Aristóteles
(- 384 a - 322)
Textos de Aristóteles
Fragmento da Ética Nicomáquea
Nesta coñecida pasaxe da "Ética Nicómaquea" Aristóteles danos a definición da virtude e explícanos como entender a regra do termo medio.
Ética Nicomaquea, Libro II
Capítulo V
Examinemos en seguida que sexa a virtude. Posto que todo o que se dá na alma son paixóns, potencias e hábitos, a virtude deberá ser algunha destas tres cousas.
Chamo paixóns ao desexo, á cólera, ao temor, á audacia, á envexa, á alegría, ao sentimento amigábel, ao odio, á nostalxia, á emulación, á piedade, e en xeral a todas as afeccións ás que son concomitantes o pracer ou a pena. Chamo potencias ás facultades que nos fan pasíbeis deses estados, como son as que nos fan capaces de irarnos ou contristarnos ou compadecernos. E chamo hábitos ás disposicións que nos fan conducirnos ben ou mal no que fai ás paixóns coma, por exemplo, se ao irarnos o facemos con vehemencia ou remisamente, estaremos mal dispostos, e se o facemos con medida, ben dispostos, e así nas demais paixóns.
Nin as virtudes nin os vicios son, polo tanto, paixóns. Como queira que non se nos declara virtuosos ou viciosos segundo as nosas paixóns, senón segundo as nosas virtudes ou vicios, non é polas paixóns polo que se nos eloxia ou censura: non se eloxia ao temoroso ou ao irado, nin se reprocha o que algún monte en cólera por este só feito, senón pola maneira ou circunstancias. Polo contrario dispénsasenos gabanza ou censura polas virtudes e vicios.
Allende disto, non depende da nosa elección airarnos ou temer, mentres que as virtudes si son eleccións ou polo menos non se dan sen elección.
Finalmente, dise que nos moven as paixóns, mentres que, polas virtudes e vicios non se nos move, senón que estamos de tal ou tal modo dispostos.
Polos mesmos motivos as virtudes non son tampouco potencias, como queira que non se nos llama bos ou malos nin se nos eloxia ou censura pola simple capacidade de ter paixóns. E ademais, se posuírnos estas capacidades por natureza, non vimos ser bos ou malos por natureza. Con antelación xa nos explicamos acerca diste punto.
Se, xa que logo, as virtudes non son nin paixóns nin potencias, non queda senón que sexan hábitos. Co cal está dito a que xénero pertence a virtude.
Capítulo VI
Non abonda, sen embargo, con dicir así que a virtude é un hábito, senón que é preciso dicir cal. Digamos, pois, que toda virtude perfecciona a boa disposición daquilo cuxa virtude é, e produce axeitadamente a súa obra propia: como, por exemplo, a virtude do ollo fai bo ao ollo e á súa función: pola virtude do ollo vemos ben. Do mesmo xeito a virtude do cabalo faille ser bo cabalo, apto para correr, para levar ao xinete e para esperar ao inimigo.
Se é así, pois, en todos os casos, a virtude do home será entón aquel hábito polo cal o home faise bo e grazas ao cal realizará ben a obra que lle é propia.
De que xeito sexa isto posíbel, xa o dixemos, pero farase máis claro aínda, se consideramos cal é a natureza da virtude.
En toda cantidade continua e divisíbel pode distinguirse o máis, o menos e o igual, e isto na cousa mesma ou ben con relación a nós. Pois ben, o igual é un medio entre o exceso e o defecto. Chamo termo medio dunha cousa ao que dista igualmente dun e outro dos extremos, o cal é un e o mesmo para todos. Mas con respecto a nós, o medio é o que non é excesivo nin defectuoso, pero isto xa non é un, nin o mesmo, para todos. Por exemplo: se dez é moito e dous é pouco, tomamos seis como termo medio na cousa, posto que por igual excede e é excedido, e é o termo medio segundo a proporción aritmética. Para nós, en cambio, xa non pode tomarse así. Se para alguén é moito comer por valor de dez minas e pouco por valor de dúas, non por isto o mestre de ximnasia prescribirá un xantar de seis minas, pois tamén isto podería ser moito ou pouco para quen a tivera que comela: pouco para Milón, e moito para quen empece os exercicios ximnásticos. E o mesmo na carreira e na loita. Así, todo coñecedor foxe do exceso e do defecto, buscando e preferindo o termo medio, pero o termo medio non da cousa, senón para nós.
