Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

1.1. Lóxica: os conceptos

A lóxica aristotélica

Aristóteles pasou á historia, entre outros cousas, como o primeiro sistematizador da lóxica. De feito, as súas propostas neste campo, xunto ás achegas dos estoicos, constituíron practicamente toda a lóxica ata o século XIX. O mesmo Kant, quen toma a clasificación aristotélica dos xuízos como base para realizar a dedución transcendental das categorías do entendemento, aspecto fundamental da súa obra, estráñase do feble avance da lóxica, desde Aristóteles, contrastándoo co irresistíbel avance da ciencia dende o Renacemento, xa que ámbalas dúas parecen ofrecernos unha forma de coñecemento seguro.

As obras de lóxica de Aristóteles (Categorías, Sobre a interpretación, Primeiros analíticos, Analíticos posteriores e Tópicos) foron agrupadas nun conxunto chamado Organon, que os filósofos interpretaron tradicionalmente como unha propedéutica, unha preparación para a filosofía. Con iso pretendían recalcar que o coñecemento das leis do razoamento era fundamental, un paso previo, para calquera ulterior estudo, e que tería que estar en posesión de tal coñecemento quen quixesen penetrarse no terreo da filosofía. A diferenza da moderna lóxica formal, a lóxica aristotélica parte do suposto de que as formas de pensamento reproducen o que ocorre na realidade, ou sexa, que as cousas extra-mentales existen tal como son pensadas pola mente, polo que as categorías da mente son categorías obxectivas, categorías da realidade. Dese xeito as categorías do pensamento adquiren un sentido ontolóxico, así coma o carácter propedéutico que sinalou a tradición filosófica.

A lóxica aristotélica ocúpase do estudo dos conceptos, (adicando especial atención aos predicábeis), e das categorías (ou predicamentos), e complétase coa análises dos xuízos e das formas de razoamento, ocupándose especialmente dos razoamentos dedutivos categóricos ou siloxismos, en canto formas de demostración propias do coñecemento científico.

Os conceptos

O concepto é entendido coma a representación intelectual dun obxecto, diferenciándose, pois, do sentido, o percibido, o imaxinado ou o lembrado. As propiedades dos conceptos son a comprensión e a extensión: a primeira denota as características esenciais que contén un concepto, e a segunda o número, a cantidade de suxeitos aos que pode aplicarse, dos que se pode predicar. Canto maior sexa o número de características que contén un concepto, menor será o número de suxeitos aos que poida aplicarse, e viceversa. En función destas características pódense construír as coñecidas árbores lóxicas, como fixo Porfirio (século III d.c.), nos que se clasifican os conceptos estabelecendo entre eles unha relación de xerarquía e subordinación, de maior a menor extensión.

Xerarquía e subordinación dos conceptos segundo a árbore lóxica de PorfirioXerarquía e subordinación dos conceptos segundo a árbore lóxica de Porfirio

Por suposto, hai moitas clases de conceptos. Atendendo á súa extensión poden ser universais, particulares e singulares; atendendo á súa comprensión: simples e compostos, segundo expresen unha soa esencia, ou unha esencia acompañada dunha calidade; tamén poden ser, segundo a súa comprensión, concretos e abstractos, compatíbeis ou incompatíbeis, positivos ou negativos, claros ou escuros. Os que máis interesaron a Aristóteles foron os conceptos universais e os seus distintos tipos de atribución ou predicábeis. Os predicábeis son conceptos universais que poden aplicarse, pois, a moitos suxeitos. Nos Analíticos posteriores Aristóteles refírese a cinco predicábeis, ou modos xerais de atribución: xénero, especie, diferenza, propio e accidente. O xénero representa a parte da esencia que é común a varias especies; a especie representa a esencia do ser; a diferenza expresa a parte da esencia que non é común, senón característica da especie; propio, ou propiedade, expresa unha calidade que acompaña necesariamente á especie, e o accidente expresa unha calidade continxente, que pode estar ou non no ser.

Os xéneros supremos nos que se poden clasificar os seres son as categorías, ou predicamentos. Nas "Categorías" e nos "Tópicos" Aristóteles fixa en dez o seu número, estabelecendo unha distinción fundamental entre a substancia e os accidentes. A substancia é a categoría fundamental, o que existe en si mesmo; os accidentes son categorías que existen noutro ser, na substancia. Aristóteles clasifica os accidentes en 9 grupos: calidade, cantidade, relación, acción, paixón, lugar, tempo, situación, e hábito externo (en canto que é unha posesión ou condición do suxeito). Nos "Analíticos posteriores" fálanos só de oito categorías accidentais, suprimindo as dúas últimas, que son englobadas como aspectos das restantes. Na medida na que as categorías remiten ás formas de ser extramentales adquiren un marcado contido ontolóxico, dando por suposto que as cousas son captadas pola mente tal como son en realidade.

Os conceptos son actos mentais que expresamos mediante a linguaxe. A esa expresión lingüística do concepto chamámoslle "termo", e é obxecto da mesma clasificación atribuída aos conceptos. Os termos poden ser, ademais, se atendemos ao obxecto expresado, unívocos, equívocos e análogos. Son unívocos os termos que remiten a un só concepto, e aplícanse sempre co mesmo sentido ou significado. Son equívocos os termos cos que podemos expresar distintos conceptos, aplicándose en cada caso cun sentido distinto (León ten unha catedral, o león é o rei da selva). Ao termo que expresa conceptos diferentes, pero que teñen un fondo común, chámaselle análogo (Xan está san, este clima é san). A análise dos distintos tipos de analoxía interesou moito aos filósofos medievais e algúns problemas da relación entre o divino e o humano tratáronse coa análise dos distintos tipos de analoxía.