Tales de Mileto


Tales de Mileto

(- 624 a - 546)

Noticias recolleitas por Dióxenes Laercio sobre Tales

Tales, segundo escriben Herodoto, Duris e Demócrito, tivo por pai a Examio, e por nai a Cleobulina, da familia dos Telidas, que son fenicios moi nobres descendentes de Cadino e de Agenor, como di tamén Platón. Foi o primeiro que tivo o nome de sabio, cando se nomearon así os sete, sendo arconte en Atenas Damasipo, segundo escribe Demetrio Falero no Catálogo dos arcontes. Fixérono cidadán de Mileto cando foi alá en compañía de Neleo, a quen botaran de Fenicia; ou ben, como din moitos, foi natural da mesma Mileto e de sangue nobre.

Moitos téñeno polo primeiro que defendeu a inmortalidade do alma; deste número é o poeta Querilo. Foi o primeiro que descubriu a carreira do sol dun trópico a outro; e o primeiro que, comparando a magnitude do sol coa da lúa, dixo que esta era setecentas vinte veces menor que aquel, como escreben algúns. Foi o primeiro, segundo algúns, que disputou da Natureza. Aristóteles e Hipias din que Tales atribuíu alma a cousas inanimadas, demostrándoo pola pedra imán e polo electro. Pánfilo escribe que habendo aprendido dos exipcios a Xeometría, inventou o triángulo rectángulo nun semicírculo, e que sacrificou un boi polo descubrimento. Outros, atribúeno a Pitágoras, un dos cales é Apolodoro loxístico. Tamén promoveu moito o que di Galímaco nos seus Yambos que atopara Euforbo Frigio, a saber, o triángulo escaleno, e outras cousas concernentes á especulación das liñas.

Parece que en asuntos de goberno foron os seus consellos moi útiles; pois habendo Creso enviado embaixadores aos de Mileto solicitando a súa confederación na guerra contra Ciro, estorbouno Tales, o cal, saído Ciro vitorioso, foi a salvación de Mileto. Refire Clitón que foi amante da vida privada e solitaria, como lemos en Heráclides. Din algúns que se casou, e que tivo un fillo chamado Cíbiso; outros, afirman que viviu célibe, e adoptou un fillo da súa irmá; e que preguntado por que non procreaba fillos, respondeu que «polo moito que desexaba telos»... Cóntase tamén que apertándolle a súa nai a que se casase, respondeu que «aínda era temperá»; e que pasados algúns anos, urxindo a súa nai con maiores instancias, dixo que «xa era tarde». Escribe Xerónimo de Rodas, no libro II Das cousas memorábeis, que querendo Tales manifestar a facilidade con que podía enriquecerse, como coñecese que habería presto gran colleita de aceite, tomou en arrendo moitos oliveirais, e gañou moitísimo diñeiro.

Dixo que «a auga é o primeiro principio das cousas; que o mundo está animado e cheo de deuses». Foi o inventor das estacións do ano, e asignou a este trescentos sesenta e cinco días. Non tivo mestre algún, agás que viaxando por Exipto familiarizouse cos sacerdotes daquela nación. Xerónimo di que mediu as pirámides por medio da sombra, proporcionándoa coa nosa cando é igual ao corpo.

Sabido é o do trípode que acharon no mar uns mariñeiros, e a vila de Mileto enviouno aos sabios. Foi o caso que certos mozos xonios compraron a uns mariñeiros de Mileto un lance de rede, e como nela sacasen un trípode, moveuse controversia sobre iso, ata que os milesios consultaron o oráculo de Delfos, cuxa deidade respondeu:

A Febo preguntades, prole milesia, cuxo ha de ser o trípode? Pois dádello a quen for o primeiro dos sabios.

Déronllo, pois, a Tales; Tales deullo a outro sabio; este a outro, ata que parou en Solón; o cal, dicindo que «Deus era o primeiro sabio», enviou o trípode a Delfos.

Refírese que unha vez unha vella sacouno da casa para que observase as estrelas, e caeu nun foxo, e como se queixase da caída, díxolle a vella: «¡Oh, Tales, tu presumes de ver o que está no ceo, cando non ves o que tes aos pés!» Xa notou Temón que foi moi aplicado á Astronomía, e noméao nas súas Sátiras.

Por súas cóntanse estas sentencias: «Dos seres o máis antigo é Deus, por ser inxénito; o máis fermoso é o mundo, por ser obra de Deus; o máis grande é o espazo, porque o encerra todo; o máis veloz é o entendemento, porque corre por todo; o máis forte é a necesidade, porque todo o vence; o máis sabio é o tempo, porque todo o descobre». Dixo que «entre a morte e a vida non hai diferenza algunha»; e argumentándolle un dicindo: «Pois por que non te morres ti?», respondeu: «Porque non hai difrenza». A un que desexaba saber quen foi primeiro, a noite ou o día, respondeulle: «A noite foi un día antes que o día». Preguntándolle outro se os deuses vían as inxustizas dos homes, respondeulle: «E aínda ata os pensamentos». A un adúltero que lle preguntou se xuraría non haber adulterado, respondeulle: «Pois Non é peor o perxurio que o adulterio?».

Preguntado que cousa é difícil, respondeu: «O coñecérense a si mesmo». E tamén, que cousa é fácil, dixo: «Darlles consello a outros». Que cousa é agradábel? «Conseguir o que se desexa». Que cousa é Deus? «O que non ten principio nin fin». Que cousa vemos raras veces? «Un tirano vello». Como sufrirá un máis facilmente os infortunios? «Vendo aos seus inimigos peor tratados da fortuna». Como viviremos mellor e máis santamente? «Non cometendo o que reprendemos noutros». Quen é feliz? «O san de corpo, abundante en riquezas e dotado de entendemento». Dicía que «debémonos acordar dos amigos ausentes tanto como dos presentes. Que non o fermosear o exterior é cousa loábel, senón o debruzar o espírito coas ciencias». «Non te enriquezas - dicía tamén - con inxustizas; nin publiques segredo que se che fiara. O ben que fixeres aos teus pais, espérao dos teus fillos.» Foi da opinión que as inundacións do Nilo son causadas polos ventos etesios que sopran contra a corrente.

(Dióxenes Laercio, "Vidas de filósofos ilustres")