entón aquel hábito polo cal o home faise bo e grazas ao cal realizará ben a obra que lle é propia.

De que xeito sexa isto posíbel, xa o dixemos, pero farase máis claro aínda, se consideramos cal é a natureza da virtude.

En toda cantidade continua e divisíbel pode distinguirse o máis, o menos e o igual, e isto na cousa mesma ou ben con relación a nós. Pois ben, o igual é un medio entre o exceso e o defecto. Chamo termo medio dunha cousa ao que dista igualmente dun e outro dos extremos, o cal é un e o mesmo para todos. Mas con respecto a nós, o medio é o que non é excesivo nin defectuoso, pero isto xa non é un, nin o mesmo, para todos. Por exemplo: se dez é moito e dous é pouco, tomamos seis como termo medio na cousa, posto que por igual excede e é excedido, e é o termo medio segundo a proporción aritmética. Para nós, en cambio, xa non pode tomarse así. Se para alguén é moito comer por valor de dez minas e pouco por valor de dúas, non por isto o mestre de ximnasia prescribirá un xantar de seis minas, pois tamén isto podería ser moito ou pouco para quen a tivera que comela: pouco para Milón, e moito para quen empece os exercicios ximnásticos. E o mesmo na carreira e na loita. Así, todo coñecedor foxe do exceso e do defecto, buscando e preferindo o termo medio, pero o termo medio non da cousa, senón para nós.

Se, polo tanto, toda arte ou ciencia consuma ben a súa obra mirando ao termo medio e encamiñando a el os traballos - e de aquí que a miúdo si diga das belas obras de arte que non é posíbel nin quitarlles nin engadirlles nada, coma se o exceso e o defecto estragaran a perfección, entrementres que o termo medio a conserva -, se, pois, como dicimos, os bos artífices operan atendendo a isto, e se, por outra parte, a virtude, corno a natureza, é máis exacta e mellor que toda arte, ela tamén, de conseguinte, deberá apuntar ao termo medio.

Falo, ben entendido, da virtude moral, que ten por materia paixóns e accións, nas cales hai exceso e defecto e termo medio. Así por exemplo, no ter medo, no ter audacia, no desexar, no irarse, no compadecerse, e en xeral no ter pracer ou dor, hai seu máis e o seu menos, e ningún dos dous está ben. Pero experimentar esas paixóns cando é preciso, nas circunstancias debidas, con respecto a tales ou cales persoas, por unha causa xustificada e da maneira apropiada, velaí o termo medio, que é ao mesmo tempo o mellor, e isto é o propio da virtude.

Nas accións, así mesmo, hai exceso e defecto e termo medio. A virtude, polo tanto, ten por materia paixóns e accións nas cales se penca por exceso e incórrese en censura por defecto, mentres que o termo medio obtén a gabanza e o éxito, dobre resultado propio da virtude. En consecuencia, a virtude é unha posición intermedia, posto que apunta ao termo medio.

Hai que engadir aínda que un pode errar de moitos xeitos, pois o mal, como llelo representaban aos pitagóricos, pertence ao infinito, e o ben ao finito, e dunha soa maneira é o acerto. Polo cal o un é fácil, o outro difícil: fácil o falla-la mira, difícil o dar nela. E por isto, en fin, é propio do vicio o exceso e o defecto, e da virtude a posición intermedia:

Os bos sono dun modo único, e de todos os modos os malos.

A virtude é, polo tanto, un hábito selectivo, consistente nunha posición intermedia para nós, determinada pola razón e tal como a determinaría o home prudente. Posición intermedia entre dous vicios, o un por exceso e o outro por defecto. E así, uns vicios pecan por defecto e outros por exceso do debido nas paixóns e nas accións, mentres que a virtude atopa e elixe o termo medio. Polo cal segundo a súa substancia e a definición que expresa a súa esencia, a virtude é medio, perodende o punto de vista da perfección e do ben, é extremo.

Non toda acción, sen embargo, nin toda paixón admiten unha posición intermedia. Algunhas noméanse precisamente implicadas coa súa perversión, como a alegría do mal alleo, a impudencia, a envexa; e entre as accións o adulterio, o roubo, o homicidio. Todas estas cousas son obxecto de censura por ser ruíns en si mesmas, e non polos seus excesos nin polos seus defectos. Con respecto a elas non hai maneira de conducirse rectamente xamais, senón que sempre se erra. Non hai nestes asuntos un facer ben ou un non facer ben, como en canto a con que muller, ou como, ou cando cometer adulterio, senón que sinxelamente o facer calquera destas cousas é errar.

Sería igualmente absurdo pretender que na inxustiza, na covardía e no desenfreo puidese haber un medio, un exceso e un defecto, porque entón habería un medio do exceso e do defecto, e un exceso do exceso, e un defecto do defecto. Así como na temperanza e na valentía non hai exceso nin defecto, por ser o termo medio en certo modo un extremo, tampouco naquelas cousas hai medio nin exceso nin defecto, senón que como queira que se obre, érrase. En suma, non hai termo medio do exceso nin do defecto, como tampouco exceso nin defecto do termo medio.

Aristóteles, Ética Nicomaquea, Libro II, Capítulo V (Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia)