Aristóteles
(- 384 a - 322)
Textos de Aristóteles
Fragmento do libro IX da "Metafísica"
A estrutura acto/potencia é unha das innovacións aristotélicas que lle permitirá dar unha explicación do cambio sen caer nas aporías e contradicións dalgúns dos seus predecesores. No libro IX da Metafísica, do que se presenta un fragmento a seguir, fálanos desas dúas formas de ser relativamente á acción.
Metafísica, Libro IX
Índice de capítulos
I Da potencia e da privación II. Potencias Irracionais e potencias racionais. III. Refutación dos filósofos da escola de Megara, que pretendían que só hai potencia cando hai acto e que onde non hai acto non hai potencia. IV É susceptíbel de non existir xamais, nin no presente nin no porvir. unha cousa posíbel? V. Condicións da acción da potencia. VI. Natureza e calidade da potencia. VII. En que casos non a hai e en que casos haina. VIII. O acto é anterior á potencia e a todo principio de cambio. IX. A actualidade do ben é superior á potencia do ben; o contrario acontece co mal. As propiedades dos seres póñense en claro mediante a redución ao tacto. X. Do verdadeiro e do falso.
(Nota: Só se recollen a seguir os capítulos I a VI)
Capítulo I
Falaramos xa do ser primeiro, daquel ao que se refiren todas as demais categorías; nunha palabra, da substancia. Os demais seres son seres por mor da súa relación coa substancia, e neste caso están a cantidade, a calidade e os atributos análogos. Todos estes seres, como dixemos nos libros precedentes, conteñen implicitamente a noción da substancia. O ser non só se toma no sentido de substancia, de calidade, de cantidade, senón que hai tamén o ser en potencia e o ser en acto, o ser relativamente á acción. Falemos, xa que logo, da potencia e do acto. Polo pronto, no que fai á potencia, observemos que a que merece verdadeiramente este nome non é o obxecto único do noso estudo presente; a potencia, o mesmo que acontece co acto, aplícase a outros seres que os que son susceptíbeis de movemento. Falaremos da potencia motriz no que imos dicir da actualidade; pero tamén falaremos doutras clases de potencia.
A potencia e o poder, que xa caracterizamos noutro lugar, tómanse en moitas acepcións. Non temos que ocuparnos das potencias que só o son de nome. Unha semellanza foi motivo de que se lle dese a algúns obxectos, na xeometría por exemplo, o nome de potencias; e outras cousas supuxéronse potentes ou impotentes por mor dunha certa maneira de ser ou de non ser.
As potencias poden referirse a un mesmo xénero; todas elas son principios, e líganse a un poder primeiro e único, o do cambio, que reside noutro ser en tanto que outro. A potencia de ser modificado é, no ser pasivo, o principio do cambio, que é capaz de experimentar mediante a acción doutro ser en tanto que outro. A outra potencia é o estado do ser, que non é susceptíbel de ser modificado en mal, nin destruído por outro ser en tanto que outro, polo ser que é o principio do cambio. A noción da potencia primeira entra en todas estas definicións. As potencias de que falamos distínguense, ademais, en potencia simplemente activa ou simplemente pasiva, e en potencia de facer ben ou de padecer o ben. As nocións destas últimas encerran, polo tanto, en certa maneira, as nocións das potencias de que elas se derivan.
Un ser ten poder, xa porque ten a potencia de modificarse a si mesmo, xa porque ten a de modificar a outro ser. Agora ben; é evidente que a potencia activa e a potencia pasiva son, desde un punto de vista, unha soa potencia, e desde outro son dúas potencias. A potencia dáse ante todo no ser pasivo; e porque hai nel un principio, porque a materia é un principio, por isto o ser pasivo é modificado, e un ser modifica a outro ser. E así, o que é graxo é combustíbel; o que cede de certa maneira é fráxil e o mesmo en todo o demais. Logo hai a potencia no axente: como a calor e a arte de construír, o un no que quenta e o outro na arquitectura. Un axente natural non pode facerse experimentar a si mesmo ningunha modificación; hai unidade nel, e non é outro que el mesmo. A impotencia e a imposibilidade son o contrario da potencia, a privación desta; de xeito que hai respecto de cada potencia a impotencia da mesma cousa sobre o mesmo ser. Pero a privación enténdese de moitos xeitos. Hai a privación dunha cousa que naturalmente non se ten, e a privación do que se debería naturalmente ter; un ser padece privación, ben absolutamente, ben na época da posesión; tamén a privación é completa ou parcial; en fin, cando a violencia impide aos seres ter o que é propio da súa natureza, dicimos que estes seres padecen privación.
Capítulo II
Entre os principios de que falamos, hai uns que residen nos seres inanimados, outros nos seres animados, na alma, na parte da alma na que se atopa a razón. Como se ve, ten que haber potencias irracionais e racionais; e todos os actos, todas as ciencias prácticas, todas as ciencias, en fin, son potencias, pois son principio de cambio noutro ser en tanto que outro. Cada potencia racional pode producir por si soa efectos contrarios, pero cada unha das potencias irracionais produce un só e mesmo efecto. A calor só é causa da calefacción, mentres que a medicina pode selo de enfermidade e de saúde. Verifícase así, porque a ciencia é unha explicación racional. Agora ben, a explicación racional explica o obxecto e a privación do obxecto, só que non é da mesma maneira. A partir dun punto de vista, o coñecemento do un e do outro é o obxecto da explicación racional: pero desde outro punto, é principalmente o do obxecto mesmo.
As ciencias desta especie son polo mesmo necesariamente ciencias dos contrarios, pero un dos contrarios é o seu propio obxecto, mentres que o outro non o é. Elas explican o un en si mesmo; e só accidentalmente, se pode dicirse así, tratan do outro. Valéndose da negación é como mostran en contrario, facéndoo desaparecer. A privación primeira dun obxecto é en efecto o seu contrario; e esta privación é a supresión do obxecto.
Os contrarios non se producen no mesmo ser; pero a ciencia é unha potencia en tanto que contén a razón das cousas, e que hai na alma o principio do movemento. E así o san non produce máis que saúde, o quente calor, o frío a frialdade, mentres que o que sabe produce os dous contrarios. A ciencia coñece o un e o outro, pero dunha maneira diferente. Porque a noción dos dous contrarios atópase, pero non da mesma maneira, na alma, que ten en si o principio do movemento; e do mesmo principio, da alma, aplicándose a un só e mesmo obxecto, fará saír ambos contrarios. Os seres racionalmente potentes están nun caso contrario ao caso no que se atopan os que non teñen máis que unha potencia irracional; non hai na noción destes últimos máis que un principio único.
É claro que a potencia do ben leva consigo a idea de potencia activa ou pasiva; pero non acompaña sempre a esta. O que obra o ben, necesariamente obra; mentres que o que soamente obra, non obra necesariamente o ben.
Capítulo III
Hai filósofos que pretenden, como os de Mégara por exemplo, que non hai potencia máis que cando hai acto; que cando non hai acto non hai potencia; e así que o que non constrúe non ten o poder de construír, pero que o que constrúe ten este poder cando constrúe; e o mesmo en todo o demais. Non é difícil ver as consecuencias absurdas deste principio. Evidentemente, entón non se será construtor se non se constrúe, porque a esencia do construtor é o ter o poder de construír. O mesmo acontece coas demais artes. É imposíbel posuír unha arte sen aprendela, sen que se nos transmitira, ou deixar de posuíla sen que se perdera (pérdese esquecéndoa, ou por calquera circunstancia, ou por efecto do tempo; porque non falo do caso da destrución do obxecto sobre o que a arte opera, nesta hipótese a arte subsiste sempre). Agora ben, se se deixa de obrar, non se posuirá xa a arte. Sen embargo, poderase poñer a construír inmediatamente; como terá recobrado a arte? O mesmo será respecto dos obxectos inanimados, o frío, o quente, o doce; e nunha palabra, todos os obxectos sensíbeis non serán cousa algunha independentemente do ser que sente. Vénse parar entón ao sistema de Protágoras. Engádase a isto que ningún ser terá sequera a facultade de sentir se realmente non sente, se non ten sensación en acto. Se chamamos cego ao ser que non ve, cando está na súa natureza o ver e na época na que debe pola súa natureza ver, os mesmos seres serán cegos e xordos moitas veces ao día. Máis aínda; como aquilo para o que non hai potencia é imposíbel, será posíbel que o que non é producido actualmente sexa producido nunca. Pretender que o que ten a imposibilidade de ser existe ou existirá, sería sentar unha falsidade, como o indica a mesma palabra imposíbel.
Semellante sistema suprime o movemento e a produción. O ser que está en pé estará sempre en pé; o ser que está sentado estará eternamente sentado. Non poderá erguerse se está sentado, porque o que non ten o poder de erguerse está na imposibilidade de erguerse. Se non se poden admitir estas consecuencias, é evidente que a potencia e o acto son dúas cousas diferentes: e este sistema o que fai é identificar a potencia e o acto. O que aquí se intenta suprimir é unha cousa de grandisima importancia. Queda, pois, sentado que unhas cousas poden existir en potencia e non existir en acto, e que outras poden existir realmente e non existir en potencia. O mesmo acontece con todas as demais categorías. Adoita acontecer que un ser que ten o poder de andar non ande; que ande un ser que ten o de non andar. Digo que unha cousa é posíbel cando o seu tránsito da potencia ao acto non entraña ningunha imposibilidade. Por exemplo: se un ser ten o poder de estar sentado; se é posíbel, en fin, que este ser estea sentado, o estar sentado non producirá para este ser ningunha imposibilidade. Igual acontece se ten o poder de recibir ou imprimir o movemento, de terse en pé ou manter en pé a outro obxecto, de ser ou de devir, de non ser ou de non devir.