Se, polo tanto, toda arte ou ciencia consuma ben a súa obra mirando ao termo medio e encamiñando a el os traballos - e de aquí que a miúdo si diga das belas obras de arte que non é posíbel nin quitarlles nin engadirlles nada, coma se o exceso e o defecto estragaran a perfección, entrementres que o termo medio a conserva -, se, pois, como dicimos, os bos artífices operan atendendo a isto, e se, por outra parte, a virtude, corno a natureza, é máis exacta e mellor que toda arte, ela tamén, de conseguinte, deberá apuntar ao termo medio.
Falo, ben entendido, da virtude moral, que ten por materia paixóns e accións, nas cales hai exceso e defecto e termo medio. Así por exemplo, no ter medo, no ter audacia, no desexar, no irarse, no compadecerse, e en xeral no ter pracer ou dor, hai seu máis e o seu menos, e ningún dos dous está ben. Pero experimentar esas paixóns cando é preciso, nas circunstancias debidas, con respecto a tales ou cales persoas, por unha causa xustificada e da maneira apropiada, velaí o termo medio, que é ao mesmo tempo o mellor, e isto é o propio da virtude.
Nas accións, así mesmo, hai exceso e defecto e termo medio. A virtude, polo tanto, ten por materia paixóns e accións nas cales se penca por exceso e incórrese en censura por defecto, mentres que o termo medio obtén a gabanza e o éxito, dobre resultado propio da virtude. En consecuencia, a virtude é unha posición intermedia, posto que apunta ao termo medio.
Hai que engadir aínda que un pode errar de moitos xeitos, pois o mal, como llelo representaban aos pitagóricos, pertence ao infinito, e o ben ao finito, e dunha soa maneira é o acerto. Polo cal o un é fácil, o outro difícil: fácil o falla-la mira, difícil o dar nela. E por isto, en fin, é propio do vicio o exceso e o defecto, e da virtude a posición intermedia:
Os bos sono só dun xeito, e de todos os xeitos os malos.
A virtude é, polo tanto, un hábito selectivo, consistente nunha posición intermedia para nós, determinada pola razón e tal como a determinaría o home prudente. Posición intermedia entre dous vicios, o un por exceso e o outro por defecto. E así, uns vicios pecan por defecto e outros por exceso do debido nas paixóns e nas accións, mentres que a virtude atopa e elixe o termo medio. Polo cal segundo a súa substancia e a definición que expresa a súa esencia, a virtude é medio, pero dende o punto de vista da perfección e do ben, é extremo.
Non toda acción, sen embargo, nin toda paixón admiten unha posición intermedia. Algunhas noméanse precisamente implicadas coa súa perversión, como a alegría do mal alleo, a impudencia, a envexa; e entre as accións o adulterio, o roubo, o homicidio. Todas estas cousas son obxecto de censura por ser ruíns en si mesmas, e non polos seus excesos nin polos seus defectos. Con respecto a elas non hai maneira de conducirse rectamente xamais, senón que sempre se erra. Non hai nestes asuntos un facer ben ou un non facer ben, como en canto a con que muller, ou como, ou cando cometer adulterio, senón que sinxelamente o facer calquera destas cousas é errar.
Sería igualmente absurdo pretender que na inxustiza, na covardía e no desenfreo puidese haber un medio, un exceso e un defecto, porque entón habería un medio do exceso e do defecto, e un exceso do exceso, e un defecto do defecto. Así como na temperanza e na valentía non hai exceso nin defecto, por ser o termo medio en certo modo un extremo, tampouco naquelas cousas hai medio nin exceso nin defecto, senón que como queira que se obre, érrase. En suma, non hai termo medio do exceso nin do defecto, como tampouco exceso nin defecto do termo medio.
Aristóteles, Ética Nicomaquea, Libro II, Capítulo V (Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia)Nota do autor sobre a tradución do título.
¿"Ética a Nicómaco" ou "Ética Nicomaquea"? Comentario de Antonio Gómez Robledo na súa Introdución á "Ética Nicomaquea":
Baixo o nome de Aristóteles, en efecto, circularon por séculos, como expositoras da doutrina moral do filósofo, estas tres obras: Gran Etica, Etica Eudemia e Etica Nicomaquea. E escribimos as nomes das dúas últimas así cos seus adxectivos, e non "a Eudemo" e "a Nicómaco", como se dicía antes (non en grego nin en latín, senón en romance), e que era un puro desatino, xa que, como advirten Grant e Jaeger, ao dilucidar o punto definitivamente, o costume das dedicatorias era aínda completamente descoñecida en tempo de Aristóteles, e non hai indicio algún de que tratase el de estabelecela. Debe, polo tanto, restaurarse dunha vez por todas a recta interpretación da máis alta antigüidade, que non viu nos ditos adxectivos senón os nomes de dous editores de diversos escritos morais de Aristóteles, e que foron o seu fillo Nicómaco e o seu discípulo Eudemo de Rodas.