Aristóteles
(- 384 a - 322)
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 1
Realiza unha análise do primeiro capítulo do libro IX da Metafísica, na que se saliente a súa estrutura argumentativa. Metafísica, Libro IX
Metafísica, Libro IX
Capítulo I
Falaramos xa do ser primeiro, daquel ao que se refiren todas as demais categorías; nunha palabra, da substancia. Os demais seres son seres por mor da súa relación coa substancia, e neste caso están a cantidade, a calidade e os atributos análogos. Todos estes seres, como dixemos nos libros precedentes, conteñen implicitamente a noción da substancia. O ser non só se toma no sentido de substancia, de calidade, de cantidade, senón que hai tamén o ser en potencia e o ser en acto, o ser relativamente á acción. Falemos, xa que logo, da potencia e do acto. Polo pronto, no que fai á potencia, observemos que a que merece verdadeiramente este nome non é o obxecto único do noso estudo presente; a potencia, o mesmo que acontece co acto, aplícase a outros seres que os que son susceptíbeis de movemento. Falaremos da potencia motriz no que imos dicir da actualidade; pero tamén falaremos doutras clases de potencia.
A potencia e o poder, que xa caracterizamos noutro lugar, tómanse en moitas acepcións. Non temos que ocuparnos das potencias que só o son de nome. Unha semellanza foi motivo de que se lle dese a algúns obxectos, na xeometría por exemplo, o nome de potencias; e outras cousas supuxéronse potentes ou impotentes por mor dunha certa maneira de ser ou de non ser.
As potencias poden referirse a un mesmo xénero; todas elas son principios, e líganse a un poder primeiro e único, o do cambio, que reside noutro ser en tanto que outro. A potencia de ser modificado é, no ser pasivo, o principio do cambio, que é capaz de experimentar mediante a acción doutro ser en tanto que outro. A outra potencia é o estado do ser, que non é susceptíbel de ser modificado en mal, nin destruído por outro ser en tanto que outro, polo ser que é o principio do cambio. A noción da potencia primeira entra en todas estas definicións. As potencias de que falamos distínguense, ademais, en potencia simplemente activa ou simplemente pasiva, e en potencia de facer ben ou de padecer o ben. As nocións destas últimas encerran, polo tanto, en certa maneira, as nocións das potencias de que elas se derivan.
Un ser ten poder, xa porque ten a potencia de modificarse a si mesmo, xa porque ten a de modificar a outro ser. Agora ben; é evidente que a potencia activa e a potencia pasiva son, desde un punto de vista, unha soa potencia, e desde outro son dúas potencias. A potencia dáse ante todo no ser pasivo; e porque hai nel un principio, porque a materia é un principio, por isto o ser pasivo é modificado, e un ser modifica a outro ser. E así, o que é graxo é combustíbel; o que cede de certa maneira é fráxil e o mesmo en todo o demais. Logo hai a potencia no axente: como a calor e a arte de construír, o un no que quenta e o outro na arquitectura. Un axente natural non pode facerse experimentar a si mesmo ningunha modificación; hai unidade nel, e non é outro que el mesmo. A impotencia e a imposibilidade son o contrario da potencia, a privación desta; de xeito que hai respecto de cada potencia a impotencia da mesma cousa sobre o mesmo ser. Pero a privación enténdese de moitos xeitos. Hai a privación dunha cousa que naturalmente non se ten, e a privación do que se debería naturalmente ter; un ser padece privación, ben absolutamente, ben na época da posesión; tamén a privación é completa ou parcial; en fin, cando a violencia impide aos seres ter o que é propio da súa natureza, dicimos que estes seres padecen privación.
Aristóteles, Metafísica, Libro IX, Cap. I