Con relación ao movemento deuse principalmente o nome de acto á potencia activa e ás demais cousas; o movemento, en efecto, parece ser o acto por excelencia. Por esta razón non se atribúe o movemento ao que non existe; refíresllo a algunhas das demais categorías. Das cousas que non existen dise con razón que son intelixíbeis, apetecíbeis, pero non que están en movemento. E isto porque non existen ao presente en acto senón que só poden existir en acto; porque entre as cousas que non existen, algunhas existen en potencia, aínda que realmente non existen porque non existen en acto.
Capítulo IV
Se o posíbel é, como dixemos, o que pasa ao acto, evidentemente non é exacto dicir: tal cousa é posíbel, pero non se verificará. Doutra maneira o carácter do imposíbel escápasenos. Dicir por exemplo: a relación da diagonal co lado do cadrado pode ser medida, pero non o será, é non ter en conta o que é a imposibilidade. Dirase que nada obsta a que respecto a unha cousa que non existe ou non existirá haxa posibilidade de existir ou de que existira. Pero admitir esta proposición, e supoñer que o que non existe, pero é posíbel, existe realmente ou existiu, é admitir que non hai nada imposíbel. Pero hai cousas imposíbeis: medir a relación da diagonal co lado do cadrado. Non hai identidade entre o falso e o imposíbel. É falso que esteas en pé agora, pero non é imposíbel.
É evidente, por outra banda, que se a existencia de A leva consigo necesariamente a existencia de B, se pode existir A, necesariamente B pode existir igualmente. Porque se a existencia de B non é necesariamente posíbel, nada obsta a que á súa existencia sexa posíbel. Supóñase, pois, que A é posíbel; no caso da posibilidade da existencia de A, admitir que A existe non supón ningunha imposibilidade. Agora ben, neste caso B existe necesariamente. Pero admitimos que B podería ser imposíbel. Supóñase a B imposíbel. Se B é imposíbel, necesariamente A éo igualmente. Pero antes A era posíbel; logo B é posíbel; logo sendo posíbel A, necesariamente B é posíbel se entre A e B hai unha relación tal, que existindo A, B necesariamente existe. Logo se A e B están neste caso, admitir entón que B non é posíbel é admitir que A e B non están entre si como o admitiramos. E se sendo posíbel A, é necesariamente posíbel B, a existencia de A arrastra tras de si a de B. En efecto, B é necesariamente posíbel cando A o é, o cal significa: que cando A existe en calquera circunstancia e de calquera maneira que poida existir, entón B existe igualmente e é necesario que exista no mesmo concepto que A.
Capítulo V
Unhas potencias son postas en nós pola natureza, como os sentidos; outras véñennos dun hábito adquirido, como a habilidade de tocar a frauta; e outras son froito do estudo; por exemplo, as artes. É preciso que haxa un exercicio anterior para que posuamos as que se adquiren polo hábito ou polo razoamento; pero as que son doutra clase, así como as potencias pasivas, non esixen este exercicio. Potente é o que pode algo en calquera circunstancia e maneira e con tódolos demais caracteres que entran necesariamente na definición. Certos seres que poden producir o movemento racionalmente, e as súas potencias, son racionais, mentres que os outros están privados de razón e só teñen potencias irracionais; as primeiras residen necesariamente nun ser animado, mentres que estas residen en seres animados e en seres inanimados. Respecto ás potencias desta última especie, desde que o ser pasivo e o ser activo se aproximan nas condicións requiridas pola acción da potencia, entón é necesario que o un obre e o outro padeza a acción; pero isto non é necesario nas potencias da outra especie. Isto consiste en que cada unha das primeiras, todas sen excepción, só producen un só efecto, mentres que cada unha das racionais produce o contrario.
A potencia, dirase, produce entón simultaneamente o contrario. Pero isto é imposíbel. É preciso, polo tanto, que exista algunha outra cousa que determine o modo, a acción; como por exemplo, o desexo ou a resolución. A cousa cuxa realización se desexe, será a cousa que deberá realizarse cando haxa verdadeiramente potencia e o ser activo estea en presenza do ser pasivo. Logo a partir do momento en que o desexo se deixe sentir nel, o ser dotado dunha potencia racional fará a cousa que ten poder de facer con tal que a condición requirida se cumpra. Agora ben, a condición da súa acción é a presenza do obxecto pasivo e certa maneira de ser neste obxecto. No caso contrario habería imposibilidade de orar. Polo demais, non temos necesidade de engadir que é indispensábel que ningún obstáculo exterior impida a acción da potencia. Un ser ten a potencia en tanto que ten poder de obrar; poder, non absoluto, senón sometido a certas condicións, nas que vai embebida a de que non haberá obstáculos exteriores. A supresión destes é a consecuencia mesma dalgúns caracteres que entran na definición de potencia. Por isto a potencia non pode producir a un tempo, ben se queira ou desexe, dous efectos, ou os efectos contrarios. Non ten o poder de producilos simultaneamente, nin tampouco o poder de producir simultaneamente efectos diversos. O que pode facer é o que fará.
Capítulo VI
Xa falamos da potencia motriz; ocupémonos agora do acto, e determinemos que é o acto e cales son os seus modos. Esta indagación levaranos a mostrar que por potente non se entende só o que ten a propiedade de mover outra cousa, ou de recibir dela o movemento; movemento propiamente dito, ou movemento de tal ou cal natureza, senón que ten tamén outras significacións, e fixaremos estas significacións no curso desta indagación. O acto é, respecto a un obxecto, o estado oposto á potencia: dicimos, por exemplo, que o Hermes está en potencia na madeira; que a metade da liña está en potencia na liña enteira, porque podería sacarse dela. Dáse igualmente o nome de sabio en potencia ata ao que non estuda, se pode estudar.
Pode concluírse destes diferentes exemplos particulares o que entendemos por acto, non precisamente para definilo con exactitude, pois ás veces temos que contentarnos con analoxías. O acto será o ser que constrúe, relativamente ao que ten a facultade de construír; o estar esperto, relativamente ao que dorme; o ser que ve, con respecto ao que ten os ollos pechados, tendo a facultade de ver; o obxecto que sae da materia, relativamente á materia; o feito, con relación ao non feito. Demos o nome de acto aos primeiros termos destas diversas relacións; os outros son a potencia.
"Acto" non se entende sempre da mesma maneira, como non sexa por analoxía. Dise: tal obxecto está en tal outro, ou é relativamente a tal outro; dise igualmente: tal obxecto está en acto en tal outro, ou é relativamente a tal outro. Porque o acto significa tan pronto o movemento relativamente á potencia, como a esencia relativamente a unha certa materia. A potencia e o acto, respecto do infinito, do baleiro e de todos os seres do xénero enténdense doutra maneira que respecto da maioría dos demais seres, tales como o que se ve, o que anda, o que é visto. Nestes últimos casos a afirmación da existencia pode ser verdadeira, xa absolutamente, xa en tal circunstancia dada. Dise visíbel ou do que é visto realmente, ou do que pode ser visto. Pero a potencia respecto ao infinito non é dunha natureza tal que o acto poida xamais realizarse, como non sexa polo pensamento; en tanto que a división se prolonga ata o infinito, dise que o acto da división existe en potencia, pero non existe xamais separado da potencia.
Todas as accións que teñen un termo non constitúen elas mesmas un fin, senón que tenden a un fin, como o fin do adelgazamento que é o enfraquecemento; tales accións como o adelgazamento son certamente movementos, pero non son o fin do movemento. Estes feitos non poden considerarse como actos, polo menos como actos completos, porque non constitúen un fin, senón soamente tenden a un fin e ao acto. Pódese ver, concibir, pensar e que xa e vira, concibira, pensara; pero non se pode aprender e que xa se aprendera a mesma cousa, curar e que xa se curara; pódese vivir ben e ter vivido ben, ser ditoso e ter sido ditoso asemade; sen isto sería preciso que houbese puntos de detida na vida, como pode acontecer co adelgazamento; pero xamais se verificou isto: vívese e viviuse.
Destes diferentes modos chamaremos aos uns movementos, aos outros actos, porque todo movemento é incompleto, como o adelgazamento, o estudo, a marcha, a construción; e os diferentes modos incompletos. Non se pode dar un paso e que xa se dera ao mesmo tempo, construír e que xa se construíra, devir e que xa se devira, imprimir ou recibir un movemento e que xa se recibira. O motor difiere do ser en movemento; pero o mesmo ser, polo contrario, pode ao mesmo tempo ver e ter visto, pensar e ter pensado: estes últimos feitos son os que eu chamo actos; os outros non son máis que movementos. Estes exemplos, ou calquera outro do mesmo xénero, abondan para probar claramente que é o acto e cal é a súa natureza.
Aristóteles, Metafísica, Libro IX (Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia)